ADEGA denuncia ante o Ministerio Fiscal ao alcalde e á arquitecta municipal de Barreiros |
A Mariña, 16 de outubro de 2011.-ADEGA denuncia ante o Ministerio Fiscal á arquitecta municipal e ao alcalde de Barreiros por presunta prevaricación e falsidade documental, ao recoñcer un silencio administrativo positivo a unha solicitude de licenza absolutamente contraria á legalidade vixente. Trátase da licenza outorgada a Promociones J. Díaz Fernández S.L. na zona de San Bartolo. A edificación concédese en solo urbano non consolidado, afectado polo decreto da Xunta que suspende a vixencia das normas subsidiarias do concello, en zona de dominio público e de policía dun rego, parcialmente nun terreo municipal e co informe desfavorable da secretaria do municipio. Esta licenza convértese así no paradigma da arbitrariedade coa que o concello de Barreiros segue outorgando licenzas de obra.
O pasado 10 de outubro, o Secretario Xeral da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) presentaba na Fiscalía do Xulgado de Mondoñedo un escrito de denuncia contra a Arquitecta Municipal e Alcalde de Barreiros por presunta prevaricación e falsidade documental en relación co recoñecemento expreso de silencio administrativo positivo (en Xunta de goberno do 30/12/2009) á solicitude de edificación promovida por CONSTRUCCIONES Y PROMOCIONES J. DIAZ FERNANDEZ, S.L. nunha parcela en solo urbano non consolidado do núcleo urbano de San Bartolo expresamente afectada polo Decreto 15/2007 da Xunta de Galicia, polo que se suspende a vixencia das Normas Subsidiarias (NN.SS) do concello de Barreiros. No escrito de ADEGA ao Ministerio Fiscal deixase constancia da falsidade (interesada) na que incorre a Arquitecta Municipal ao informar que a referida parcela conta con todos os servizos de abastecemento, subministro eléctrico, saneamento e viais cando o mesmo proxecto de edificación inclúe a apertura de nosos viais dentro e no perímetro da parcela; e sobre todo cando, -en informe de 5 de Outubro do 2007, en contestación ao Servizo provincial de Inspección Territorial-, nega que pola parcela obxecto da licenza transcorra o chamado Rego de Lopo, cando, como arquitecta municipal, debera ter coñecemento de toda a cartografía e planimetría municipal e cando lle tiña que constar a apertura de distintos expedientes sancionadores contra dalgúns veciños e contra o promotor por obras sen autorización sobre o cauce e a zona de policía do Rego de Lopo ou que é o propio promotor da edificación quen solicita de Augas de Galicia a modificación do trazado e da sección de canalización do Rego de Lopo que atravesa a parcela de Sur a Norte (BOP de 18/04/2009, polo tanto antes do recoñecemento expreso do silencio administrativo positivo). Esta ocultación da realidade física e xurídica da parcela de J. DIAZ FERNANDEZ constitúe para ADEGA unha falsidade documental sen outra finalidade que a de facilitar o outorgamento da licenza sen contar coas correspondentes concesión e autorizacións de Augas de Galicia, co resultado, ademais, de incrementar a superficie da parcela (ao quedar incorporada a ela toda a extensión do dominio público do Rego de Lopo) e incrementarse así a edificabilidade e o negocio do promotor. A respecto desta ocupación do cauce do Rego de Lopo por parte do promotor, no escrito de ADEGA advírteselle ao Ministerio Fiscal que, en virtude do disposto no artigo 2 do Texto Refundido da Lei de Augas (TRLA), forman parte do dominio público todos “os cauces de corrientes naturales, continuas ou discontinuas” e que tal dominio público ten carácter inalienable, imprescriptible e inembargable (Constitución Española, artigo 132.1 e Lei 33/2003, artigo 30) e só pode ter uso privativo mediante o outorgamento da correspondente concesión ou título concesional (TRLA. Artigo 52). Na opinión de ADEGA, nin a arquitecta municipal nin os membros da Xunta de goberno poden alegar excusa algunha para descoñecer a realidade física desta parcela e non poden descoñecer tampouco (para iso contan co asesoramento xurídico da Secretaria Municipal) de que non poder haber outorgamento de licenza de construción sen antes contar coa correspondente concesión para uso privativo do dominio público e autorización para ocupar a zona de policía. Non pode haber, pois, recoñecemento expreso de silencio administrativo positivo, e ao facelo con coñecemento da realidade física da parcela o Alcalde e demais membros da Xunta de goberno incorren en presunto delito de PREVARICACIÓN. O recoñecemento expreso do silencio administrativo a esta solicitude de licenza sobre a que recaen, ademais das xa ditas, moitas outras ilegalidades, como: - estar ubicada a parcela sobre solo urbano non consolidado sen contar cos servizos mínimos de viais asfaltados, abastecemento de auga, saneamento, subministro eléctrico, equipamentos dotacional, etc; -estar a parcela directamente afectada polo Decreto 15/2007, de suspensión das Normas Subsidiarias do Concello de Barreiros, na que expresamente “non se permiten novas edificacións e só poderán executarse as obras de construción amparadas en licenza urbanística outorgada con anterioridade ao inicio do expediente de suspensión do planeamento, sempre que sexan conformes co ordenamento xurídico vixente no momento da concesión en non teñan transcorridos os prazos de caducidade da licenza”; - contar con informe xurídico DESFAVORABLE da Secretaria Municipal que advirte do exceso de edificabilidade do proxecto; - permitir a ocupación do dominio público e da zona de policía do Rego de Lopo sen contar, respectivamente, coa correspondente concesión e autorización de AUGAS DE GALICIA; -permitir a apropiación por parte do promotor dunha parcela de titularidade municipal sen mediar o correspondente acordo de enaxenación, Constitúe un singular exemplo da arbitrariedade con que o Concello de Barreiros segue outorgando as licenzas urbanísticas e tamén un exemplo da escandalosa arbitrariedade con que actúa a Xunta de Galicia ao promover un Plan Sectorial que non ten máis finalidade que ocultar a ilegalidade manifesta de boa parte das licenzas outorgadas en Barreiros. En opinión de ADEGA a opinión pública de Galiza non debera de permanecer indiferente ante tan escandaloso atropelo da legalidade vixente como o que ten que ver co urbanismo de Barreiros, entre outras cousas por saúde democrática, porque ven a sinificar un inaceptable agravio comparativo fronte a outros propietarios e promotores que cumpren escrupulosamente coa legalidade ou que mesmo se viron gravemente sancionados polas mesmas ilegalidades que a Xunta de Galicia está a consentir e a promover no concello de Barreiros. Neste sentido ADEGA fai un chamamento a non desaproveitar ocasión algunha na que denunciar ante o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e ante o Presidente da Xunta a súa escandalosa postura de querer ocultar toda a ilegalidade do urbanismo de Barreiros coa promoción arbitraria dun Plan Sectorial que vai a pagar con cartos de todos (máis de 14 millóns de Euros) unhas obras de abastecemento, saneamento e apertura de viais que os promotores tiñan que ter realizado, ao seu exclusivo cargo, previamente ao outorgamento das respectivas licenzas. ADEGA ten claro que, en defensa do territorio e do litoral, pero tamén por hixiene democrática, este modelo de urbanismo especulativo que se ten dado en Barreiros non pode continuar e agarda da Administración de Xustiza que non se deixe intimidar nin presionar polo poder político e que poña todos os esforzos e medios posibles en restituír a legalidade vixente e en perseguir penalmente os delitos de PREVARICACIÓN, CORRUPCIÓN e CONTRA A FACENDA PÚBLICA que poda haber detrás de tanta ilegalidade.
|