ADEGA e MariñaPatrimonio conseguen que a Xunta poña por fin a cuberto o Castro de Atalaia |
A Mariña, 26 de setembro de 2011. ADEGA e MariñaPatrimonio, asociacións volcadas dende 2006 na defensa do xacemento do castro da Atalaia (San Cibrao- Cervo) afectado pola insaciábel especulación urbanística coa connivencia das administracións públicas, felicítanse de ter conseguido que, por fin, tras as súas denuncias, a D. X. do Patrimonio Cultural adopte medidas para protexer as vulnerábeis estruturas do castro, que levaba máis de un ano á intemperie e sufrindo diversas agresións. Desde que finalizaron as escavacións ADEGA e máis MariñaPatrimonio viñemos demandando unha intervención no xacemento que evitase o seu deterioramento e preservase as citadas estruturas. A demora en adoptar estas medidas provocou no xacemento danos que denunciamos no seu día.Hoxe, malia todo, cómpre felicitar aos responsábeis da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural por iniciar o tapado dos restos arqueolóxicos e, de maneira moi especial, felicitamos os veciños e veciñas da Atalaia porque paso a paso, co seu esforzo e colaboración, logrouse salvar este importante ben cultural. Preme na ligazón para ver imaxes sobre os labores de tapado do xacemento: https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/TapadoRestosArqueoloxicosCastroDaAtalaia
|