Feira na Eira: II feira de produtos naturais e artesáns na Eira da Xoana |
Este domingo 28 de outubro, ADEGA organiza a II FEIRA DE PRODUTOS NATURAIS E ARTESÁNS na Eira da Xoana (Ramil, Agolada). Poderemos pasar unha agradable xornada mercando, desfrutando da contorna e mesmo quedar a xantar, xa que ADEGA porá callos, polbo, viño, auga e café a prezos populares. Tamén disporemos de empanadas, queixos, doces e moitos mais produtos a escoller entre a ampla oferta de apicultor@s, gandeir@s, labreg@s e artesáns que acoderán á feira. Durante todo o día haberá obradoiros e demostracións de cestería e olería. Para os mais cativos disporemos dunha zona especial, na que descubrirán diferentes xogos do mundo ademais dos xogos tradicionais. Tamén poderán aprender a elaborar candeas cun dos produtos das abellas, a cera. As actividades darán comezo ás 11.00 horas e rematarán as 18:00 e desta volta, semella que a climatoloxía será favorábel e desfrutaremos dunha xornada soleada e agradábel. Onde está a Eira da Xoana e como chegar? Clica nesta ligazón de Google Maps
Nesta II Feira imos saborear pola mañá un dos produtos estrela do outono, as colleitas de mel dos nosos montes e serras galegas (Serra do Careón, Serra do Suído, Serra do Xurés, Monte Pindo...) e por suposto o mel da Eira da Xoana. Logo falaremos nunha charla-coloquio sobre a alimentación saudábel co ponente Xan Pouliquen, de Xestion Agrogandeira e Natuireza S.L.
Xa achegándonos ao xantar, os máis festeir@s poderán desfrutar de boa música a cargo dos grupos “Herba Grileira” e “Bico da Balouta”, e algunha que outra sorpresa o longo da xornada.
Pola tarde haberá unha mesa redonda na cal se falará do produto escollido este ano, o mel.Contaremos coa participación de AGA ( Asociación Galega de Apicultura) e Abella Lupa SAT, que nos mostarán os diversos produtos apícolas e o papel fundamental que desempeñan as abellas na conservación da Biodiversidade.
Dentro de todas estas actividades, tamén faremos un sorteo de varias cestas de produtos da feira onde se premiará as persoas que lle fagan unha merca responsábel aos nosos produtores e produtoras.
En total, na feira haberá máis de 45 postos entre agricultura, gandería , apicultura, artesanía (pedra, coiro, barro, palla, madeira.), ademais de entidades de comercio xusto e ecoloxistas, que nos surtirán co melloríño dos seus produtos, a maioría deles en ecolóxico.
Para máis info:
- Marcial Barral (638 475 322)
- Pepe Salvadores (659 683 384)
RELACION DE PRODUTORES/AS
|