Adega
INICIO Novas Alerta ambiental: Residuos industriais contaminan con metais pesados e hidrocarburos montes, prados e ríos en Ferrolterra

ADEGA - Ferrolterra

VIDEOS ADEGA-Ferrolterra

EUME: carbonato por un tubo!

JavaScript is disabled!
To display this content, you need a JavaScript capable browser.

Alerta ambiental: Residuos industriais contaminan con metais pesados e hidrocarburos montes, prados e ríos en Ferrolterra PDF Imprimir Correo-e
Envia Alerta ambiental: Residuos industriais contaminan con metais pesados e hidrocarburos montes, prados e ríos en Ferrolterra a FaceBookEnvia Alerta ambiental: Residuos industriais contaminan con metais pesados e hidrocarburos montes, prados e ríos en Ferrolterra a Twitter
Tecnosolos-Mostra3PANXuño de 2013. ADEGA vén de coñecer os resultados das análises das verteduras de refugallos industriais nos montes de Ferrolterra, dende Narón ás Somozas. Son milleiros de toneladas de "tecnosolos" vertidos sobre prados, mananciais e mesmo a carón de ríos, que amosan altas cantidades de hidrocarburos e metais pesados, superando os máximos legais para a protección da saúde humana. Estes refugallos semellan provir de subprodutos industriais e lamas de depuradora e non se están a aplicar sobre chans degradados, senón sobre prados e montes con actividade agrícola e gandeira. Perante o grave risco que para a saúde ambiental e cidadá que poden supoñer estas prácticas, ADEGA trasladará os feitos á Fiscalía do TSXG para que investigue o que podería ser un grave delicto ambiental. Álbum de PICASA. pdfAnalises metais pesados e hidrocarburos.

Un pegañento cheiro a sumidoiro alcatrea en numerosos montes e prados nos arredores das Somozas, a capital dos refugallos industriais de Galiza. A fonte dos cheiros (e da posíbel contaminación) son os milleiros de toneladas de "tecnosolos" que teñen sido amoreados e espallados por toda a comarca, por veces a carón dos ríos, leiras e casas e mesmo sobre xacementos arqueolóxicos. Este é o panorama que ten que aturar dende hai meses a veciñanza que vive próxima a algunha das fincas "tratadas".

Tecnosolo-Ramisqueira-PANtxPerante a inoperancia e a falta de resposta das administracións, ADEGA recibíu numerosas denuncias e queixas de veciños e veciñas que non se resignan a ter que convivir con este problema. E para coñecer in situ a súa dimensión e tomar mostras para coñecer a composición destes refugallos, desprazámonos á parroquia de Cargas, no concello das Somozas, veciña ao polígono industrial no que se tratan a maioría dos refugallos industriais de Galiza. O panorama é dantesco: Centos de hectáreas de prados e montes aparecen cubertas cunha grosa capa de material cheirento, cuxo pó impregna a roupa e penetra nos pulmóns. Moreas de lamas depositadas en prados, sobre fontes, a carón de ríos e leiras nas que pasta o gando.

Á marxe de coñecer a composición destes materiais, "tecnosolos" ou solos artificiais elaborados a partir de residuos, resulta claro que o seu xeito de "aplicación" incumpre a regulamentación que lle é propia, a ITR/01/08 (DOG 18 do 25 de xaneiro de 2008). Nesta instrución técnica indícase que a súa aplicación está prohibida sobre prados, humidais, cabeceiras e marxes de ríos, captacións de auga... É loxico, por canto estes tecnosolos teñen como función rexenerar espazos degradados: Chans industriais, canteiras e minas e solos gravemente erosionados, entre outros. Porén, teñen sido aplicados indiscriminadamente sobre terras fértiles, enriba da erva, en vales de elevada pendente cabeceiras de regos e ríos, sobre mananciais e mesmo sobre xacementos arqueolóxicos... Un vertido en toda regra, camuflado como enmenda orgánica, e que potencialmente pode ser unha grave fonte de comtaminación ambiental e risco sanitario.

As análises confirman o potencial contaminante destes materiais: Altos níveis de metais pesados (Cu, Mn, Mo, Ni, V, e Zn), superando os límites legais (Decreto 60/2009 de solos contaminados, Anexo II) para a protección da saúde humana; e cantidades totais de hidrocarburos que multiplican por máis de 25 (R.D. 9/2005, Anexo IV) os máximos permitidos, e que obrigarían a realizar unha a valoración de riscos.

ADEGA esixe á Xunta e ao Concello das Somozas a inmediata paralisación destas prácticas, a apertura dos correspondentes expedientes sancionadores e a retirada e axeitado tratamento destes refugallos contaminantes, con cargo aos responsábeis da súa vertedura. Non se poden usar os nosos montes, vales e ríos como "caixa B" para desfacerse dos refugallos industriais, aforrando custos de tratamento ás empresas produtoras. A administración non debería permitir camuflar como "rexeneración ambiental" o que non é mais que un simples vertido de refugallos altamente contaminantes e perigosos para o medio ambiente e a saúde das persoas.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA