Adega
INICIO Novas ADEGA presenta alegacións contra a procura de ouro no Val de Neira de Rei
ADEGA presenta alegacións contra a procura de ouro no Val de Neira de Rei PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA presenta alegacións contra a procura de ouro no Val de Neira de Rei a FaceBookEnvia ADEGA presenta alegacións contra a procura de ouro no Val de Neira de Rei a Twitter

ouro bece planoLugo, 29 xullo de 2013. ADEGA vén de presentar alegacións contra o permiso de exploración mineira Lago II, na procura de ouro, cinc, cobre, prata e chumbo, nos concellos de A Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá. ADEGA oponse  á exploración das 396 cuadrículas mineiras que a empresa Goldquest Ibérica, SL, filial da canadiana Lundin Mining Corporation, quere prospectar nesta zona de interesantes valores naturais, patrimoniais e socioeconómicos. Pedimos á Consellaría de Industria que se establezan zonas "non rexistrables" nestes concellos que se exclúan de calquera actividade mineira por razóns de interese público; que non se conceda ningún permiso de exploración, investigación ou explotación mentres non se aprobe o Plan de Minaría nin se constitúa o Consello da Minaría obrigado por lei e que, por tanto, non se autorice este permiso, exposto publicamente até o día de hoxe.

ADEGA presentou ante a Consellaría de Economía e Industria as seguintes ALEGACIÓNS:

Introdución.-

1º- Logo da concesión do Proxecto de Investigación Lago e atopadas zonas de mineralización, preténdese agora continuar a investigar a prolongación desas zonas fóra das cuadrículas do PI Lago. Adúcese que co Proxecto de Exploración Lago II prolongaranse cara unha nova zona eses estudos. Mesmo se fala dun futuro Lago III.

2º As novas cuadrículas mineiras solicitadas (396) representan unha cantidade excesiva en comparación coa de Lago (68) para simplemente investigar cara onde se dirixe a zona de mineralización. Non se xustifica que se soliciten 396 c.m. para saber cara onde se dirixe unha posible veta de mineral, tendo en conta a importancia ambiental, social e económica, de todo o territorio agora introducido na petición de estudo. Lembrar as figuras non mencionadas pola empresa da reserva da Biosfera, Lugares de importancia comunitaria e a Rede Natura; lembrar tamén a actividade económica afectada agropecuaria, montes veciñais en man común, terra agraria de maior calidade ... e cuestións tamén sociais como uso da auga para o abastecemento de aldeas e vilas como a da propia vila de Baralla.

3º Neste novo PE introdúcese un novo metal, o ouro.

4º.- Non se establecen nos informes achegados dos organismos públicos ningún tipo de zonas de exclusión indicando que a actividade a realizar tería un mínimo ou nulo impacto. Con todo non tería moito sentido nin tan sequera presentar informe algún se se acepta que calquera zona pode ser susceptible de extracción mineira. Aínda así hai advertencias cara o futuro atendendo ás vindeiras fases administrativas.

5º Non se cita en ningún lugar a presencia de regatos e ríos que alimentan ao Eo e ó Neira, ambos ríos cun valor dende os puntos de vista ambiental, social e económico moi elevados.


Valoracións xerais.-

1.- O uso dos recursos xeolóxicos debe ser realizado baixo a premisa da sustentabilidade, entendendo que se cumprirá se é garantida desde as súas vertentes ambiental, económica e social. A minaría (especialmente esta da que falamos) é unha actividade moi agresiva para o medio, polo que temos que tender a reducila todo o posible, centrando os nosos esforzos primeiramente na redución e reciclaxe dos materiais, principalmente os que son empregados nas novas tecnoloxías.

No caso dos metais prezados, o interese por xacementos xa coñecidos e ata fai pouco descartados, obedecen a burbullas especulativas (outra máis) fomentadas polo sistema capitalista que pouco ou nada teñen que ver cunha demanda real ou cunha actividade económica.

2.- A actividade mineira mundial, que está controlada por un pequeno número de empresas transnacionais responde ao modelo colonial: o beneficio sae cara os propios grupos inversores mentres nos zonas onde se realiza a actividade deixan graves danos medioambientais que lastran o seu desenvolvemento durante xeracións. A necesidade de grandes beneficios en pouco tempo fai que intenten empregar as técnicas de explotación máis rendibles, que acostuman non coincidir cos métodos con tecnoloxía máis punteira, con menor impacto e máis seguros.

Por outra banda, en caso de desastre ecolóxico as empresas e as persoas que as dirixen acostuman saír sen responsabilidades (non teñen seguros a longo prazo ou decláranse en quebra) e quen se fai cargo da súa rexeneración son as administracións públicas: privatízase o beneficio e socialízanse as perdas.

Neste caso, e empresa que solicitou o proxecto de exploración mineira Lago II, GOLD QUEST IBÉRICA, é filial de LUNDIN MINING CORPORATION, empresa de orixe canadense.

