Compartir

WhatsApp
Telegram
Correo
Bluesky
Facebook

Tras recibir a denuncia de ADEGA, o Concello de Muros comunica a paralización cautelar das obras na zona intermareal de Punta Abelleira, por non contar coas autorizacións pertinentes. O pasado 11 de setembro, a asociación ecoloxista denunciou diante do Concello de Muros, de Augas de Galiza e da Demarcación Galega de Costas, a presenza de maquinaria pesada enriba dos cantís de Punta Abelleira, en zona de dominio público marítimo-terrestre, que estaba escavando na rocha o que aparentaba ser a apertura de varias gabias para a instalación de tubaxes para a captación de auga de mar e/ou e vertedura cara a ría de Muros-Noia desde a planta auxiliar de acuicultura instalada no lugar.

ADEGA constatou que as obras comezaran xa na noite do 10 de setembro e continuaron ao día seguinte, acadando nese período de tempo o cimentado e remate dunha das gabias, -a situada ao oeste da planta, que verte á Enseada de Bornelle-, e a construción parcial doutra gabia no lado sur destinada á captación de auga. As obras executadas presuntamente por Mariscos Antón e Hijos S.L. alteraron de forma significativa a morfoloxía dos cantís litorais, parcialmente cimentados, removeron fondos mariños e derivaron sedimentos cara ao mar que provocaron a turbideza da auga.

gabia escavada na rocha do cantil

ADEGA advirte de que a modificación dos perfís rochosos costeiros, ademais de alterar gravemente a paisaxe litoral, podería acelerar a erosión dos cantís, especialmente vulnerábeis aos cambios; e as verteduras da planta depuradora de moluscos poden constituír un importante foco de contaminación para a ría se o seu impacto non se avalía adecuadamente. A asociación ecoloxista lembra que calquera actuación que se pretenda executar na zona de dominio público marítimo terrestre de Punta Abelleira podería afectar directa ou indirectamente a varios espazos naturais protexidos que circundan a ría de Muros e Noia, nomeadamente a ZEC Monte e Lagoa de Louro (ES1110012), a ZEC Esteiro do Tambre (ES1110011) e a ZEC. Ademais, a poucos metros da planta auxiliar de acuicultura, propiedade da promotora das obras, atópase o Humidal da Rateira, unha lagoa intermareal incluída no Inventario de Zonas Humidas de Galiza, e tamén área de distribución potencial da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.), ave catalogada como “Vulnerábel” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, que é extremadamente sensíbel á alteración do seu hábitat.

Polo tanto, calquera intervención que se pretenda executar na franxa litoral de Punta Abelleira como as xa citadas -a modificación do perfil costeiro ou a captación e vertedura de augas ao medio mariño-, polo seu potencial impacto sobre espazos naturais protexidos e os obxectivos de conservación da contorna, debería ser sometida a unha rigorosa avaliación de impacto ambiental, en aplicación do artigo 7.1.b) da Lei 21/2013, de 9 de decembro, de Avaliación Ambiental.

Sedimentos das obras que enturbiaron as augas mariñas

Compróbase na documentación remitida polo concello de Muros, que as obras executadas en Punta Abelleira, ademais de non ter sido sometidas a unha adecuada avaliación ambiental, tamén son irregulares por canto se executaron gabias que non estaban contempladas no proxecto técnico presentado no concello, mudando os trazados das tubaxes inicialmente deseñados e incorporando novos elementos construtivos. Entre outras deficiencias, as obras incumpriron os requirimentos de Costas e da Xunta de instalar barreiras anti-contaminación para evitar o enlodamento das augas mariñas, e foron executadas unha vez vencida a vixencia do permiso de vertedura de Augas de Galicia para poder deitar as augas procedentes da depuradora na enseada de Bornalle. O concello tamén dubida da legalidade de dúas tubaxes situadas nos cantís, ao lado sur e oeste, que verten auga directamente sobre as rochas da que se descoñece a súa procedencia.

ADEGA solicita ao concello de Muros que ademais de paralizar cautelarmente as obras e incoar un expediente de reparación da legalidade, tramite a apertura do oportuno expediente sancionador e castigue cunha multa exemplificante aos responsables das obras ilegais, pois boa parte do dano efectuado xa é irreversíbel.

Ao tempo, insta á Xunta de Galicia e a Costas do Estado para que tamén instrúan cadanseu expediente sancionador e para que, ademais, sometan ao procedemento administrativo de avaliación de impacto ambiental o proxecto de captación de auga e vertido ao mar da planta depuradora de Mariscos Antón e Hijos S.L., en Punta Abelleira, no concello de Muros.