Este domingo 23 de maio percorreremos outra etapa do CAMIÑO PRIMITIVO que, aínda que marca o inicio da cultura xacobea universal e transcorre por lugares de interese histórico e ambiental, é obxecto de innumerábeis alteracións que merecen ser coñecidas e denunciadas. O punto de inicio do roteiro será o núcleo de Paradavella, pertencente ao concello de A Fonsagrada, no que poderemos contemplar algúns exemplos da arquitectura tradicional desta área de montaña.
Avanzando pola vertente oriental da Serra da Lastra, entraremos nas terras do concello de Baleira, no que destaca o casarío de Degolada, que delimitaba fai séculos o “Condado de Naviensis”. Superando a cota 800 acadaremos o núcleo de San Xoán de Lastra, onde os peregrinos preparábanse para o ascenso ao alto da Fontaneira (950 m), lugar cunha igrexa adicada a Santiago.
O topónimo da Fontaneira alude a que este é o lugar de nacemento do río Neira, e corresponde ademais á divisora das cuncas doutros ríos: o Eo e o Navia. Na baixada á Vaganta do Trabeiro o camiño pasa polo Monte das Cruces, que albergou no pasado un camposanto, e continúa cara ao Campo da Matanza. Neste lugar foron descubertos a finais do século XIX varios enterramentos e restos de armamento que poderían derivar, segundo algunhas hipóteses, das loitas con tropas musulmanas que se agochaban na garganta chamada A Trincheira.
Dende a Matanza, contemplando a beleza do Val do Neira, báixase á moderna capitalidade do Concello de Baleira: O Cádavo. Se as forzas dos camiñantes o permiten, poderíase continuar o roteiro e, coroando a serra da Vacariza na Cruz de Pedra (840 m), entrar en terras do concello de Castroverde e chegar ao lugar de Vilabade, que conta con importantes elementos patrimoniais.
O roteiro ten unha lonxitude próxima aos 14 km (algúns máis se se continúa ata Vilabade).
Pode considerarse de dificultade media, polas súas frecuentes subidas e baixadas.
Non se descartan pequenas modificacións do trazado descrito, que agardemos saibades desculpar.
PREZOS
Normal.......... 15 €
Estudantes, xubilad@s e no paro....12 €
Socios/as...........10 €
Até 17 anos..... 5 €
O punto de encontro será diante da Escola de Maxisterio de Lugo ás 9 da mañá. Prégase puntualidade e o aviso previo no caso de non poder asistir. Imprescindible anotarse chamando ao 679113718 (Mari Luz), ou ao 982240299 (ADEGA-Lugo)
PRÓXIMO ROTEIRO DE ADEGA LUGO (máis información en www.adega.gal):
20 Xuño: Costa da Morte
|