ADEGA colabora coa USC na medición do radón nas vivendas galegas |
Lugo, a 22 de marzo de 2010. O radón é un gas radioactivo de orixe natural que emana do uranio presente nas rochas graníticas e que segundo a OMS, é responsábel de entre o 3% e o 14% das mortes por cancro de pulmón. É por isto, polo que se quer dispor dun mapa de radón cunha medida cada 10x10 km que complete o mapa xa existente e que cubre fundamentalmente as zonas xeográficas cun alto nível de radiación. O estudo permitirá detectar cais son as zonas de alto risco de gas radón en Galiza, xa que somos unha das áreas do Estado máis afectadas por estas radiacións. ADEGA reclama á Xunta que se teña en conta o RADÓN nas Normas de Habitabilidade, tal como como acontecía nas derrogadas Normas do Hábitat precedentes. Preme para máis información e participar na campaña.
O pasado mes de novembro, o Consello de Seguridade Nuclear encargou ás Universidades de Cantabria, Santiago de Compostela e á Autónoma de Barcelona a realización de 8.000 medidas da concentración de gas radón en vivendas ao longo da xeografía estatal. Con estas medidas, ademais, poderanse localizar as zonas de alto risco e, no entanto, facer recomendacións para que se constrúa a proba de radón.
En Galiza as medicións levaranse a cabo pola Universidade de Santiago de Compostela, cuxo proxecto estará coordinado polo profesor Xoán Miguel Barros Dios, director do Laboratorio de Radón de Galiza e que vén ampliar ao resto do estado español o Mapa de Radón de Galiza, a piques de se presentar neste ano, e realizado polo mesmo grupo de investigación da USC e que conta con máis de 2.500 casas medidas.
Para o desenvolvemento das medicións e as tarefas de divulgación informativa, a USC contará tamén coa colaboración de ADEGA e a coordenación en Lugo da profesora Esther Gómez Fórneas.
ADEGA através dos seus socios e socias, axudará a repartir e recoller os detectores de gas radón nos diferentes puntos xeográficos do territorio galego e a explicar aos cidadáns as características e riscos deste gas, moi proclive no noso país polo seu subsolo de tipo granítico.
Galiza está situada sobre a língua granítica que se estende desde illas Británicas, e penetrando na península forma parte do chamado Macizo Hercínico, formado por materiais rochosos de tipo granítico. Este tipo de rocha contén unha certa proporción de uranio que se descompón, de xeito natural en elementos radioactivos entre os que se encontra o radón. Este gas ten un período de vida moi curto descompóndose rapidamente; pero pode penetrar nas vivendas ou locais dende o subsolo das casas con deficiente ventilación, podéndose acumular e ser inhalado polas persoas a través da respiración. Ao ser radioactivas, estas emisións son axentes mutaxénicos e canceríxenos.
Coa fin de previr danos na saúde humana, ADEGA cre preciso que as Normas de Habitabilidade elaboradas pola Xunta de Galiza retomen o que estaba disposto nas anteriores Normas do Hábitat e contemplen as medidas correctoras necesarias para evitar os riscos do gas radón nas vivendas situadas nas zonas de maior incidencia, que serán localizadas por este estudo, tal como recollen as políticas de redución de radón de numerosos países dende hai máis de tres décadas.
ADEGA lembra que foi o Partido Popular o que, recentemente, presentou unha moción no Senado para instar á realización dun mapa de gas radón no estado e para introducir as modificacións técnicas necesarias que preveñan e eviten a acumulación deste gas nas vivendas.
INFORMACIÓN PARA PEDIR E INSTALAR UN DETECTOR QUE MIDA O GAS RADÓN DA TÚA VIVENDA
Dado o éxito que está a ter a campaña de reparto de detectores de gas radon en Galiza impulsada pola USC, na que colabora ADEGA, a continuación sinalamos algunha información que pode resultarvos útil se estades interesados/as en adquirir gratuitamente un medidor.
1. Os medidores de gas radon só se ceden gratuitamente para vivendas situadas en baixos, entrecháns ou primeiros andares. E ademais teñen que ser vivendas nas que se pernocte diariamente.
2. O medidor deberá permanecer colocado durante 6 meses nunha mesiña de noite dun mesmo dormitorio. Non se pode mudar de lugar.
3. Ao cabo dos seis meses, o participante deberá enviar por sobre prefranqueado (de balde) o detector ao laboratorio de Radón, xunto coa Ficha RADÓN (0,3 MB) correctamente cuberta (vai apegada).
4. O/A participante deberá comprometerse a seguir estritamente as Instrucións do DETECTOR (47 KB) para a correcta colocoación e uso do aparello, e cumprir co axeitado tempo de exposición.
5. Por último, para poder participar na campaña é preferible solicitar o medidor de gas radon antes da segunda semana de abril. Poderase facer a través dos seguintes emails:
En todos os casos, prégase indicar no mail: os seguintes datos: nome, localización da vivenda (piso, rúa, lugar, poboación, parroquia, vila, cidade...) e o motivo polo cal solicita o medidor.
ADEGA e a USC agradecemos a vosa colaboración. |