A lingua galega: eixo temático dos roteiros de ADEGA Lugo 2010-2011 |
Lugo, a 29 de outubro de 2010. ADEGA Lugo vén de apresentar o seu programa de roteiros para o curso 2010-2011 que, desta volta, estará dedicado á lingua como principal eixo de conexión patrimonial e cultural entre os galegos e galegas, xunto coa paisaxe e o territorio de Galiza. O obxectivo é recoñecer e potenciar a lingua propia como vehículo de vida, entendemento e expresión do medio que nos arrodea para non deixar esmorecer o que constitúe o principal elemento da nosa identidade, hoxe ameazada. Descarrega o PROGRAMA de ROTEIROS 2010-2011 (0,5 Mb) .
Saudamos esta nova xeira de roteiros de Lugo para o curso 2010-2011. Estamos de novo a camiñar pola nosa terra na crenza de que só se quere o que se coñece. O patrimonio que herdamos está na nosa paisaxe e na nosa historia; mais tamén é patrimonio a LINGUA en que se transmite toda cultura. O idioma é o noso patrimonio inmaterial máis prezado. Porque as linguas son únicas, valiosas e abertas. Nas palabras fica encerrada a historia e os anceios dos pobos. O galego foi e será sempre o vehículo da nosa cultura. Ao seu son fomos arrolados no berce, namoramos e camiñamos polos roteiros desta Galiza verde e fermosa. En galego cantamos e acollemos. Abrazamos e despedimos aos que van embora. En galego aprendemos a falar mil outras linguas desde que fomos emigrantes, mariñeiros ou estudantes a viaxar polo mundo. Pero a nosa lingua está en serio perigo de ser esquecida e diluída entre a fala dominante transmitida polos medios de comunicación e pola nosa propia desidia para defendela e utilizala. Por iso este ano os nosos roteiros van ser dedicados á lingua galega. Un idioma culto, antigo e moderno que lle dá nome a todo cando podemos ver e sentir. Un patrimonio de toda a Terra, que os habitantes da Galiza temos a obriga de preservar, cultivar e transmitir as xeracións futuras. Non só temos a Terra herdada dos nosos maiores e emprestada dos nosos fillos e fillas; senón que o idioma tamén está emprestado dos nosos descendentes. Temos unha obriga con eles. Defendemos a biodiversidade e a xeodiversidade do Planeta como uns bens en si mesmos, porque permiten a continuidade dos ecosistemas que forman a Biosfera. Defendemos tamén a diversidade cultural e a transmisión do Patrimonio lingüístico enriquecido xeración após xeración. Braña, pedra, outeiro
Barcia, carballo, lameiro
Fervenza, cachón e cadoiro
Laio, xisto, penedo.
Berce, corredoira, cadaleito
Soño, regueiro, leito.
INFORMACIÓNS ÚTEIS: Lugar de saída: Avenida de Ramón Ferreiro (fronte a Escola de Maxisteiro), Lugo. Hora de saída: ás 9.00 horas, agás nos roteiros de maio e xuño que será ás 8.00 horas. Prégase puntualidade e aviso previo no caso de ausencia. Prezos: 15€ (non socios/as), 12€ (estudantes, parados, xubilados), 10€ (socios/as) e 5€ (menores de 17 anos). Reserva de praza. Chamar polo menos con 2 días de antelación a: 982240299 (ADEGA-Lugo) ou 679113718. *No caso de que houbera algunha modificación no programa de roteiros será comunicada oportunamente. PROGRAMA DE ROTEIROS POLA LINGUA (2010-2011)
|