Historia · Vitorias · Organización · Descargas

Máis de 50 anos defendendo o medio ambiente galego.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) é unha asociación ecoloxista democrática, independente e sen ánimo de lucro que traballa en defensa do medio ambiente galego e global do que depende a nosa calidade de vida.

Na Galiza, protexamos o verde

Avogamos por un modelo de desenvolvemento ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto: sen destrución ambiental e que reduza as desigualdades dentro de cada país e entre países.

Somos a asociación de defensa ambiental máis activa e con maior implantación do país. Traballamos en Galiza cunha visión global, solidarios coas loitas ambientalistas doutros pobos.

A diversidade biolóxica reflíctese na diversidade cultural: por iso defendemos tamén a cultura e a lingua propias de Galiza.

Redes das que formamos parte:

ADEGA forma parte da Federación Ecoloxista Galega (FEG) que agrupa á maioría das asociacións ecoloxistas galegas, da Oficina Europea do Ambiente (OEA), a federación constituída polas organizacións de defensa do ambiente máis importantes da Unión Europea, da Federación Transporte e Medio Ambiente Europea, da Plataforma Nunca Máis, da Coordenadora para a Defensa dos Ríos (COGADER) e da Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

1974

primeiros pasos da asociación

anos de loita ambiental

35.000

sinaturas na ILP polo monte (1989)

50.000

sinaturas contra a incineradora de Cerceda (1997)

38.000

voluntarios/as no Prestige

Historia:

50 anos coidando a terra.

1974–1976

O nacemento. As primeiras accións tiveron lugar a comezos de 1974; a asociación legalizouse en xuño de 1976. Domingo Quiroga, experto en temas mariños, foi o primeiro presidente. Son os anos das mareas negras do Urquiola e do Andros Patria, das marchas contra a central nuclear de Xove e das mobilizacións nas Encrobas e Baldaio.

Anos 80

A Fosa Atlántica. A campaña contra os vertidos radioactivos fronte ás nosas costas mobilizou unha parte importante da sociedade galega e contribuíu ao seu cesamento. Chegan tamén a oposición aos grandes encoros, a defensa de espazos naturais e as primeiras publicacións e actividades de educación ambiental.

1989

O monte e o lixo. Primeira Iniciativa Lexislativa Popular que chegou ao Parlamento de Galiza, polo patrimonio forestal, con máis de 35.000 sinaturas. Reivindicamos a redución do lixo en orixe e a reciclaxe.

Anos 90

Celulosas e incineradoras. Loita contra a segunda onda de celulosas, paralización da incineradora de Curtis-Teixeiro (1993) e redución á metade da de Cerceda (1997).

2002–2006

Prestige e ríos. Máis de 38.000 voluntarios/as de todo o mundo mobilizados co Prestige. En 2006, ano do noso 30 aniversario, o Parlamento aproba a ILP en defensa dos ríos promovida por ADEGA.

Anos 2010

Minas, bosque e territorio. Mobilizacións contra a mina de ouro de Corcoesto e a reapertura da de Touro–O Pino. A campaña Cousa de Raíces e a ILP polo bosque autóctono, con máis de 40.000 sinaturas, fan fronte á eucaliptización do país. Organizamos o I Encontro Galego de Custodia do Territorio, nace Charcas con Vida e gañamos nos xulgados a declaración da Cova Eirós como BIC e a ilegalidade da urbanización do Castro da Frouxeira.

Anos 2020

Eólicos e Altri. A mobilización cidadá contra a nova vaga eólica enche a Praza do Obradoiro con “Eólica Así Non”, e a campaña solidaria “Ti podes paralos” consegue paralizar nos xulgados máis de 30 proxectos autorizados pola Xunta. A ameaza da macrocelulosa de Altri na Ulloa dá lugar a manifestacións históricas en Palas de Rei, Compostela e A Pobra do Caramiñal.

2026

50 aniversario. Medio século despois, seguimos a traballar na defensa ambiental de Galiza desde a denuncia, a educación ambiental e a participación social.

1974–1976

O nacemento. As primeiras accións tiveron lugar a comezos de 1974; a asociación legalizouse en xuño de 1976. Domingo Quiroga, experto en temas mariños, foi o primeiro presidente. Son os anos das mareas negras do Urquiola e do Andros Patria, das marchas contra a central nuclear de Xove e das mobilizacións nas Encrobas e Baldaio.

Anos 80

A Fosa Atlántica. A campaña contra os vertidos radioactivos fronte ás nosas costas mobilizou unha parte importante da sociedade galega e contribuíu ao seu cesamento. Chegan tamén a oposición aos grandes encoros, a defensa de espazos naturais e as primeiras publicacións e actividades de educación ambiental.

1989

O monte e o lixo. Primeira Iniciativa Lexislativa Popular que chegou ao Parlamento de Galiza, polo patrimonio forestal, con máis de 35.000 sinaturas. Reivindicamos a redución do lixo en orixe e a reciclaxe.

Anos 90

Celulosas e incineradoras. Loita contra a segunda onda de celulosas, paralización da incineradora de Curtis-Teixeiro (1993) e redución á metade da de Cerceda (1997).

2002–2006

Prestige e ríos. Máis de 38.000 voluntarios/as de todo o mundo mobilizados co Prestige. En 2006, ano do noso 30 aniversario, o Parlamento aproba a ILP en defensa dos ríos promovida por ADEGA.

Anos 2010

Minas, bosque e territorio. Mobilizacións contra a mina de ouro de Corcoesto e a reapertura da de Touro–O Pino. A campaña Cousa de Raíces e a ILP polo bosque autóctono, con máis de 40.000 sinaturas, fan fronte á eucaliptización do país. Organizamos o I Encontro Galego de Custodia do Territorio, nace Charcas con Vida e gañamos nos xulgados a declaración da Cova Eirós como BIC e a ilegalidade da urbanización do Castro da Frouxeira.

Anos 2020

Eólicos e Altri. A mobilización cidadá contra a nova vaga eólica enche a Praza do Obradoiro con “Eólica Así Non”, e a campaña solidaria “Ti podes paralos” consegue paralizar nos xulgados máis de 30 proxectos autorizados pola Xunta. A ameaza da macrocelulosa de Altri na Ulloa dá lugar a manifestacións históricas en Palas de Rei, Compostela e A Pobra do Caramiñal.

2026

50 aniversario. Medio século despois, seguimos a traballar na defensa ambiental de Galiza desde a denuncia, a educación ambiental e a participación social.

Ler a historia completa

Cinco décadas de ecoloxismo galego, loitas compartidas e defensa do territorio

ADEGA nace nun momento no que a preocupación pola degradación ambiental comezaba a abrirse paso na sociedade galega. As primeiras accións para a súa constitución tiveron lugar a comezos de 1974, nun contexto marcado pola industrialización acelerada, a contaminación, a transformación do territorio e os primeiros debates sobre os límites do crecemento e a conservación da natureza. A asociación sería legalizada en xuño de 1976.

Desde os seus inicios, ADEGA estivo estreitamente vinculada ao ámbito científico, universitario e profesional, reunindo persoas procedentes de diferentes campos do saber arredor da defensa do medio ambiente. Formaron parte da primeira directiva personalidades como Domingo Quiroga, experto en temas mariños e primeiro presidente de ADEGA; o catedrático de Química Analítica Francisco Bermejo Martínez, experto en contaminación e vicepresidente; o arquitecto Xosé Bar Boo, segundo presidente; os avogados Xosé Luís Rodríguez Pardo e Xosé Luís Fontenla Rodríguez, este último terceiro presidente; ou os economistas Xosé Manuel Beiras Torrado e Fernando González Laxe, secretario xeral na segunda directiva, entre outras persoas.

Xa nos anos oitenta, Ramón Varela Díaz foi presidente, e Modesto Solla Sanz e Carlos Vales Vázquez ocuparon a Secretaría Xeral. A incorporación progresiva de novas persoas e colectivos foi facendo de ADEGA unha organización cada vez máis arraigada no territorio e na sociedade galega, mantendo ao longo da súa traxectoria esa estreita relación entre coñecemento, participación social e acción ambiental.

Os problemas aos que se enfrontaba ADEGA nos seus inicios quedaron reflectidos en diferentes intervencións públicas de Domingo Quiroga: a instalación de novas celulosas —en 1975 había proxectos para Padrón, Ponteceso, O Barco, Negreira, Muxía e Fazouro-Mondoñedo—; a contaminación provocada pola Celulosa de Pontevedra, que xa contaba daquela con varios anos de funcionamento; o proxecto de central nuclear en Xove (Viveiro); a fábrica de Alúmina-Aluminio; a choiva ácida ou os incendios forestais.

Os anos 70: primeiras loitas e defensa do territorio

A década estivo marcada por grandes transformacións económicas e industriais e por graves episodios de contaminación que fixeron visible a vulnerabilidade do territorio galego. Entre eles, o accidente do Polycommander, coa marea negra na ría de Vigo, e o naufraxio do Urquiola, que verteu petróleo e afectou ás rías do Burgo, Ares-Betanzos e Ferrol, puxeron de manifesto os riscos asociados ao transporte marítimo de hidrocarburos e á actividade industrial.

Ao mesmo tempo, ADEGA participou nas mobilizacións contra o proxecto de central nuclear de Xove e nas loitas das Encrobas e Baldaio fronte ás expropiacións e á explotación mineira.

A defensa ambiental aparecía xa estreitamente ligada á defensa do territorio e aos dereitos das comunidades afectadas polos grandes proxectos industriais e extractivos. Esta relación entre cuestión ambiental, territorio e participación social converteríase nun dos trazos que acompañarían ADEGA ao longo das décadas seguintes.

Os anos 80: a Fosa Atlántica e a expansión do ecoloxismo galego

A comezos da década dos oitenta incrementouse notablemente a actividade da asociación. A campaña contra os vertidos de residuos radioactivos na Fosa Atlántica supuxo un dos primeiros grandes movementos ambientais de carácter masivo en Galiza e mobilizou unha parte importante da sociedade galega.

A campaña incorporou novas persoas ao traballo colectivo de ADEGA, entre elas Xesús Asorei Martínez, Fiz Fernández Pérez, Xesús Pereiras, Gonzalo Mosquera, Xosé López Ciprián, Ramón Vilalta, Antón Prieto, Tino Fraga ou Henrique Niño Ricoi, xunto a moitas outras que contribuíron decisivamente á consolidación e implantación da organización.

Algunhas destas persoas impulsaron tamén as primeiras publicacións periódicas de ADEGA: o número 0 da revista ADEGA, publicado en 1984, e posteriormente Abracadabra(1986-1988), así como as primeiras actividades de educación ambiental desenvolvidas pola asociación.

A oposición aos vertidos radioactivos fronte ás costas galegas tivo unha enorme repercusión social. O Xurelo saíu do porto de Ribeira para denunciar os vertidos e ADEGA participou, xunto con Greenpeace e outros colectivos, en accións directas contra esta práctica. A mobilización estendeuse tamén fóra de Galiza, co autobús de ADEGA que percorreu os Países Baixos e Inglaterra para denunciar os vertidos e reclamar o seu cesamento.

A campaña contribuíu decisivamente ao fin dos vertidos radioactivos fronte ás costas galegas e converteuse nun dos grandes fitos da historia do ecoloxismo galego, demostrando a capacidade de mobilización social e de coordinación entre colectivos.

Neses mesmos anos, ADEGA participou nas campañas de oposición aos grandes encoros no Ulla e no Miño, entre eles o proxecto do Sela, así como no estudo e reivindicación da declaración de espazos naturais protexidos, como as Gándaras de Budiño, os Ancares ou Baldaio. A actividade da organización estendeuse tamén á divulgación de iniciativas polo desarme e a paz.

Dos residuos e o monte á primeira ILP ambiental

Desde mediados dos anos oitenta, ADEGA prestou unha atención crecente á problemática dos residuos, reivindicando a redución en orixe e a reciclaxe e cuestionando os modelos baseados no vertido e na incineración.

Ao mesmo tempo, foi gañando peso a defensa do monte galego, a demanda dunha planificación forestal racional e a loita contra os incendios. Este traballo conduciu á primeira Iniciativa Lexislativa Popular que chegou ao Parlamento de Galiza: a ILP de 1989 para a conservación, mellora e desenvolvemento do patrimonio forestal galego, que reuniu máis de 35.000 sinaturas.

A finais dos anos oitenta e comezos dos noventa regresou con forza a problemática das celulosas, con proxectos como Papelga, en Narón, ou EuroGaliza Forestal, nas Pontes. ADEGA participou na oposición a esta nova vaga de implantación industrial, ao tempo que continuaba denunciando o impacto das grandes infraestruturas e os riscos asociados ao transporte marítimo.

Os accidentes do Casón e do Mar Exeo volveron situar o litoral galego no centro da atención pública. A sucesión de accidentes, vertidos e ameazas sobre a costa contribuíu a consolidar unha das características do ecoloxismo galego: a combinación do coñecemento científico e técnico, a acción xurídica, a denuncia pública e a mobilización cidadá.

Os anos 90: residuos, territorio e organización do ecoloxismo

Durante os anos noventa, a defensa ambiental ampliouse a novos ámbitos e ADEGA reforzou a súa presenza no territorio. A organización participou na creación da Federación Ecoloxista Galega, que deu continuidade ao traballo desenvolvido pola Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galiza (AGENG).

A loita contra o modelo de xestión dos residuos baseado na incineración adquiriu especial relevancia. ADEGA promoveu campañas pola reciclaxe e contra SOGAMA, participou no debate sobre alternativas á incineración e defendeu modelos baseados na prevención, a redución e a xestión descentralizada dos residuos.

O derrubamento do vertedoiro de Bens puxo de manifesto os graves riscos asociados a determinados modelos de xestión dos residuos e reforzou a demanda dun cambio profundo neste ámbito. ADEGA impulsou tamén propostas alternativas ao modelo de SOGAMA.

A organización mobilizouse igualmente contra o impacto de grandes infraestruturas viarias, denunciando a afección da autovía do Noroeste A-6 sobre o val do río Neira e, posteriormente, doutros proxectos no territorio galego: nas pozas de Melón, no Morrazo, no Salnés ou no Val Miñor, entre outros.

A defensa das paisaxes, dos ríos, das zonas húmidas e dos espazos naturais foi adquirindo unha dimensión cada vez máis territorial.

Neste período consolidouse tamén Cerna, que desde 1993 se convertería nun dos principais instrumentos de información, análise e divulgación ambiental de ADEGA.

2002–2006: o Prestige e a defensa dos ríos

O afundimento do Prestige, en novembro de 2002, marcou unha nova etapa. A catástrofe provocou unha resposta social sen precedentes e deu lugar ao movemento Nunca Máis.

ADEGA levou á costa os primeiros grupos de voluntariado e mobilizou máis de 38.000 persoas voluntarias de todo o mundo para participar na limpeza do litoral, no seguimento da contaminación e na denuncia dos impactos ambientais.

A experiencia do Prestige reforzou unha das liñas fundamentais de ADEGA: o voluntariado ambiental como ferramenta de participación cidadá e de defensa directa do territorio.

Neses mesmos anos, a organización intensificou o seu traballo en defensa dos ríos. Naceu o Proxecto Ríos, unha iniciativa de educación e voluntariado ambiental baseada na participación cidadá no estudo, coñecemento e conservación dos ecosistemas fluviais.

Promoveuse tamén unha Iniciativa Lexislativa Popular para a protección, conservación e mellora dos ríos galegos. A proposta sería finalmente aprobada polo Parlamento de Galiza e converteríase na primeira lei ambiental de iniciativa popular.

A defensa dos ríos estendeuse a conflitos concretos, como a longa loita xunto á Coordinadora Anti-Encoro do Umia, e ás piscifactorías proxectadas en Rinlo e Touriñán. ADEGA recorreu aos tribunais e conseguiu a anulación do proxecto da piscifactoría de Rinlo, tras anos de batalla xurídica.

Neste período ampliouse tamén o traballo no ámbito da biodiversidade, dos montes e da educación ambiental. A vaga de incendios forestais impulsou novas formas de voluntariado en defensa do monte galego, mentres iniciativas como a Eira da Xoana, as campañas contra a acuicultura industrial ou o traballo arredor do lobo e doutros espazos naturais ampliaban o campo de acción da organización.

Territorio, biodiversidade e custodia

Durante os anos seguintes, ADEGA foi incorporando novas ferramentas para a defensa do territorio. A educación ambiental, o voluntariado, a custodia do territorio, o coñecemento científico e a acción xurídica foron consolidándose como partes dun mesmo modelo de traballo.

Naceron iniciativas como Charcas con Vida, orientada á recuperación e conservación das pequenas zonas húmidas, e Cousa de Raíces, campaña de defensa do bosque autóctono e contra a eucaliptización do país.

ADEGA organizou tamén o I Encontro Galego de Custodia do Territorio e continuou desenvolvendo programas de participación e educación ambiental en diferentes puntos de Galiza.

A organización mantivo unha intensa actividade xurídica en defensa do patrimonio natural. Entre outros resultados, conseguiu forzar nos tribunais a declaración da Cova Eirós como Ben de Interese Cultural e, tras once anos de loita, demostrar ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a ilegalidade da urbanización do Castro da Frouxeira, en Valdoviño, dentro da Rede Natura.

A defensa do monte e do bosque autóctono levou tamén a unha nova Iniciativa Lexislativa Popular, que acadou máis de 40.000 sinaturas.

A década de 2010: unha nova escala dos conflitos ambientais

Durante a década de 2010, os conflitos ambientais adquiriron unha dimensión cada vez máis territorial. A expansión mineira, a eucaliptización, os incendios, os novos proxectos enerxéticos, a presión urbanística e a transformación do medio rural situaron de novo no centro do debate o modelo de desenvolvemento de Galiza.

ADEGA participou na denuncia do boom urbanístico de Barreiros e na defensa do litoral e dos espazos naturais fronte a diferentes proxectos industriais, enerxéticos e extractivos.

A oposición á mina de ouro de Corcoesto e á reapertura da mina de Touro-O Pino exemplificou a crecente preocupación polo modelo de explotación dos recursos naturais e polos seus efectos sobre o territorio e as comunidades locais.

A defensa do medio rural articulouse tamén mediante alianzas con organizacións sindicais, agrarias e sociais, como a Alianza por un medio rural galego vivo, constituída por ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM.

Campañas como Ponte no medio, móvete polo territorio chamaron a atención sobre a transformación acelerada da paisaxe e a ocupación do territorio.

Durante estes anos consolidáronse, ademais, proxectos de educación, voluntariado, investigación e participación ambiental que hoxe forman parte da identidade de ADEGA.

Eólicos, transición enerxética e defensa do territorio

Nos últimos anos, a transición enerxética converteuse nun dos grandes retos do ecoloxismo galego. ADEGA defende a necesidade de avanzar cara a un modelo baseado nas enerxías renovables, pero cuestiona unha implantación que poida reproducir dinámicas de concentración, ocupación territorial, deterioración da paisaxe e perda de biodiversidade.

A nova vaga de proxectos eólicos xerou unha ampla contestación social. ADEGA participou na articulación da coordinadora Eólica Así Non, que levou a mobilización ao centro de Compostela e encheu a Praza do Obradoiro no Día do Medio Ambiente.

A campaña solidaria Ti podes paralos permitiu reunir recursos para a defensa xurídica do territorio e contribuíu á paralización nos tribunais de numerosos proxectos eólicos autorizados pola Xunta.

A defensa do territorio fronte aos grandes proxectos industriais ten hoxe unha das súas principais expresións na oposición á macrocelulosa de Altri na comarca da Ulloa.

O proxecto xerou unha ampla mobilización social pola súa potencial afección ao río Ulla, ao territorio e ao modelo produtivo da comarca, con manifestacións en Palas de Rei, Compostela e outros puntos do país. A mobilización alcanzou un dos seus momentos máis destacados coa histórica manifestación ALTRI NON na Pobra do Caramiñal, tras a aprobación da declaración de impacto ambiental por parte da Xunta.

A loita continúa tamén nos ámbitos administrativo e xurídico, nun novo capítulo dunha historia na que a defensa do territorio segue sendo un dos eixos centrais do traballo de ADEGA.

Unha organización que segue mudando

Ao longo de cinco décadas tamén mudou a escala e a complexidade dos problemas ambientais. Á denuncia da contaminación, das grandes infraestruturas e dos proxectos industriais dos primeiros anos fóronse incorporando a defensa da biodiversidade, a educación ambiental, o voluntariado, a custodia do territorio, a conservación dos ríos, a loita contra o cambio climático, a transición enerxética e a defensa dun medio rural vivo.

Mais existe unha continuidade profunda no traballo de ADEGA: o vínculo entre coñecemento e acción, entre análise e mobilización, entre defensa ambiental e participación social.

As súas campañas e proxectos construíronse ao longo destes anos en colaboración con asociacións veciñais, plataformas cidadás, organizacións agrarias, sindicatos, colectivos científicos, entidades culturais e outras organizacións ecoloxistas. Moitas das conquistas ambientais acadadas en Galiza son, por iso, o resultado de loitas compartidas.

Hoxe, os retos son diferentes, pero moitos dos conflitos de fondo continúan presentes: a presión sobre os ecosistemas, a perda de biodiversidade, a transformación do monte, os incendios, o modelo enerxético, a explotación mineira, os grandes proxectos industriais, a contaminación dos ríos e do litoral e os efectos da crise climática.

En 2026, cando ADEGA cumpre medio século de traxectoria, continúa traballando desde o coñecemento, a participación e a acción para defender o territorio e o medio ambiente de Galiza.

Cincuenta anos despois, a historia segue aberta.

Vitorias para lembrar

Algúns dos éxitos consolidados do ecoloxismo galego nos que ADEGA estivo na primeira liña:

Sen vertidos radioactivos

Non hai vertidos radioactivos diante das costas de Galiza.

Sen centrais nucleares

Non hai ningunha central nuclear no país: o proxecto de Xove quedou no papel.

Fragas do Eume

O terceiro encoro do Eume paralizouse e as fragas son hoxe Parque Natural.

Sela e Navia sen encoros

O encoro do Sela e os do Navia non se chegaron a construír.

Baldaio, público

Estaba privatizado e degradándose; hoxe é un espazo público protexido na Rede Natura 2000.

Lei dos ríos

A ILP en defensa dos ríos, promovida por ADEGA, aprobada polo Parlamento en 2006.

Cova Eirós

ADEGA forza nos xulgados a súa declaración como Ben de Interese Cultural.

Mina de Touro–O Pino

a oposición social impide a reapertura.

“Ti podes paralos”

campaña de recadación solidaria consegue paralizar nos xulgados máis de 30 proxectos eólicos autorizados pola Xunta.

Ler máis sobre estas vitorias

Boa parte do que se conseguiu nestas cinco décadas mídese polo que non chegou a acontecer.

Temos que resaltar o feito de que non hai vertidos radioactivos diante das costas de Galiza, que non hai ningunha central nuclear no país, que a industrialización irracional que supuxo a deterioración da Ría de Pontevedra conseguiuse que non se reproducise noutras rías e ríos, que o encoro do Sela non foi construído, que os encoros do Navia non foron construídos, que o terceiro encoro do Eume foi paralizado e as fragas do Eume son hoxe un Parque Natural, ou que Baldaio, que estaba privatizado e iniciada a súa degradación ecolóxica, hoxe volva a ser un espazo público a protexer, pasando a formar parte da Rede Natura 2000. Son estes algúns dos éxitos consolidados do ecoloxismo galego.

Outros muitos éxitos parciais teñen tamén grande importancia. Nos oitenta paralisáronse varios proxectos de grandes encoros de Fenosa no río Ulla, pero a empresa continua presionando coa pretensión dos últimos anos de instalar ducias de minicentrais neste mesmo río e no Lérez. En 1993 paralisouse a construción dunha incineradora de residuos tóxicos e perigosos en Curtis-Teixeiro, e hoxe seguimos luitando contra a queima dos aceites usados en Lendo (Laracha) ou contra a ideia de queimar os pneumáticos usados na cimenteira de Oural (Sarria).

No ano 1997, despois de anos de intenso traballo ecoloxista, incluida unha Iniciativa Lexislativa Popular que reuniu algo mais de 50.000 sinaturas de apoio, a Xunta reduciu ao 50% a capacidade da incineradora de Cerceda. Nos anos seguintes acadáronse proxectos de recolla selectiva e reciclaxe en varias comarcas do país, como A Coruña, O Morrazo, Barbanza, A Illa de Arousa, etc. Hoxe seguimos traballando para que en todas as cidades galegas se abandone a incineración e o vertido incontrolado e se opte pola reciclaxe e a compostaxe. As campañas pola protección dos espazos naturais mais salientábeis, as rias, os rios e as serras, continua hoxe centrando os esforzos da Asociación.

Froito destes esforzos cómpre salientar tamén o éxito da ILP en defensa dos ríos que, promovida por ADEGA, foi aprobada polo parlamento Galego no 2006, logo dunha campaña que mobilisou a milleiros de persoas de toda Galiza.

As vitorias chegaron tamén polos tribunais. ADEGA conseguiu a anulación da piscifactoría de Rinlo, forzou a declaración da Cova Eirós como Ben de Interese Cultural e, tras once anos de loita, demostrou a ilegalidade da urbanización do Castro da Frouxeira, en Valdoviño, dentro da Rede Natura. As minas de Corcoesto e de Touro-O Pino non abriron. E a campaña solidaria Ti podes paralos permitiu paralizar xudicialmente numerosos proxectos eólicos autorizados pola Xunta.

Organización

ADEGA actúa en todo o país a través de delegacións locais, que traballan na súa comarca en coordinación coa Delegación Nacional. Esta apoia as iniciativas locais e leva o traballo que vai máis alá de cada zona.

Todos os cargos son elixidos por períodos de dous anos renovábeis.

Asemblea Xeral de ADEGA

Asemblea Xeral

Máximo órgano de goberno. Aberta a todos os socios e socias con voz e voto; reúnese unha vez ao ano, marca as liñas de actuación e elixe a Xunta Directiva.

Xunta Directiva Xeral

Goberna entre asembleas. Presidencia, vicepresidencia, secretaría, tesouraría, representantes das delegacións e vogais das áreas de traballo.

Comisión Permanente

Formada por membros da Xunta Directiva, encárgase da xestión do día a día da asociación.

Descargas e ligazóns

Aquí hai un vídeo de YouTube (Google). Ao cargalo, YouTube (Google) pode poñer as súas cookies e saber que visitas esta páxina.

Abrir en YouTube (Google) · Política de cookies