ADEGA reclama a caducidade dunha concesión hidroeléctrica de hai 88 anos no río Eo |
Lugo, 14 de maio de 2010. ADEGA vai apresentar alegacións ao proxecto e Estudo de Impacto Ambiental da solicitude de rehabilitación do dereito de concesión, autorización e declaración de utilidade pública dun aproveitamento hidroeléctrico no río Eo, cuxa concesión data do ano 1922!. A antigüidade da concesión, a falta de xustificación na actualidade, a protección ambiental da zona (Reserva da Biosfera e LIC) e as consecuencias sociais da minicentral, son motivos máis que suficientes para que a declaración de impacto ambiental sexa resolta negativa e, ao tempo, dispóñase a caducidade definitiva da concesión. ADEGA convoca unha charla informativa sobre os potenciais impactos da minicentral e as medidas a tomar este sábado 15 de maio, ás 5 da tarde na escola vella do Chao do Pousadoiro (Ribeira de Piquín). Cartaz do ACTO INFORMATIVO (121 Kb)
O pasado 17 de abril, a Confederación Hidrográfica do Cantábrico someteu a información pública a solicitude de rehabilitación do dereito de concesión e utilidade pública deste proxecto hidroeléctrico que pretende captar algo máis de 10.000 litros/segundo de auga do río Eo, á altura do concello de Ribeira de Piquín, entre as Insuas e o lugar de Mende, para a produción de enerxía eléctrica e rega. Este proxecto é orixinario dunha concesión de hai 88 anos a favor de D. José Oteiro Pereiro, época na que se iniciaba a expansión da enerxía eléctrica da man de persoas emprendedoras, -nada que ver co actual monopolio as compañías eléctricas-. As obras deste aproveitamento foron iniciadas no seu día, pero non pasaron da construción da presa de captación, da que aínda se conservan restos debaixo da ponte sobre o Eo que une aos concellos de Pol e Meira con Chao de Pousadoiro. Se naquel momento, cando aínda os pobos de Meira e Ribeira de Piquín non dispoñían de enerxía eléctrica, esta concesión cunha potencia de 3.929 kw podía estar xustificada, hoxe carece de toda lóxica: os nosos ríos están sobreexplotados e Galiza é excedente en enerxía eléctrica, polo que temos pagado xa impactos dabondo. A maiores, este proxecto, ubicado no núcleo mesmo da Reserva da Biosfera “Río Eo, Oscos e Terras do Burón”, afecta a un espazo da Rede Natura (LIC Río Eo ES 1120002) con importantes hábitats comunitarios e con toda unha diversidade de especies de flora e fauna que estamos obrigados a conservar polas Directivas europeas.
Se os impactos ambientais son importantes, non o son menos os impactos sociais e económicos. Este proxecto, de levarse a cabo, vai supoñer a derivación de practicamente todo o caudal do río ao longo dun treito de máis de 12 km que deixa sen futuro a toda a riqueza e potencial piscícola do coto de Ribeira de Piquín, con máis de 800 socios. Afectará a 255 parcelas dos veciños e veciñas da zona cunha superficie total de 117.200 m2, e suporá un impacto irreversible sobre patrimonio arqueolóxico de enorme interese, como é o da explotación mineira de orixe romana de Montefurado. Este proxecto tamén será unha das principais causas da degradación dos valores paisaxísticos do río Eo e do seu entorno, impedindo o desenvolvemento de calquera proxecto futuro que poña en valor os recursos paisaxísticos, arqueolóxicos e etnográficos da zona.
Na situación actual, -en coherencia coas recomendacións da Directiva Marco da Auga-, a prioridade de calquera planificación hidrolóxica ten que ser a de recuperar e manter a calidade da auga e dos ecosistemas fluviais, e, polo tanto, non hai lugar a que estes aproveitamentos hidroeléctricos poidan acadar unha declaración de impacto ambiental favorable, nomeadamente, en espazos protexidos e con hábitats e especies prioritarias.
É por todo isto que ADEGA rexeita por completo este aproveitamento hidroeléctrico e solicita, por un lado, que a Secretaría de Estado do Cambio Climático emita unha declaración de impacto ambiental negativa e, por outro, que a Confederación Hidrográfica do Cantábrico resolva a caducidade definitiva da concesión.
APOIO SOCIAL:
ADEGA súmase así á reivindicación dos pescadores e veciños e veciñas de Ribeira de Piquín que o pasado sábado se manifestaban en Chao do Pousadoiro en sinal de rexeitamento ao proxecto e agarda que o Concello cumpra coa vontade dos seus veciños e manifeste tamén a súa oposción á minicentral. Tamén anima á poboación afectada e a todas as persoas ou entidades interesadas en presentar alegacións ao proxecto hidroeléctrico a asistir á charla informativa que terá lugar este sábado, ás 5 da tarde na Escola Vella do Chao de Pousadoiro. Nela, Daniel López Vispo de ADEGA informará das características do aproveitamento hidroeléctrico, das súas consecuencias sobre o río, as parcelas afectadas e o patrimonio cultural e natural da zona. Ademais porá a disposición do público un modelo de alegacións.
|