Adega
INICIO Novas A Costa da Morte, de saldo: piscifatorías, parques eólicos, Parador e agora, liña de alta tensión
A Costa da Morte, de saldo: piscifatorías, parques eólicos, Parador e agora, liña de alta tensión PDF Imprimir Correo-e
Envia A Costa da Morte, de saldo: piscifatorías, parques eólicos, Parador e agora, liña de alta tensión a FaceBookEnvia A Costa da Morte, de saldo: piscifatorías, parques eólicos, Parador e agora, liña de alta tensión a Twitter
Compostela, 25 de xuño de 2009.  O ambiente da Costa da Morte está de saldo: piscifatorías, parques eólicos en primeira liña de costa, Parador na Rede Natura e agora, a liña de alta tensión (LAT) Muxía-Vimianzo. ADEGA ven de presentar novas alegacións á liña de alta tensión Muxía-Vimianzo, outro proxecto de alto impacto para unha zona xa amenazada polas piscifatorías de Merexo e Touriñán, o Parador previsto para a Rede Natura e os parques eólicos Muxía I e II. E por se alguén protesta, non hai que preocuparse: a declaración de utilidade pública, que a administración concede como churros, aplanará o camiño permitindo expropiar as terras dos que non queiran venderllas ás empresas privadas. E todo en aras do "interese público", mais... de quen? Baixa as Alegacions LAT VM-MX.pdf Alegacións LAT MUXÍA-VIMIANZO (93 KB)

ADEGA solicita nas súas alegacións que se declare nulo o estudo de impacto ambiental debido aos graves erros que presenta, os cales impiden unha valoración obxectiva do impacto do proxecto no territorio. O Estudo de Impacto Ambiental omite interesadamente datos que evidencian a magnitude do impacto, como a afección ao Camiño de Santiago, Patrimonio da Humanidade e que, segundo o inventario arqueolóxico elaborado pola USC, sufriría un impacto “severo” ao ser cruzado pola liña en dous puntos. Así mesmo, o EIA só valora o impacto da liña e non menciona o do parque eólico, aínda que resulta evidente que ambos proxectos dependen estreitamente un do outro. A normativa obriga a considerar os efectos globais e acumulados de todas as accións inherentes a un proxecto, polo cal a fragmentación do mesmo viola claramente a Lei.
E por se fora pouco, o EIA inclúe parágrafos enteiros referentes a outro proxecto situado no municipio de Paradela, en Lugo, o que pon de manifesto a estendida práctica de “cortar e pegar” na elaboración destes estudos e a falta de rigor na valoración dos impactos. Destas trécolas temos abondosos precedentes, como o EIA do encoro do Umia, en Caldas de Reis. Aínda lembramos o bochornoso espectáculo deste estudo, aprobado pola Xunta e asinado polo actual Conselleiro de Medio Ambiente, Sr. Hernández, daquela Presidente de Augas de Galiza, onde aparecía o "río Odiel" (polo Umia), a "Puebla de Guzmán" (por Caldas) o "lince ibérico", "meloncillo" e "buitre negro" entre outras especies do sur da península.
Por outra banda, ADEGA solicita que se lle denegue a declaración de utilidade pública á instalación eléctrica, xa que colisiona coa utilidade o o interese xeral doutros bens coma o Camiño de Santiago, os hábitats naturais protexidos polas directivas europeas e os espazos de produción agrícola e forestal, algún deles baixo o paraugas do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.
ADEGA manifesta a súa indignación pola habitual alegría da administración na concesión da utilidade pública para instalacións eléctricas, canteiras ou piscifatorías, xa que através desta figura, negocios privados adquiren o dereito de deteriorar o noso patrimonio e expropiar bens a moita xente para beneficio exclusivo duns poucos. Neste senso, reclamamos a modificación da lei franquista de expropiación forzosa de 1954 que avala e ampara os abusos de negocios privados en detrimento dos dereitos da cidadanía e a conservación do patrimonio de todos e todas.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal

quilmasbanner2.gif



ADEGA