Adega
INICIO Novas ADEGA define como surrealista o pleno no que se aprobou o PXOM de Lugo
ADEGA define como surrealista o pleno no que se aprobou o PXOM de Lugo PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA define como surrealista o pleno no que se aprobou o PXOM de Lugo a FaceBookEnvia ADEGA define como surrealista o pleno no que se aprobou o PXOM de Lugo a Twitter
costas_parqueLugo, a 30 de setembro de 2010. ADEGA estivo presente nun pleno surrealista no que finalmente aprobouse o Plano Xeral de Ordenación Urbana de Lugo, pero no que non se entrou a valorar as cuestións fundamentais do documento sobre o futuro desenvolvemento e ordenación urbanística, nin moito menos a súa xustificación ambiental. O PXOM de Lugo aprobouse cos votos a favor de PP e PSOE e o voto en contra do BNG.

Dende ADEGA asistimos con preocupación a un pleno onde o equipo de goberno non entrou a valorar nin xustificar, aínda que fose a grandes rasgos, as liñas básicas de ordenación urbanística. Botamos en falla polo menos un modelo de concello plasmado nun documento. É este un documento feito a base de amaños e correccións de erros, xunto coa plasmación de determinados intereses, que non se puideron alegar desde o ano 2006, a pesar de constituíren relevantes cambios, nomeadamente no que atinxe aos núcleos rurais.

Consideramos, pois, provocadoras para todos os lucenses as palabras do grupo local do PSOE sobre a “súa aposta pola participación pública e democrática” na elaboración do planeamento.

Ao noso xuízo foi desesperanzador non escoitar en toda a sesión nin unha soa mención a documentos de transcendencia fundamental e que foron froito dunha verdadeira participación cidadá: referímonos á AXENDA 21 convertida, polo visto, nunha mera campaña publicitaria. Tampouco apareceron mencionados outros documentos ou plans elaborados coa participación social, como o Plano de Mobilidade ou o Plano Estratéxico. Neles aparecían reflectidos obxectivos concretos a levar a cabo e que deberan dirixir este plan hoxe aprobado de xestión da ordenación urbana e rural.

Tampouco se mencionou o papel deste planeamento para a contribución a nivel local da mitigación dos efectos do cambio climático e a mellora da calidade de vida das persoas.

Este plan debera ter sido unha ferramenta insustituíble para corrixir políticas urbanísticas causantes da actual crise social converténdose nunha continuación de políticas baseadas nos mesmos erros. O PXOM aprobado contempla un crecemento urbanístico desorbitado que non se axusta nin á demanda das mellores etapas da explosión urbanística.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 
galizamaxica

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA