Compartir

WhatsApp
Telegram
Correo
Bluesky
Facebook

Dende 2024 máis de 11.000 toneladas de residuos con lindano foron levadas ao vertedoiro de SOGARISA nas Somozas


O TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galiza) admite a trámite un recurso contencioso-administrativo de ADEGA contra a negativa da Xunta a achegar información sobre as analíticas do lindano nos efluentes dos vertedoiros das Somozas.

En xuño de 2024, a D. X. de Calidade Ambiental e Sostibilidade aprobou unha modificación non substancial da autorizacion ambiental integrada (AAI) da instalación “Centro de tratamento de residuos industriais de Galicia (CTRIG)”, situada no Concello das Somozas e xestionada pola UTE PMA CONTECO/SOGARISA. Entre os obxectivos desta modificación da AAI estaba a autorización para recepcionar, acondicionar e xestionar refugallos de lindano nas instalacións do CTRIG, establecendo as condicións e requisitos para desenvolver ditas operacións.


Xa que logo, e dende 2024, as instalacións de SOGARISA poderían estar recepcionando e xestionando terras contaminadas con lindano procedentes do Porriño, cuxo volume total abeira as 300.000 toneladas. ADEGA solicitou coñecer as cantidades de residuos con compostos de lindano recepcionadas e procesadas nas instalacións do CTRIG das Somozas, o resultado da súa clasificación e o seu destino final, dende a modificación da AAI de 2024. A Xunta respostou en xullo de 2025 dando conta de que, até a data, chegaran a SOGARISA 11.462,68 t de residuos con lindano e, delas, foron ao vertedoiro 11.323,88 t, e outras 138,80 t enviadas a un xestor autorizado.

Unha herdanza envelenada que non se está a xestionar correctamente

O lindano é un isómero químico do hexaclorociclohexano (HCH) fabricado artificialmente para ser usado como praguicida. Caracterízase pola súa persistencia, toxicidade, mobilidade e bioacumulación. É unha substancia considerada prioritaria e perigosa pola CE, que a prohibiu en 2008. E dende xuño de 2015, a OMS clasifica o lindano como “canceríxeno para os seres humanos”. Entre 1947 e 1964, a compañía Zeltia fabricou lindano e outros pesticidas no polígono de Torneiros, no Porriño. Nos terreos onde se encontraba a fábrica, construíronse nos anos 70 vivendas de protección oficial, sen que se levase a cabo unha axeitada descontaminación da zona. Por toda a comarca estráronse milleiros de toneladas de residuos contaminados que aínda aparecen hoxe en estradas, leiras, augas…

Nas instalacións de SOGARISA, nas Somozas, as terras contaminadas con lindano vertéronse nos DDS (depósitos de seguridade) II e III. Os límites máximos de contaminantes permitidos para o vertido de augas residuais pluviais depuradas nas balsas de decantación destes depósitos, así como para os efluentes depurados na planta de lixiviados (PLIX), foron establecidos nunha modificación previa da AAI aprobada en marzo 2021. Porén, entre os parámetros de vertedura autorizados nesa AAI non se fixaban límites máximos para os compostos con lindano. Unicamente se establecía un límite máximo xenérico para o parámetro “Pesticidas” (entre os que estaría o lindano), cun valor de 0,05 mg/L (miligramos por litro). Na modificación da AAI de 2024, tampouco se estableceron condicións específicas nin límites máximos para os compostos con HCH nas augas de vertido.

Cómpre subliñar que o límite máximo permitido para o lindano en augas superficiais fixado pola lexislación (RD 817/2015) e de 0,04 μg/L (microgramos por litro), o que representa unha cantidade 1250 veces menor que a autorizada na AAI de 2021 (0,05 mg/L –miligramos por litro-) para o parámetro xenérico “Pesticidas”. Deste xeito, poderían estarse a deitar ao dominio público cantidades de lindano moi superiores ao legalmente permitido.

Que teñen que agochar Xunta e SOGARISA?

Diante desta preocupante circunstancia, e dada a perigosidade dos refugallos de lindano, ADEGA solicitou en agosto de 2025 a revisión de oficio da AAI e a súa suspensión provisional. Pediamos que a Xunta establecese uns límites específicos para o hexaclorodihexano (HCH), incluído o lindano, nas augas procedentes da balsa de decantación dos DDSII e DDSIII (balsa 2) e nos efluentes da planta de lixiviados (PLIX). A Xunta rexeitou a nosa petición e afirmou que SOGARISA xa analizaba os pesticidas (incluído o lindano) nos efluentes e lixiviados procedentes dos vertedoiros, e que estes cumprían cos límites establecidos para o lindano.

Consecuentemente, dende ADEGA solicitamos en setembro de 2025 revisar esas analíticas, habida conta de que a concesionaria (unha empresa privada, antes pública) non está obrigada pola AAI en vigor a monitorizar o lindano. Tras un periplo administrativo de varios meses, nos que SOGARISA comunicou á Xunta a súa oposición a achegar a información solicitada, finalmente, en maio de 2026, a Xunta denegou a nosa petición. Baseábase en que parte dos datos solicitados (análises da planta de lixiviados) non tiñan caráter de información ambiental -malia a facer parte das condicións da Autorización Ambiental Integrada-, e que as analíticas dos efluentes das balsas estaban incursas nun procedemento xudicial aberto contra SOGARISA por outra empresa nun xulgado de Ferrol, pleito que nada tiña a ver coa nosa petición –as análises das augas-.

Para ADEGA resulta inaceptábel a actitude escurantista da Xunta, que primeiro modificou pola porta de atrás e sen consulta pública a AAI de SOGARISA para permitirlle recepcionar lindano, e despois se nega a amosar os datos analíticos das augas vertidas ao dominio público, sementando dúbidas sobre a xestión dun perigoso veleno. Esta inxustificábel ocultación de información deita sospeitas sobre o proceder da Xunta e da empresa nun asunto que pode comprometer a seguridade ambiental e a saúde cidadá.