Limpeza simultánea de praias 2012 |
|
|
|
Con motivo do día mundial dos océanos que se celebra o venres 8 de xuño, ADEGA convoca a todas as entidades interesadas a unirse nun evento de reivindicación e educación ambiental contra a contaminación mariña. O 8 de xuño diferentes grupos de toda Galiza, participarán na limpeza simultánea de praias, nas tres provincias costeiras. Centros de ensino, escolas de surf, centros de mergullo, clubes de piragüismo, vela , asociacións de todo tipo ou grupos de particulares están chamados a limpar as súas praias e denunciar esta problemática ambiental. ÚNETE E LIMPA A TÚA PRAIA!
A maioría dos residuos inorgánicos que producimos e consumimos non teñen unha xestión axeitada. Moitos deles rematan incinerados, en vertedoiros ou o que é peor, nos mares. Unha elevada porcentaxe do lixo que atopamos nas praias provén de zonas do interior, que, sumado a outros vertidos acadan as 7 toneladas de plástico que cada ano rematan nos océanos.
Alén do seu impacto visual os residuos plásticos no mar son un grave perigo para a fauna mariña. Moitos animais acaban enredados en bolsas, sacos, redes, etc., o que habitualmente provoca a súa morte por afixia ou por vulnerabilidade ante as súas presas. A fauna mariña inxire plásticos confundíndoos con alimento o que finalmente provoca tamén a súa morte.
Outro dos problemas máis graves é que o plástico acaba reducíndose en pequenos anacos que son inxeridos por peixes que finalmente rematarán nos nosos pratos. Isto fai que os compoñentes prexudiciais e perigosos que conteñen os plásticos pasen aos seres humanos, afectando directamente á nosa saúde.
A mellor maneira de actuar ante este problema é reducir o noso consumo de plástico, reutilizar o máximo posible e reciclar. Porén, para conseguir un cambio nos hábitos de consumo tamén precisamos dun cambio de conciencia.
Facemos unha chamada á poboación para conseguir unha masa crítica que se achegue ás praias o Día dos Océanos, e consiga por unha banda mellorar o estado das nosas costas pero sobre todo conseguir un cambio de conciencia cidadá.
Se estás interesado/a en participar ponte en contacto con nós |
Localización : Praias de toda Galiza Contacto : Lucía Parente |
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
tlf: 981 57 00 99 |
Volver
|