10 de abril de 2013. Tras a análise da declaración de impacto ambiental (DIA) deste proxecto, publicada no BOE este pasado sábado 6 de abril, e apesar das modificacións cosméticas esixidas polo Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, ADEGA ve neste documento a sentencia de morte tanto da enseada da Malata como do humidal de Cariño. Admítese a modificación do fluxo de auga mariña na enseada da Malata pero réstaselle importancia. Só este feito é motivo máis que de sobra para non escoller a alternativa sur do trazado, dado que unha redución do fluxo de auga (actualmente moi inferior ao orixinal debido ao peirao carboeiro) suporá o progresivo esmorecemento da enseada da Malata, ao que hai que engadir o rocambolesco túnel baixo o humidal de Cariño.
E que non había outro xeito de facer millor as cousas?
Con esta obra non só vai a desaparecer o banco marisqueiro da Malata, se non a totalidade da enseada. Unha verdadeira "ría dentro dunha ría". E apesar de que se reducen de 11 a 5 o número de piares do viaduto, o número segue sendo excesivo para un treito de 200m.
A enseada da Malata é a maior da ría de Ferrol e xeoloxicamente está vinculada á súa formación. Así, a construción dunha infraestrutura que ía fomentar o uso do tren (medio de transporte terrestre máis ecolóxico), e que na teoría vai traer á comarca riqueza económica, vai ser levada á practica da peor forma posible, prexudicando criticamente (sen posibilidade de restauración) tanto a produción marisqueira, como a paisaxe e os valores naturais que aínda garda esta zona.
A pesar de que na DIA se obriga ao promotor (Dirección General de Ferrocarriles) a minimizar os efectos da drenaxe sobre o humidal de Cariño, recollido no inventario de humidais de Galicia, ADEGA considera que o túnel que se vai construír por debaixo deste humidal, provocará unha alteración significativa sobre el, e ve perigar o futuro desta zona húmida.
ADEGA lembra ademais que esta alternativa ten unha forte oposición na sociedade da comarca Ferrolterrá, e anuncia que levará a cabo actividades reivindicativas opoñéndose a este trazado que están aínda por concretar.
Contacto:
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
;
Xandro García, vicepresidente de ADEGA: 660859493 |