3.- A minaría a ceo aberto é unha modalidade altamente agresiva, xa que precisa, por un lado, mover toneladas de material para extraer uns poucos gramos de mineral; tamén precisa grandes cantidades de auga e de substancias altamente tóxicas como o cianuro e o ácido sulfúrico que son almacenadas en grandes balsas. Nos últimos 25 anos déronse máis de 30 accidentes importantes relacionados co verquido de cianuro, e hoxe, este tipo de minaría xa está prohibida en Alemaña, República Checa, Costa Rica e Turquía, así como tamén en partes de EE.UU, Canadá e Australia.

4.- Normalmente, a poboación local practicamente non se beneficia da creación de emprego que supón unha explotación mineira das características que se pretende estudar. Moitos dos postos de traballo requiren dunha formación e especialización da que carecen a maioría dos habitantes da contorna, de feito, moitos dos traballadores son traídos pola propia empresa, que os despraza dunha explotación mineira a outra.

En caso de inicio da actividade mineira, nas zonas próximas alteraríase o medio deixando grandes cantidades de material inerte, contaminaríase o aire e a auga con po e outros residuos tóxicos e provocando unha contaminación en potencia dos cursos de auga superficiais, podendo chegar a infiltracións que contaminen os acuíferos de onde provén a auga potable.

Galiza é un País predominantemente rural (segundo a metodoloxía OCDE adoptada pola Comisión Europea) onde a importancia económica da actividade agraria é superior á media estatal en termos de valor engadido bruto, tamén, no que se refire a ocupación por sectores, a actividade agraria é de máis dun 8%, duplicando a media estatal. Polo tanto é evidente que o peso do sector agrario na Galiza tanto nas vertentes económica como social son de especial relevancia no noso territorio (fonte: Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galiza 2007-2013).

En calquera caso, os empregos creados teñen como duración a propia vida útil das minas (15, 10 ou incluso 5 anos), mentres que os traballos que se destrúen son a prazo ben maior.

5.- As actividades agrogandeira e forestal son o principal motor económico da zona afectada por este proxecto de exploración mineira. A gandería é un sector que aporta boa parte do emprego da comarca, á vez que é estratéxico, xa que é o mecanismo máis eficaz na prevención de incendios forestais e dos que fixa máis poboación no rural. A Xunta de Galiza debe fomentar o sector agrogandeiro cara un modelo de produción sustentable e respectuoso co medio ambiente; en lugar diso, eliminou ou reduciu ata deixar na mínima expresión, nos últimos anos medidas que apostaban por producións máis respectuosas como son o Contrato de Explotación Sustentable (CES), a axuda ao fomento das Razas Autóctonas en réxime extensivo, levantando a prohibición de forestar terras agrarias ou deixando cun papel testemuñal o Banco de Terras de Galiza (BANTEGAL).

A Xunta de Galiza destina cartos públicos na promoción da minaría, tal e como se recolle na orde do 24 de maio de 2013 pola que se establecen as bases para o fomento do sector mineiro galego. A política da Xunta debería estar enfocada cara a potenciación de actividades que, a un tempo, xeren riqueza e protexan o medio ambiente.

6º Debemos sinalar, por outra banda, que as distintas administracións teñen diferentes figuras (PDR – Plan de Desenvolvemento Rural-, Lei para el desarrollo sostenible del medio rural, Programa para el Desarrollo Rural Sostenible, Plan LEADER, etc...) destinadas a unha mellora da calidade de vida das persoas que vivimos no rural intentando mesmo atraer poboación cara estas zonas como xeito de levar a cabo o chamado Desenvolvemento Sostible. Non parece razoable que por unha banda a administración gaste recursos considerables neste aspecto e por outra que sexa a propia administración quen posibilite actividades como este tipo de minaría agresiva que imposibilita e hipoteca o desenvolvemento da zona.

7º A técnica e a ciencia xunto coas empresas e a administración deberan estar ao servizo dos veciños e veciñas para procurar o beneficio social xeral e o particular a un tempo e non deberan ser razóns especulativas e coloniais (obtención de metais a custa do que sexa buscando negocio privado á conta de que todos paguemos o dano) as que dirixiran as actuacións.

Valoracións concretas.-

1.- Por todo iso, a minaría, e especialmente esta moito máis agresiva, entra en conflito directo coa actividade agrogandeira e forestal, polo que se crearían postos de traballo por un lado pero destruiríanse mais polo outro. Temos que lembrar que a área afectada abarca unha parte do Val de Neira, unha das zonas con máis valor agronómico da contorna (coa súa corresponde protección), onde están establecidas numerosas explotacións agrogandeiras.

Cabe sinalar ao mesmo tempo que hai aproximadamente un total de 20 montes veciñais e man común (MVMC) que poderían verse afectados polo proxecto futuro de mina.

2.- Outro aspecto a considerar sería que os núcleos rurais deberan igualmente estar excluídos desta posible afectación, protexidos tamén pola lexislación así como aqueles elementos patrimoniais froito da historia e a cultura galegas (Vía Romana, camiño real, castros, pazos, igrexas, mazos, ....)

3.- A superficie afectada polo proxecto de exploración corresponde a unha superficie de 396 cuadrículas mineiras, é dicir, a 11.088 Ha aproximadamente. Invade así áreas protexidas pola Reserva da Biosfera Río Eo - Os Oscos - Terra de Burón directamente e pola Reserva da Biosfera Terras do Miño na súa zona tampón, ámbalas dúas declaradas pola UNESCO. As Reservas da Biosfera teñen os seguintes tres obxectivos:

a) conservar e contribuír á conservación das paisaxes, os ecosistemas, as especies e á variación xenética,

b) o desenvolvemento económico e humano sostibles desde os puntos de vista sociocultural e ecolóxico e

c) o de apoio loxístico a proxectos sobre o medio ambiente e investigación e de conservación e desenvolvemento sostible.

Ao entender que os intereses que defenden as Reservas da Biosfera son incompatibles coas consecuencias da minaría, demandamos que se consulte ao Comité Español de Reservas da Biosfera, que elaboren un informe, e que este sexa tido en conta, onde se valore como pode afectar o proxecto de exploración e as súas consecuentes explotacións mineiras ás dúas Reservas da Biosfera anteriormente mencionadas.

4.- Unha parte da zona afectada coincide en boa parte co LIC da Serra de Fontecuberta, incluída na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galiza sometida a información pública en 2012 e actualmente á espera da súa integración final. Polo mesmo motivo que no punto anterior, solicítase un informe, e que este sexa tido en consideración, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza sobre como pode afectar o proxecto de exploración e as súas consecuentes explotacións mineiras aos obxectivos da Rede Natura 2000 de Galiza.

Neste espazo ten o seu nacemento o río Neira que podería ser afectado dende Fontaneira (futura Rede Natura 2000) ate 6 quilómetros antes da súa chegada a Baralla, vila que bebe destas augas. Pero a posible afectación ao río non vén dado só pola propia canle do río senón tamén de todos aqueles cursos de auga que o alimentan. A bacía do río Neira nestes primeiros 10 quilómetros correspóndese coa área onde se explorará a presenza de minerais, polo que a posible afectación ao río de chegar a facerse a explotación será segura.

A maiores hai que indicar que o río Neira na súa desembocadura no río Miño está tamén proposta para ser incluída na Rede Natura 2000 o que incide unha vez máis nos valores ambientais, sociais e económicos que indiscutiblemente posúe este río.

A zona solicitada para o estudo e posible explotación é tan extensa que mesmo chega ás portas (a menos de 1000 m.) do espazo da Rede Natura da Fraga da Marronda.

5.- A auga é un ben escaso, e a minaría é unha actividade que require grandes cantidades de auga para o seu funcionamento, isto provocaría un conflito de intereses entre a propia actividade e outro tipo de actividades económicas e incluso o propio ecosistema. O risco de contaminación é enorme, xa que a superficie que abrangue o proxecto de exploración atópase tamén nas cuncas altas dos ríos Miño e Eo que se engade á do Neira; un verquido contaminante tería consecuencias desastrosas augas abaixo. Así, sinalar que a ría de Ribadeo é zona núcleo da Reserva da Biosfera Río Eo - Os Oscos - Terra de Burón, ademais de LIC e Zona Húmida de Importancia Internacional pola Convención de Ramsar

6.- No tocanteá flora e fauna, as Reservas da Biofera que afectaría este proxecto de exploración e as conseguintes explotacións mineiras, acollen a especies animais que cómpre protexer como a lamprea mariña, sábalo, anguía, salmón atlántico, lontra, desmán ibérico (especie actualmente en situación precaria), xineta, gato montés, raposo e oso pardo. Respecto ás especies vexetais, falamos dun territorio onde se atopan catalogadas 97 familias e máis de 500 especies.

Polo exposto, dende ADEGA presentamos as seguintes alegacións:

ALEGACIÓNS

--- Que se establezan zonas non rexistrables, excluídas de calquera actividade mineira, para protexer intereses turísticos, urbanísticos, agrícolas, medioambientais, monumentais etc. por razóns de interese público nos concellos arriba sinalados.

--- Que non se concedan permisos de exploración, de investigación ou explotación sen que se teña elaborado o Plano Sectorial de actividades extractivas e se constitúa o Consello da Minaría tal e como establece a Lei 3/2008 de Ordenación da Minaría.

--- Que, en vista das circunstancias sinaladas, non se aprobe o permiso de explotación mineira Lago II, nº 6056.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 
galizamaxica

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA