Paremos as fumigacións tóxicas nas vías e estradas |
|
|
Venres, 21. Xuño 2013, 08:00
|
|
PAREMOS AS FUMIGACIÓNS TÓXICAS NAS VÍAS E ESTRADAS En ADEGA, preocúpanos a intensidade con que este ano teñen fumigado con herbicidas ducias de estradas para rozar o mato. Estas fumigacións realízanse frecuentemente con glifosato, un potente herbicida tóxico para o ambiente e para a saúde das persoas. A razón de rozar con métodos químicos é unicamente económica: Cuns litros de glifosato e un único operario "rózanse" ducias de quilómetros ao día. Afórrase deste xeito, contratar a unha brigada para facer o rozado mediante métodos mecánicos, a cambio de deitar no medio milleiros de litros de veleno. Acontece ademais que o rozado químico, alén de supoñer un perigo para o ambiente e a saúde, non elimina o risco de lumes: Ao contrario, a presenza do mato seco a carón das estradas é un factor de risco engadido. Nalgúns casos chégase até o absurdo de fumigar primeiro e rozar mecanivamente despois: Por que non facelo só con métodos mecánicos?
Para visualizar a dimensión deste grave problema propoñémosvos que colaboredes con ADEGA. Para iso, só tendes que acudir a unha destas vías fumigadas, facer unha foto co cartaz que vos achegamos e enviala a ADEGA. Que como recoñecer as zonas nas que se aplicou o herbicida? Pois abonda con fixarse nas bermas das estradas e ver se a vexetación fica semorecida ou seca, mentres que noutras zonas está aínda verde. Non é difícil: estradas do Estado, a Xunta, Deputacións e concellos teñen sido fumigadas a eito, polo que non teredes problema en atopalas. Con todos os cromos recibidos, elaboraremos un álbum público e un dossier, que xunto a nota de prensa e un escrito de denuncia remitiremos en nome de ADEGA aos medios, ás administracións competentes e á Fiscalía Ambiental.
Pedímosvos a vosa colaboración para localizar e identificar aquelas zonas fumigadas, especialmente as que supoñen un risco inmediato de contaminación para a saúde e o ambiente: Preto de cursos de auga, leiras de cultivo, pastos, zonas habitadas... Só tedes que facer unha foto da zona co cartaz impreso e colocado sobre un pau ou calquera outro soporte. PAREMOS O ENVELENAMENTO DO NOSO MEDIO! DEFENDAMOS A NOSA SAÚDE! |
Volver
|