Adega
INICIO Novas ADEGA participou na mobilización en contra da minicentral do Eo
ADEGA participou na mobilización en contra da minicentral do Eo PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA participou na mobilización en contra da minicentral do Eo a FaceBookEnvia ADEGA participou na mobilización en contra da minicentral do Eo a Twitter

cartazEOLugo a 07 de setembro de 2010.- Máis dun cento de persoas participaron o pasado domingo día 5 de setembro no roteiro reivindicativo organizado pola Plataforma “Salvemos o Río Eo” do concello de Ribeira de Piquín. A marcha tivo como obxectivo reclamar unha vez máis a caducidade da concesión dunha minicentral hidroeléctrica a instalar no río Eo. O percorrido foi de 10 quilómetros desde a Ponte de Mede ata o lugar coñecido como Os Congos (penso que se chama Os Cangos), seguindo a zona que se vería máis afectada de se executar o proxecto.

 

Neste acto participaron ADEGA, veciños e veciñas de Meira, A Pontenova, Ribieira de Piquín ou Fonsagrada, representantes políticos do BNG e do PSOE e cargos locais dos municipios concellos de A Pontenova e Ribeira de Piquín, así como representantes das asociacións que integran a plataforma Salvemos o Eo e dun xeito especial os colectivos de pescadores.2010_0905oSalvemos0198

Tras a marcha, Daniel López Vispo, membro de ADEGA, leu o manifesto “E o Eo tamén é teu” en nome da Plataforma “Salvemos o río Eo”, no que os manifestantes expuxeron os motivos de rexeitamento a este proxecto.Logo celebrouse un xantar no Chao do Pousadoiro.

A continuación, achegamos o contido do manifesto:

E O EO TAMÉN É TEU!

Amigas e amigos:

2010_0905oSalvemos0203

Antes de nada,
-en nome das asociacións e institucións que, dende a Plataforma Salvemos o Río Eo, convocamos esta xornada de roteiro e de lecer pola beiras do río,
- en nome dos veciños e veciñas do río,
-en nome das Asociacións de Pescadores do río Eo e
-en nome tamén dos concellos da Ribeira de Piquín e A Pontenova,
moitas grazas por dispoñer do voso tempo libre de hoxe para acompañarnos nesta xornada reivindicativa en defensa do río.
Acabamos de dar un pequeno paseo polas beiras do Eo. Un paseo, amigas e amigos, no que tivemos a oportunidade de gozarmos da compañía do río e da exuberancia da súa vida e da súa paisaxe.
Despois desta andaina todas e todos entendemos mellor que un río é moito máis que unha canle de auga camiño do mar: o río, -coa súa auga e as súas beiras, coa súa vida e  as súas paisaxes, co seu patrimonio e  a súa historia-, é, antes de nada, todo un insubstituíbel ecosistema de hábitats e de vida, de cultura e de identidade, que só, dende a prepotencia da irracionalidade, poderíamos deixar de valorar.
Non é por acaso que as primeiras civilizacións teñan nacido na beira dos ríos ou que os vales fluviais teñan sido durante miles de anos o sustento vital das nosas cidades.
Hai tempo que sabemos que o río é vida: por iso aprendemos a regar os nosos prados e as nosas hortas cuns sistemas de rega exemplo, case que sempre, de sustentabilidade ambiental e, non poucas veces, exemplo tamén de arte e de enxeñería;
Hai tempo que sabemos que na auga do río hai forza e enerxía: e por iso hai séculos que, sen comprometer os seus usos para a vida, a vimos utilizando para moer o gran nos muíños, para moldear o ferro nos mazos, para afiar as ferramentas nas moas, ou para bater o liño e os curtidos na lousa dos batáns.
Hai tempo que sabemos que na auga do río hai, ademais de vida, forza e enerxía e, cando aprendemos a transformala en enerxía eléctrica, fomos en Galiza unha terra pioneira en emprendedores, moitas veces anónimos,  que souberon por esa enerxía ao servizo do desenvolvemento económico e dunha mellor calidade de vida para a xente, sen por elo comprometer a vida do río e os demais usos da auga.
Porén, non tardou en chegar a especulación do capital e, con el, o servizo fíxose negocio e co negocio desapareceu toda mostra de respecto pola xente, polos pobos, pola vida e pola natureza: e así, a ritmo de Decreto nos Boletíns Oficiais e a golpe de porra e pistolas fronte as protestas da xente, -a partires dos anos cincuenta do século pasado-, os nosos mellores vales quedaron asolagados, centos de aldeas e pobos  foron inundados, milleiros de persoas tiveron que ser desprazadas, centos de anos de historia, cultura, patrimonio e paisaxe quedaron  para sempre debaixo da auga e con eles desaparecía tamén toda unha riqueza de anguías, troitas, reos, salmóns e demais fauna fluvial a medida que as presas convertían os ríos en mares encorados e neles medraba o negocio dos monopolios eléctricos.
Con estes kilovatios dos nosos ríos fíxose posible o desenvolvemento económico do Estado, e os documentais do antigo NODO, a través de vistosas inauguracións bendicidas con mitras e hisopos, puideron presumir, por primeira vez, de modernidade.
Mais en Galiza, a pesar de termos pagado tan graves impactos por esta xeración de enerxía, ben pouco é o que nos ten e nos temos beneficiado:
-a pesar de sermos unha potencia hidroeléctrica (agora tamén unha potencia eólica), nunca tivemos, -nin temos hoxe-, un mellor servizo eléctrico: aínda son moitas as vilas e núcleos rurais con deficiencias de calidade e de potencia no subministro eléctrico, sen que as empresas eléctricas se ruboricen por elo;
-a pesar de sermos unha potencia hidroeléctrica, non temos aquí unha electricidade máis barata: temos a mesma tarifa eléctrica que en Valencia, Madrid, Barcelona ou resto do Estado, a pesar de que para nós as perdas e gastos do transporte sexan moito ben menores;
- a pesar de sermos unha potencia hidroeléctrica e a pesares de ser a enerxía un recurso básico  e imprescindíbel en calquera  proceso industrial, non ten Galiza un sector industrial máis  desenvolvido nin mellor integrado, nin por tanto temos máis e mellores postos de traballo;
-a pesares, en fin, dos enorme beneficios  que as empresas eléctricas obteñen dos nosos ríos, nin sequera temos oportunidade de participar dos impostos fiscais que gravan semellantes beneficios, xa que todos  estes grandes monopolios eléctricos teñen a súa sede social e cotizan fora de Galiza.
A crecente mobilización contra destes aproveitamentos hidroeléctricos e o medre da sensibilidade ambiental no conxunto da sociedade teñen logrado, dende logo, frear a construción de grandes presas,
e encoros como os do Sela no Miño,
o de Serrapio no Lérez,
os de Padrón e Ponte Ledesma  no Ulla,
ou o do Gran Suarna no Navia
quedaron sen facer, por máis que a ameazas aínda continúen.
Pero, non por isto, monopolios e especuladores ían renunciar ao negocio e, a partir dos anos 90, -revestidos agora de discurso ambiental a favor das enerxías renovables coas que frear o cambio climático e tamén de discurso social coa promesa de inversións e a creación de postos de traballo-, da man dun Plan Sectorial Hidroeléctrico de Galiza-Costa que entrega a totalidade dos ríos ao negocio hidroeléctrico (sen máis límite que o da súa rendibilidade económica) e contando  sempre cos favores dunha administración que, paradoxicamente, presumía de protexer e defender o medio ambiente, monopolios  e especuladores empezaron a converter todos os nosos ríos, grandes e pequenos, dende a cabeceira á desembocadura, nunha sucesión de presas, canles de derivación e treitos sen auga.
Fronte aos kilovatios nada parecían valer a vida e a paisaxe do río, nada importaban a cultura e o patrimonio, e de nada servían as alegacións e as protestas nin tampouco o amparo das directrices da Directiva Marco da auga fixando a prioridade na defensa da calidade da auga e na recuperación dos ecosistemas fluviais.
A aprobación no Parlamento galego da Iniciativa Lexislativa Popular en defensa dos ríos en Febreiro do 2006 supuxo, por suposto, un alivio para os ríos de competencia da Xunta de Galicia e puideron ser paralizados, -esperemos que definitivamente-, algún dos máis escandalosos aproveitamentos e concesións do fin da lexislatura.  Mais as empresas e promotores eléctricos trasladan a súa presión aos ríos de competencia estatal e, con elo, medran nestes as solicitudes de repotenciacións e novos aproveitamentos  e reviven ou se recuperan vellas concesións, como é o caso deste aproveitamento contra o que hoxe nos mobilizamos.
Este é o caso deste aproveitamento do río Eo, que aparecía no Boletín Oficial da provincia o 17 de Abril do presente ano, pretendendo a rehabilitación, casi 90 anos despois, dunha concesión a favor de D. José Otero Pereiro do ano 1922, aproveitamento que, ademais de argumentar o seu interese, como enerxía renovable,  para a loita contra o cambio climático,  a maiores se nos presenta asociado ao proxecto social dunha fundación que nos anuncia:
-a creación dun centro de asistencia á terceira idade;
-o complemento e mellora da oferta educativa  na zona;
-ou a promoción e potenciación das potencialidades económicas na zona.
Amigas e amigos, na Plataforma Salvemos o río Eo
- sabemos moi ben que a enerxía é un recurso imprescindible para asegurar a calidade de vida de todas e todos nós;
- defendemos a promoción e o desenvolvemento das enerxías renovables fronte a enerxía dos combustíbeis fósiles ou da enerxía nuclear;
-recoñecemos o interese do programa da Fundación D. José Otero Pereiro para os veciños e veciñas do concello de Ribeira de Piquín e a comarca,
Pero nada disto debe facerse, -nin aquí  nin en ningún outro río-, á costa  de acabar coa vida e paisaxe do río que, con este proxecto quedaría practicamente sen vida e co seu réxime hidrolóxico completamente alterado no treito duns 15 km afectados pola construción da presa e cortocircuitados pola canle de derivación, e máxime  nunha Galiza cuxos ríos xa teñen pagado impactos dabondo ao negocio da xeración eléctrica e cando estamos nun treito de enorme  interese para a pesca fluvial, nunha zona, que polo seu interese ecolóxico e natural, foi incluída no LIC río EO da Rede Natura 2000 e dentro dun ámbito que tamén está incluído no espazo protexido da Reserva da Biosfera Oscos, Eo e Terras do Burón.
Amigas e amigos, no roteiro que acabades de facer poidestedes comprobar a xenerosidade da paisaxe, a calidade da auga e o interese do patrimonio natural e etnográfico  das beiras do río ameazadas por este aproveitamento hidroeléctrico. Na súa recuperación, na súa promoción e na súa posta en valor, -sempre integrada na potenciación dos valores naturais e patrimoniais de toda a comarca, teñen os concellos unhas potencialidades de promoción de moito maior interese social que o que poda representar o negocio deste aproveitamento hidroeléctrico.
E, no que a enerxía se refire, o aforro de enerxía e de recursos, a desintensificación do modelo enerxético ou a descentralización da súa xeración e distribución son mecanismos que máis que sobradamente poden compensar a enerxía de aproveitamentos hidroeléctricos coma este.
Estes son os argumentos das alegacións presentadas polo concello de Ribeira de Piquín e a Pontenova, polas asociacións de pescadores, polos veciños e veciñas afectados e polos grupos desta Plataforma e, en base a eles, solicitamos a non autorización do aproveitamento e a caducidade definitiva da concesión, pero tamén a elaboración e posta en marcha, completando ese futuro Plan de Ordenación de Recursos Naturais que todo espazo da Rede Natura necesita, dun ambicioso plan de posta en valor do patrimonio natural, etnográfico e de lecer do entorno do río que poida repercutir positivamente na calidade de vida e benestar dos pobos e aldeas da zona.
Estes son os argumentos que, con este acto de hoxe, queremos reiterar diante da Confederación Hidrográfica do Cantábrico como administración competente no relativo á concesión e autorización deste aproveitamento hidroeléctrico e diante Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza como órgano competente no relativo á defensa e conservación dos espazos protexidos:
-É tempo doutra consideración para a vida, o patrimonio e a paisaxe dos nosos ríos:
- É tempo de que a Lei se aplique a todas e a todos por igual: non pode ser de xustiza que nun espazo protexido se lle autoricen ao negocio hidroeléctrico actuacións con tan graves impactos cando aos veciños se lle poñen todo tipo de dificultades para actuacións de mellora nas súas fincas de ben menores impactos.
Estes son os argumentos para os que esperamos seguir contando co voso apoio e colaboración.
E antes de acabar, estes son tamén, amigas e amigos, os argumentos que compartimos con calquera outro río de Galicia que poda verse ameazado por estes aproveitamentos. Estes son, en fin, os argumentos que compartimos cos nosos veciños dos concellos de Navia  nas súa oposición ao encoro do Navia. A todas a todos eles, que dende o 1926 levan vivindo baixo a ameaza permanente do Gran Suarna e que ten provocado a negación de calquera opción de desenvolvemento da vila e comarca da Poboa de Navia, a nosa solidariedade e o noso apoio.
Amigas e amigos,
en nome da plataforma Salvemos o río Eo,
en nome dos veciños e veciñas do río,
en nome das Asociacións de Pescadores do río Eo,
en nome tamén dos concellos da Ribeira de Piquín e A Pontenova,
en nome de toda diversidade de vida e de paisaxes do río que nos acompañaron neste roteiro,
en nome das troitas, reos, anguías e salmóns que nos seguiron polo río, coleando na auga entre pedras e raíces;
en nome das lavandeiras, merlos, papamoscas e peixeiros que nos acompañaron saltando cantareiros de pedra en pedra;
en nome das libeliñas, bolboretas e cabaliños do demo que hoxe luciron para nós as súas últimas cores;
en nome das árbores e o vento, en nome da auga e do río …que hoxe crearon, para todas e todos nós,  sinfonías de ruídos e silenzos, de sombras e de luces;
en nome desa paisaxe exuberante que cubriu de sombras e reflexos de luz todo o camiño,
MOITAS GRAZAS
E permitídeme acabar cunhas palabras do Gran Xefe indio Seatle, da tribu dos duwamish, ao presidente dos EE.UU, no 1855, contestándolle á súa oferta de compra do territorio indio, que moi ben poden aplicarse tamén aquí:
“A auga cristalina que corre nestes nosos ríos e regatos, non é só auga: é o sangue dos nosos avós.
Se vos vendemos a nosa Terra, teredes que saber que ela é sagrada e os vosos fillos haberán de aprender tamén que ela é sagrada e que todos os reflexos na transparencia da auga son a memoria e tradicións do noso pobo.
Os murmurios da auga son a voz dos nosos antepasados; os ríos son os nosos irmáns: eles apagan a nosa sede, eles regan a nosa terra e alimentan aos nosos fillos.”
Chao de Pousadoiro, a 5 de Setembro do 2010
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 
galizamaxica

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA