Roteiro reivindicativo polo río Xallas |
|
|
Domingo, 27. Xuño 2010, 08:00
|
|
27 de xuño, domingo. Roteiro reivindicativo en defensa do Xallas
O domingo 27 de xuño, remataremos o ciclo de roteiros 2009-2010 de ADEGA Lugo na Costa da Morte. Achegarémonos alí como símbolo do final dos camiños que van na busca do Sol, e tamén por unha causa reivindicativa: a defensa do río Xallas. Sairá un bus desde Lugo (fronte a Escola de Maxisterio) ás 8.00 horas, e desde Compostela (Pazo de Congresos, San Lázaro) ás 9.30 horas.
Este é o río con máis potencia hidroeléctrica instalada na bacía Galicia-Costa, aínda así, a día de hoxe atópase ameazado de morte polas pretensións económicas dunha empresa, Ferroatlántica, que pretende construír outras tres novas centrais nun treito do Xallas no que xa conta con 5 aproveitamentos e 4 encoros.
No entanto, a paisaxe e a natureza destes lares é espectacular, e teremos a oportunidade de observar algúns dos poucos treitos de río virxes que se conservan, e marabillarnos coa beleza da Devesa de Anllares, única por ser o bosque atlántico máis occidental de Europa.
O inicio do roteiro terá lugar en Ponte Olveira. É xusto no límite entre os concellos de Mazaricos e Dumbría. De feito, o río Xallas é o límite natural entre ambos. Ademais, o inicio do roteiro correspóndese cun punto de parada do Camiño de Santiago, polo cal se fará a maior parte da ruta. Tras visitar Ponte Olveira, seguiremos a ruta do Camiño de Santiago, pasando en todo momento pola marxe dereita do Río Xallas, correspondente ao concello de Dumbría (a marxe esquerda pertence a Mazaricos). Deixaremos atrás o lugar do Hospital, e finalizaremos en Xestosa, onde baixaremos pola beira do río ata a Devesa de Anllares, onde se ten previsto acometer as obras da terceira minicentral proxectada (a de Novo Castrelo). Volveremos ao lugar de Xestosa, e logo colleremos o bus para ir ao mirador de Santa Uxía, desde alí veremos o mar, o concello de Fisterra, o lugar do Ézaro, o Monte Pindo e a Fervenza do Xallas. As vistas son únicas, cheas de paz e harmonía, que sen dúbida son o remate perfecto deste roteiro reivindicativo na fin da terra.
O percorrido será de aproximadamente 15 quilómetros á beira do Xallas, de dificultade media/baixa e trazado suave.
Imprescindible anotarse previamente no 679113718 (Mari Luz) ou 982240299 (ADEGA Lugo). Prégase puntualidade e o aviso previo no caso de non poder asistir.
Saídas: Lugo: fronte a Escola de Maxisterio (Av. Ramón Ferreiro), ás 8:00 horas. Compostela: diante do Pazo de Congresos (San Lázaro), ás 9.30 horas.
Prezos: Normal.......................................................................... 15 € Estudantes, xubilad@s e no paro.................................. 12 € Soci@s.......................................................................... 10 € Até 17 anos.................................................................... 5 € |
Volver
|