ADEGA e outras 13 entidades levan á Fiscalía as irregularidades na tramitación da mina de andalucita |
19 de abril de 2010. As entidades ADEGA A.M.A.L. (Agrupaçon de Montanha Augas Limpas), Club Montaña Ferrol, Colectivo Ártabra XXI, DROSERA, Federación Ecoloxista Galega, Fusquenlla, G.N.Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, Lapis Verdes, O Rabo do Galo, Saramaganta, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia presentan unha denuncia diante da Fiscalía de Medio Ambiente por atopar irregularidades no proceso de tramitación da solicitude de concesións mineiras na mina de andalucita no concello d'As Pontes, ás portas das Fragas do Eume. Baixa o escrito da Denuncia_MINA_de ANDALUCITA 160KB Fundamentos da denuncia:1. Que non se respectaron os prazos establecidos pola lexislación para o outorgamento de licenzas. De terse respectado, teríase asumido a denegación, por silenzo administrativo, por parte do anterior goberno da Xunta, xa que a decisión da autorización deberíase ter tomado no prazo de doce meses. Pasado este tempo, e ao non terse notificado resolución, enténdese que a solicitude foi denegada. 2. Denuncian tamén á Secretaría Xeral de Calidade Ambiental, polas irregularidades que se atopan no contido do seu informe de impacto ambiental, comezando polo feito de que non se fai valoración das repercusións negativas sobre o Río Belelle. Chégase ao extremo de encadrar o Rego Cernada, que xurde e atravesa a área na que se ubica o xacemento, na cunca do Río Eume. Como sexa que o Cernada é un dos dous regos máis importantes que forman a cabeceira do Río Belelle, pódese comprender o gravísimo erro no que se incurriu con esta omisión, pois as afeccións de maior alcance recaen sobre este rego, xa que literalmente desaparecería do mapa, levándose con el unha porcentaxe considerable de volume de auga do Río Belelle que está proposto, na súa integridade, para formar parte da Rede Natura. 3. No informe de avaliación ambiental non se detallan os impactos que a explotación mineira provocaría sobre o Parque Natural Fragas do Eume, ao que están obrigados pola Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de Proxectos: “La evaluación de los proyectos que, sin tener relación directa con la gestión del lugar de que se trate de la Red Natura 2000 o sin ser necesario para la misma, pueda afectar de forma apreciable a los citados lugares ya sea individualmente o en combinación con otros planes o proyectos, se someterá a una adecuada evaluación de sus repercusiones en el lugar teniendo en cuenta los objetivos de conservación de dicho lugar…” Por todos estes motivos, entre outros, como afectar a Hábitats Prioritarios da UE, demandan a paralización definitiva da tramitación do proxecto e que se anule, por “contido imposible”, o informe de avaliación ambiental, emitido pola Secretaría Xeral de Calidade Ambiental, pedindo que se tomen medidas contra os responsables das irregularidades cometidas. Todas estas asociacións preparan un roteiro reivindicativo polas fragas ameazadas para o día 15 de maio, coa finalidade de expresar o seu desacordo con esta iniciativa. Permanece atento/a ás novidades. Información adicional: http://picovello.blogspot.com/ e http://fontardion.blogspot.com (blogs levados por Inazio) |