Adega
INICIO Novas O Supremo fai prevalecer a propiedade comunal do monte e o patrimonio fronte unha canteira en Palas
O Supremo fai prevalecer a propiedade comunal do monte e o patrimonio fronte unha canteira en Palas PDF Imprimir Correo-e
Envia O Supremo fai prevalecer a propiedade comunal do monte e o patrimonio fronte unha canteira en Palas a FaceBookEnvia O Supremo fai prevalecer a propiedade comunal do monte e o patrimonio fronte unha canteira en Palas a Twitter

MerlnPalas de Rei, a 05 de novembro de 2010.- ADEGA manifesta a súa satisfacción pola resolución do Tribunal Supremo que ratifica a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de 2007 emitida a favor dos veciños e veciñas das parroquias de Merlán e Hospital, do concello de Palas de Rei, pola que se fai prevalecer a propiedade comunal do monte e a preservación do patrimonio natural e hitórico-cultural ( Camiño de Santiago)  fronte a posta en explotación dun dereito mineiro da empresa Cuarzos Industriales, propiedade do Sr. Villar Mir, de hai máis de 30 anos.

A historia desta canteira empeza, para os veciños das parroquias de Merlán e Hospital do concello de Palas de Rei e para ADEGA, no ano 2004 cando a empresa CUARZOS INDUSTRIALES, do Sr. Villar Mir, solicita declaración de prevaleza da actividade mineira sobre a propiedade comunal dos montes veciñais en man común de Merlán e Hospital. Por Resolución da Consellería de Medio Ambiente de 1 de Xullo do 2004 resulta denegada esta prevaleza iniciando entón a empresa un recurso de reposición e posterior contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza. A sentenza do TSXG tamén foi recorrida ante o Tribunal Supremo que vén de ser ratificada a favor dos veciños e veciñas.

Trátase para ADEGA dunha sentenza que pode sentar precedente nun sector, -o da minería-, acostumado a utilizar e incidir na Administración en beneficio propio e sen respecto algún pola legalidade vixente (como pode verse pola situación de ilegalidade da maioría das canteiras e o reiterado incumprimento de toda a normativa ambiental, urbanística ou laboral e de seguridade no traballo).

A sentenza do Supremo que ratifica a do TSXG de 2007 dá a razón aos argumentos expresados no seu día polos veciños e por ADEGA para defender o patrimonio natural e histórico-cultural fronte ao desenvolvemento mineiro:

a)    que a declaración de prevaleza non vai implícita no título da concesión por máis que a lexislación mineira declare de utilidade pública ás concesións mineiras;

b)    que é a empresa mineira a que ten que probar a prevaleza da actividade mineira sobre a propiedade comunal do monte, e non ao revés.

c)    que non cabe o argumento do interese xeral derivado do interese metalúrxico do cuarzo e o risco de desabastecemento de materias primas á industria das ferroaleacións, tendo en conta que o dereito mineiro levaba 30 anos sen ser posto en explotación;

d)    que o aproveitamento forestal e agropecuario (que quedaría anulado pola explotación mineira) é o factor relevante para defender a prevaleza. Esta reside, tal como se dispón na vixente lei 13/1989, de montes veciñais en man común, na propia titularidade peculiar do monte;

e)    que a defensa do monte veciñal en man común e do patrimonio histórico e cultural do Camiño de Santiago non é competencia exclusiva dos propietarios do monte, senón da Administración, por seren bens de interese xeral.

ADEGA agarda que esta sentenza sirva de lección para a Administración autonómica e local á hora de autorizar estas e outras actividades nas que prevalecen os intereses xerais relacionados co patrimonio natural e o histórico-cultural. Tamén agarda que a Administración tome nota e que inicie os expedientes de caducidade de todos aqueles proxectos con dereitos mineiros que non foran posto en explotación dentro do prazo máximo permitido que marca a Lei de Minas e o Regulamento Xeral da Minaría.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA