Patrimonio Cultural deixa un castro sen protección por un "erro técnico" |
A Mariña, 13 de abril de 2012. Un "erro" dos técnicos que catalogaron o castro de O Redondo, do concello de O Vicedo, na Mariña de Lugo, déixao sen a protección legal que ampara este tipo de bens. Tras a denuncia de ADEGA e MariñaPatrimonio na Consellaría de Cultura pola a agresión que unha tala de eucaliptos estaba a exercer neste xacemento arqueolóxico, a Xunta caeu na conta de que o castro non estaba ben catalogado, xa que na documentación oficial estaba cambiado de sitio. Ambas as dúas organizacións denunciantes lamentamos que se sigan dando estas situacións de desprotección do noso patrimonio cultural polo desleixo e desinterese da Administración, e que, no canto dela, teñan que ser os propios cidadáns os que esixan a preservación destes bens únicos. O 27 de febreiro de 2012 ADEGA e MariñaPatrimonio denunciamos perante o Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e o SEPRONA unha tala de eucaliptos que podía afectar o xacemento arqueolóxico de O Redondo, no lugar de Tarroeira, concello do Vicedo (Lugo). Este castro, catalogado dende o 2001, está protexido por lei para evitar o seu deterioro ou destrución, e calquera intervención nel debe ser autorizada pola Consellería de Cultura. O 29 de febreiro os técnicos da Xunta realizaron unha inspección neste castro e constataron que, efectivamente, dentro das súas estruturas defensivas se estaba a realizar a tala denunciada, sen a preceptiva autorización. Comprobaron, ademais, que o “castro está mal situado”, o cal non quere dicir que os castrexos no seu momento levantaran o seu poboado nun lugar pouco axeitado, senón que os técnicos que o catalogaron situárono nun lugar equivocado. Deste xeito, estívose protexendo un xacemento inexistente ao tempo que se deixaba sen protección o castro de O Redondo. Este novo caso de tala sobre un xacemento arqueolóxico e o erro na súa ubicación, confirman a ineficacia dos poderes públicos e a súa incapacidade para frear a continua agresión do noso patrimonio. O Redondo é un impoñente castro de forma oval cuxos eixos miden 250m por 140m, dimensións pouco habituais nos castros da Mariña. Resalta especialmente o seu sistema defensivo, que consta dun enorme foxo de 25m de ancho e un potente parapeto de máis de 260m de largo e máis de 5m de alto. Conta, ademais, cun envexable estado de conservación. Sen dúbida, O Redondo é outra das xoias arqueolóxicas da Mariña que todos os interesados pola arqueoloxía deberían coñecer. Ligazón Fotos: https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CastroDeORedondo |