Roteiro polo Camiño Primitivo: San Romao da Retorta (Guntín) - Serra do Careón |
Con este novo roteiro de ADEGA-Lugo percorreremos outra etapa do CAMIÑO PRIMITIVO que, aínda que marca o inicio da cultura xacobea universal e transcorre por lugares de grande interese histórico e ambiental, é obxecto de importantes alteracións humanas que merecen ser coñecidas e denunciadas. O roteiro ten un percorrido de 12 km e unha dificultade media-baixa. Animádevos a paticipar!
Iniciaremos o roteiro en San Romao da Retorta, no concello de Guntín, no que ademais do seu magnífico templo románico, poderemos ver unha réplica dun miliario romano (erixido no ano 40 en honra ao emperador Calígula) que evidencia a confluencia do Camiño coa vía XIX da Calzada romana. Continuaremos a través de lugares de gran riqueza ambiental e patrimonial, principalmente no que respecta a elementos románicos. Así, dirixíndonos a terras do concello de Friol, pasaremos por Santa Cruz da Retorta, que conta cunha igrexa románica na que se pode admirar os seu “trinitario”, elemento característico das zonas de influencia do Camiño de Santiago. Entraremos no concello de Palas de Rei tras remontar o Alto da Grela e a mámoa da Cruz do Burgo, lugar de acceso dos antigos peregrinos ao hospital do Burgo do Negral. Os seguintes lugares polos que atravesaremos tamén nos brindarán a posibilidade de contemplar a súa riqueza patrimonial: Pacio, cunha igrexa románica e un singular cruceiro; Ponte Ferreira, cuxa ponte é probablemente de orixe romana; Auga Santas, lugar no que se asentou o antiquísimo mosteiro de San Xurxo así como unha fortaleza castrexa; Merlán, que conta cunha igrexa románica, etc. Posteriormente dirixirémonos á Serra do Careón, que é atravesada polo Camiño a unha altitude de 800 m aproximadamente e que marca o límite entre as provincias de Lugo e A Coruña. Trátase dunha área na que medran especies botánicas protexidas e que é considerada Lugar de Interés Comunitario (LIC). Nesta zona estivo agachado e atopou a súa morte “Curuxás”, coñecido guerrilleiro antifranquista. O roteiro finalizará, se dispomos do tempo necesario, no Hospital das Seixas (Palas de Rei). O roteiro pode considerarse de dificultade media-baixa, e de 12 km de lonxitude aprox. Non se descartan pequenas modificacións do trazado descrito, que agardemos saibades desculpar. DOMINGO 21 DE MARZO DE 2010 Normal.................................................................................... 15 € Estudantes, xubilad@s e no paro.............................................. 12 € Socia/os.................................................................................. 10 € Ata 17 anos............................................................................... 5 € O punto de encontro será diante da Escola de Maxisterio ás 9 da mañá. Prégase puntualidade e o aviso previo no caso de non poder asistir. Imprescindible anotarse chamando ao 679113718 (Mari Luz), ao 982240299 ( ADEGA Lugo) Leva roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de tod@s. PRÓXIMOS ROTEIROS DE ADEGA LUGO (máis información en www.adega.gal): 23 Maio: Grandas de Salime-A Fonsagrada
18 Abril: Parada Vella-Castroverde
20 Xuño: Costa da Morte
|