Adega
INICIO Novas ADEGA levará o caso Barreiros ante a Fiscalía Anticorrupción
ADEGA levará o caso Barreiros ante a Fiscalía Anticorrupción PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA levará o caso Barreiros ante a Fiscalía Anticorrupción a FaceBookEnvia ADEGA levará o caso Barreiros ante a Fiscalía Anticorrupción a Twitter

barreiros_obraCompostela, 12 de setembro do 2011. ADEGA prepara novas accións fronte os actos de prevaricación e de fraude de lei do Concello de Barreiros e da Xunta. Tras a retirada por parte do goberno de Feixóo dos recursos sen resolver interpostos polo bipartito contra as licenzas ilegais outorgadas polo concello de Barreiros no ano 2006, ADEGA decide levar o caso ante a Fiscalía Anticorrupción e solicitar ao Concello de Barreiros a revisión de oficio das licenzas de edificación ilegalmente outorgadas, tras o cal non descarta recorrer á vía contenciosa.

Para ADEGA o caso Barreiros é un caso de evidente prevaricación por parte do Concello, en primeiro lugar, e por parte da Xunta do Sr. Feixóo, en segundo. Tanto o Plano Sectorial como os proxectos sectoriais posteriores (de abastecemento, saneamento e viais) supoñen un inaceptábel quebranto  económico ao erario público ( 14 millóns de euros) e constitúen un evidente fraude de lei ao intentar solucionar un problema de entidade municipal a través dunha figura de ordenación territorial de ámbito supramunicipal.

Ademais, o plano sectorial intenta encubrir, a través da manipulación xurídica, os delitos de prevaricación acometidos polo concello ao outorgar licencias de edificación sobre solo urbano non consolidado, sen antes ter obrigado aos promotores ás cesións de solo para infraestruturas, zonas verdes e vivendas sociais, e sen que tampouco os promotores tivesen acometido as obras de urbanización que agora se queren construír con diñeiro público.

Por outra banda, a punto de acabarse o período de exposición pública dos tres proxectos sectoriais derivados do “Plan sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas de abastecemento, saneamento e rede viaria”, ADEGA vén de entregar na Fiscalía de Medio Ambiente e Urbanismo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nova documentación allea aos textos oficiais sometidos a información pública. Trátase dun completo compendio de notas de prensa sobre o Plano Sectorial nas que se demostra que o Alcalde de Barreiros, Alfonso Fuentes, os responsables da Xunta e os promotores son totalmente conscientes da ilegalidade das obras urbanísticas que queren legalizar a través deste Plan Sectorial que, fraudulentamente queren facer pasar como unha actuación de interese supramunicipal, cando, sen embargo, só beneficiará a  promotores e a entidades de crédito e cando nin sequera abarca á totalidade dos núcleos de poboación do Concello de Barreiros con idénticas necesidades de mellora do abastecemento, no saneamento ou na rede viaria.

ADEGA agarda que o Ministerio Fiscal sexa consciente da transcendencia que para o futuro da lexislación urbanística e do dereito urbanístico en Galiza ten o caso Barreiros e que, en consecuencia, sexa quen de soportar as presións do poder político, levando a cabo unha investigación exhaustiva dos feitos denunciados. Sexan quen sexan os responsábeis non pode haber impunidade para esta forma de actuar, nomeadamente con respecto á Consellaría de Medio ambiente, Territorio e Infraestruturas, que precisamente ten o encargo legal de facer cumprir a lexislación e de perseguir calquera tipo de infracción urbanística.

Por último, consideramos que, de prosperar este Plan Sectorial da Xunta, cometeríase un enorme agravio comparativo con relación aos promotores e particulares que cumpriron e cumpren escrupulosamente coa lexislación ou que foron sancionados.  Pero a peor das consecuencias é a desaparición a nivel práctico da lexislación urbanística en Galiza para ser substituída pola arbitrariedade do Conselleiro de quenda.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA