A voltas co encoro do Navia: outro "pesado lastre do franquismo" |
5 de abril de 2010. Hai dous anos, Touriño comprometeuse a informar desfavorábelmente o encoro do Navia cualificándoo de "pesado lastre do franquismo". Agora, o departamento de Espinosa tramita o estudo de impacto (BOP Lugo, 30 de marzo, páx. 213) nun novo intento de "Hidroeléctrica del Navia" (propiedade de Hidrocantábrico e Endesa) por executar un encoro con concesión dende xuño de 1963. Dende entón, a veciñanza do val do Navia conqueríu parar o proxecto (anos 1967, 74-75, 85 e 93) nos sucesivos intentos por desenvolvelo. Saltos del Navia volve agora á carga aproveitando "ventos administrativos favorábeis" na Xunta e no estado. Non é o único caso: moitos encoros galegos teñen autorizacións franquistas case a perpetuidade e incumpren a Directiva Marco da Auga en canto a caudais ecolóxicos e medidas correctoras. As administracións amósanse escandalosamente cómplices cos privilexios das Fenosas, Iberdrolas e Endesas: aos ríos galegos, aínda non chegou a "transición".
O encoro, de 96x98 m e 113 Hm3 de capacidade, engadirase aos outros tres grandes encoros no Navia, de xeito que o río ficaría con máis dun 50% do seu treito encorado, causando graves impactos ambientais e socioeconómicos nun amplo territorio do LIC Ancares-Courel, tamén Reserva da Biosfera,e que a Xunta pretendía converter en Parque Natural. Trátase dun proxecto derivado dunha concesión, a do Gran Suarna, do ano 1951 ampliada no 1963, que dende entón vén sendo amplia e unanimemente rexeitado, non só polos ecoloxistas, senón tamén polo conxunto da povoación afectada e por institucións dende concellos, á Diputación Provincial, pasando polo Parlamento de Galiza ou a USC.
Con independencia de que primeiro se presente (7/08/1975) como Gran Suarna, asulagando a Póvoa de Navia, ou despois (10/07/1985) fraccionado en dúas presas (unha, a de Penamil, augas arriba da Póvoa e outra, a de Suarna, na mesma ubicación do Gran Suarna), e que agora apareza como un único encoro na confluenza dos ríos Navia e Suarna, trátase dunha concesión hidroeléctrica pola que a comarca dos Ancares no seu conxunto ten pagado xa moi graves impactos en forma de abandono, carencia de futuro e despoboamento.
As razóns polas que ADEGA ven rexeitando dende 1975 o proxecto do "Gran Suarna", son as mesmas polas que rexeitamos hoxe este novo proxecto, engadindo que, tal e como o parlamento galego aprobaba en febreiro de 2006, os nosos ríos, os nosos vales, as nosas xentes xa teñen pagado impactos dabondo pola xeración de enerxía. É tempo xa de practicar unha política hidráulica con outras prioridades: a de, en concordancia cos principios da Directiva Marco da Auga, recuperar e preservar os ecosistemas fluviais e a calidade da auga.
Dende ADEGA agardamos que a Confederación Hidrográfica do Cantábrico teña idéntica sensibilidade que o Parlamento Galego cando aprobou a Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos (DOG do 30/06/2006) e, en consecuencia, rexeite este proxecto. Mais para ADEGA non é suficiente: a bacía do Navia, ficou convertida nunha sucesión ininterrompida de pantanos (Grandas de Salime, Doiras e Arbón). Por iso, voltamos a solicitar a caducidade ou a anulación da concesión hidroeléctrica, pois non é xusto que cunha prebenda franquista as grandes empresas sigan a coartar futuro de moitas comarcas de Galiza, permanentemente ameazadas pola construcción de grandes encoros e os nosos ríos sigan sometidos ao dereito de pernada da eléctrica de turno.
E a respecto deste proxecto, esiximos da Confereración Hidrográfica do Cantábrico, o seu rexeitamento e a apertura dun expediente de caducidade, atendendo as demandas dos concellos de Navia e a Fonsagrada. Asemade, a Xunta de Galiza debería ser consecuente e informalo desfavorábelmente, tal como fixo co anterior. E o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño debería facer o propio con outras moitas concesións hidroeléctricas do franquismo e deixar de actuar como recadeiro das eléctricas e cómplice deste "fascismo ambiental" que aínda persiste nos nosos ríos. |