Adega
INICIO Novas 500 persoas acudiron á chamada de "Máis talento, menos cemento" en Barreiros
500 persoas acudiron á chamada de "Máis talento, menos cemento" en Barreiros PDF Imprimir Correo-e
Envia 500 persoas acudiron á chamada de "Máis talento, menos cemento" en Barreiros a FaceBookEnvia 500 persoas acudiron á chamada de "Máis talento, menos cemento" en Barreiros a Twitter

barreiros_mogollonLugo, a 19 de setembro de 2010. Unhas 500 persoas e diversos colectivos, entre eles ADEGA, participaron este sábado no roteiro reivindicativo e na I Festa de Exaltación do Cemento de Barreiros, organizada pola plataforma “Máis talento, menos cemento”.  Ambos os dous actos trataron de amosar a oposición dunha grande parte dos veciños da localidade costeira á política urbanística caótica e desatada do actual alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, actualmente denunciado pola Fiscalía por un presunto de delicto de prevaricación urbanística.

Na sesión da mañá os manifestantes percorreron algúns dos puntos da vila que quedaron soterrados baixo o cemento por mor do desenvolvemento de promocións urbanísticas que agora están a ser investigadas pola Xustiza, e cuxas vivendas corresponden a algunhas das máis 3.100 que o concello deixou facer no ano 2006.

barreiros_cultoAcompañados da música da gaita e do tambor, os camiñantes foron chamando a atención  sobre aqueles bens materiais e inmateriais que foron sentenciados polas construtoras e que pertencen á memoria colectiva da vila, como: a Casa do Culto, a antiga Escola, hórreos, árbores, pequenos negocios que subministraban os servizos á poboación, lugares que agochan as vidas e obras dos seus persoeiros máis talentosos, etc. Os propios veciños contaron aos camiñantes a historia de cada lugar e a dos seus protagonistas, os cales demostraron ter un grande talento (no deporte, no folklore, nas artes, nos oficios…) para saír adiante, en contra do que agora se promove: bloques de formigón. En cada parada do camiño, os máis de 70 participantes deste roteiro reivindicativo, facían un brinde polo que, fisicamente, xa se foi, mais que aínda queda no recordo.

barreiros_actuacionA xornada completouse pola noite coa chamada “I Festa da exaltación do cemento” na que houbo actuacións de grupos  locais e non locais de música, grupos de teatro e de danza, de humor e na que se leron manifestos a favor dun desenvolvemento sostible e racional e animando á busca dun modelo económico e social que non sexa o baseado na especulación urbanística e na ocupación desaforada da primeira liña de mar e de terreo produtivo.

barreiros_publicoTamén se proxectou o vídeo “Imaxina Barreiros” no que veciños da localidade destacaron os cambios sufridos pola vila nos últimos anos. Preto de 500 persoas participaron neste acto, atraídas polo motivo e a orixinalidade do acto que, ademais, foi autofinanciado coa aportación voluntaria dos asistentes.

barreiros_postoADEGA, que tamén apoiou a causa e participou en todas actividades programadas, quere trasladar as súas felicitacións aos veciños de Barreiros que tiveron e levaron adiante esta iniciativa, e polo talento demostrado, xa que comparte a idea de que para avanzar cara ao futuro non fai falla destruír o pasado nin a personalidade das vilas, aldeas ou cidades.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 
galizamaxica

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA