Plano do Oso: Inconcreción e pouca ambición da Xunta para que o plantígrado fique entre nós |
Lugo, 25 de xuño de 2013. ADEGA presentou esta mañá as súas alegacións á revisión do plano de recuperación do oso pardo (Ursus arctos) en Galiza que pretende compatibilizar a chegada do oso pardo ás montañas orientais de Lugo coa actividade humana da zona. Dende ADEGA considérase necesario e fundamental este planexamento para conseguirmos afortalar a presenza desta xoia da nosa biodiversidade no país, mais sería preciso un documento máis ambicioso e concreto que este borrador. Sres. da Xunta: O oso merece moito máis que boas intencións! En xeral, o documento é moi indefinido, en texto e forma, xa que carece de concreción á hora de explicar e definir como se alcanzarán os obxectivos estipulados no seu artigo 3: Evitar a mortalidade non natural; a conservación e a restauración do seu hábitat; o mantemento das condicións de tranquilidade necesaria para o desenvolvemento do ciclo vital da especie; redución da conflitividade nos sectores oseiros provocada polos danos ás explotacións; así como informar, concienciar e facer partícipe á sociedade da problemática de conservación da especie. Porén, as medidas formuladas nesta revisión do Plano do Oso non van máis aló dunha serie de afirmacións abertas e ambiguas, fuxindo de calquera compromiso da Xunta á hora de levalas á práctica. Por exemplo, non se establecen prazos para executalas nin tampouco adícase orzamento algún. Ademais, ao parecer de ADEGA a delimitación das áreas de presenza e de distribución potencial formuladas no plan deberían ser reformuladas baseándose nos estudos e avistamentos realizados nos últimos anos, nalgúns casos pola propia gardería da Xunta, en particular na contorna conformada pola Devesa de Rogueira, Romeor, Fonteformosa, Riocereixa e Montes de Visuña. ADEGA considera que as parroquias comprendidas na zona Sur de Courel, Folgoso, Vilanor, Seceda e Pacios da Serra, (que están dentro da Rede Natura 2000) deberían ser incluídas tamén dentro da "área de distribución potencial". Encol das medidas de información, educación ambiental e participación social, a falla de concreción, a inexistencia de prazos e a falla de definición das medidas a tomar son aínda máis flagrantes. Para ADEGA este debe ser un dos puntos máis importantes do planeamento, xa que só cun forte e continuado traballo de información, educación ambiental e un alto grao de participación social previo á aplicación do Plano e durante a vixencia deste, poderanse acadar os obxectivos programados. Sobre a conflitividade da aplicación do Plano nos sectores oseiros, ao contrario dalgunhas opinións que se teñen exposto xa sobre o tema, o documento non limita os usos tradicionais que se estaban facendo na zona, nen fai ningunha prohibición expresa, só recomendacións. A elaboracións de manuais de boas prácticas e as recomendación a seguir na xestión forestal son interesantes propostas, pero en ningún caso se fala de que sexan de obrigado cumprimento, nin de como se marcará as tendencias a seguir na xestión forestal (de obrigado cumprimento?, subvencionadas?...) Con respecto ás compensacións por danos a actividades tradicionais derivadas da presenza do oso pardo na zona, tampouco se estipula con claridade como se van executar esas compensacións nin baixo que criterios. Este particular resulta fundamental para conquerir desactivar os posíbeis conflitos: Se acontece a Xunta fai o mesmo que co lobo, o oso ten os días contados en Galiza. En definitiva, o oso merece moito máis por parte da Xunta e este Plano de recuperación debería ir máis aló se o que pretende e garantir que esta xoia do noso patrimonio natural fique definitivamente entre nós. Para máis información: 667096124 (Anxo Manoel Lamelo Fernández, ADEGA-Lugo). |