![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
|||
![]() |
ADEGA esixe a caducidade da concesión e a demolición do encoro d'A Capela no Eume |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() Tal como acontecera coa macrobalsa ácida (o mal chamado lago d'As Pontes) no oco da antiga mina, ENDESA busca, coa complicidade da Xunta, resolver dun xeito rápido e barato (para a empresa, naturalmente) outro problema ambiental criado pola súa actividade. Por se non fora suficiente co macroproxecto do lago, feito para desentenderse canto antes da xestión do oco da mina e descargar nas arcas públicas a responsabilidade de xestionar a perpetuidade a balsa ácida máis grande do estado, agora pretende "socializar" o grave problema das lamas acumuladas no encoro d'A Capela, no Eume, mediante a "avanzada técnica" do "vertido controlado" ao río.
Para iso, ENDESA pretende primeiro desatascar unhas válvulas pechadas 50 anos pola manchea de sedimentos (lamas ácedas cunha alta carga de mateis pesados) que xerou a actividade mineira, para logo, remexer os "pousos" do vaso e vertelos á canle do río para se decantar en 4 balsas conectadas en serie.
Á vista da documentación do proxecto, trátase da solución máis rápida e barata (para ENDESA, por suposto). A outra sería dragar todo o vaso e depositar a totalidade dos sedimentos (que teñen a categoría de residuos perigosos) nunhas balsas estancas fóra da canle para o seu tratamento. Os impactos de verter millóns de metros cúbicos de augas ácidas cunha alta carga de metais pesados sobre o río, sobre o parque natural e sobre a ría de Pontedeume serían catastróficos. Aínda lebramos a tremenda mortalidade que ocasionou nos ríos Chamoselo, Trimaz e Eume as escorrentías ácidas das obras da autovía Ferrol-Vilalba, que durante meses ficaron practicamente esterilizados.
ADEGA esixe da Xunta non só que obrigue a ENDESA a cumprir coas súas responsabilidades ambientais e facerse cargo da adecuada xestión e tratamento das lamas acumuladas no vaso do encoro: despois de 50 anos de dereito de pernada sobre o EUME, a administración ten suficientes motivos para iniciar un expediente de caducidade da concesión do encoro d'A Capela por incumprimento da lexislación de augas e de pesca fluvial, e obrigar á empresa a demoler unha infraestrutura que secuestrou todo un río durante décadas.
|