A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) manifesta a súa oposición á proposta de crear unha sección especial de reforzo para resolver os litixios sobre autorizacións de parques eólicos no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A entidade anuncia que impugnará esta medida polas vías que en Dereito procedan, ao considerar que a súa configuración e tramitación incumpren as garantías que deben rexer a organización dos tribunais nun Estado de Dereito.
ADEGA comparte a preocupación expresada por Xuízas e Xuíces para a Democracia, que denunciou publicamente a proposta de selección directa dos integrantes deste reforzo, sen publicidade nin libre concorrencia. A proposta foi incluída na orde do día da reunión da Sala de Goberno do TSXG celebrada o 30 de outubro de 2026 como unha simple dación de conta, e a asociación xudicial cuestionou esta forma de tramitar unha decisión que requiría debate e control sobre a súa procedencia e legalidade.
A día de hoxe, o Tribunal aínda non publicou a acta daquela sesión. ADEGA denuncia que esta falta de publicidade impide coñecer publicamente os termos exactos da decisión adoptada e agrava a opacidade que rodea unha medida de especial transcendencia para as entidades que manteñen recursos eólicos en tramitación.
Para ADEGA, a necesidade de axilizar os procedementos esixe medios suficientes e unha organización transparente, con pleno respecto ás regras de designación dos maxistrados e maxistradas. A acumulación de asuntos non pode servir de xustificación para elixir á marxe desas garantías quen debe resolver uns litixios concretos.
Os cambios de sección, impugnados ante o Tribunal Supremo
A proposta chega despois do traslado forzoso de maxistrados da Sección Terceira, que viña coñecendo dos recursos eólicos, e da posterior remisión destes asuntos á Sección Segunda. ADEGA impugnou ante o Tribunal Supremo as decisións de cambio de sección de cada un dos procedementos contra autorizacións eólicas nos que é parte demandante. Tamén recorreu a decisión do Consello Xeral do Poder Xudicial de inadmitir a trámite os recursos de alzada que a asociación presentara fronte a eses cambios. O Tribunal Supremo xa recoñeceu a súa competencia para coñecer destas impugnacións.
Para ADEGA, esta sucesión de decisións gobernativas vulnera o dereito fundamental ao xuíz ordinario predeterminado pola lei e compromete o dereito á tutela xudicial efectiva. Está en xogo unha garantía esencial para todas as partes, pois a determinación de quen debe resolver os seus recursos debe responder a regras previas, obxectivas e transparentes, aplicadas con pleno respecto aos procedementos legais.
ADEGA sitúa estas actuacións nun contexto de presión política e empresarial contra as resolucións cautelares que frearon a execución de multitude de proxectos eólicos, resultando necesario non só o efectivo control da súa legalidade, senón que se dean ante a cidadanía as imprescindibles explicacións, como lle corresponde facer a un poder xudicial que deriva da soberanía popular.
Máis inseguridade xurídica e unha espiral de litixios
ADEGA advirte de que estas decisións engaden de forma significativa unha maior inseguridade xurídica ao panorama eólico galego. Ao debate sobre a legalidade das autorizacións administrativas do eólico súmase agora a controversia sobre quen debe resolver os recursos e mediante que procedementos se decide a composición dos tribunais.
O resultado, denuncia a asociación, é un escenario de litixiosidade inaudito e desesperante, no que en poucos meses se mudou tres veces, indo cara a cuarta, a composición da Sala encargada de coñecer as impugnacións do eólico, aniquilando o dereito fundamental ao xuíz ou xuíza predeterminado/a pola Lei.
A consecuencia das decisións gobernativas adoptadas, multiplicáronse os procedementos e prolongouse a incerteza, o que obrigou as entidades ambientais e a cidadanía a dedicar máis recursos á defensa dos seus dereitos e intereses lexítimos. E esa litixiosidade está chamada a incrementarse exponencialmente se se xeneraliza a segunda tramitación de proxectos que xa foran autorizados e cuxa execución foi paralizada pola xustiza ordinaria, despropósito xurídico posibilitado por unha modificación legal aprobada mediante o rodete do Partido Popular no Parlamento de Galiza.
Meses sen resposta á solicitude de amparo ante a presidencia do TSXG
ADEGA lembra que hai meses, ademais do amparo da Presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial, solicitou explicacións ao Presidente do TSXG ante os cambios que afectan os procedementos de impugnacións eólicas nos que é parte demandante, e que a día de hoxe aínda non se deron. Malia ese silencio, que menoscaba a imaxe da xustiza como un servizo público eficiente e independente do poder político, a asociación continuará defendendo nos tribunais o patrimonio natural e os dereitos da cidadanía. A tal fin, esgotará todas as vías que en Dereito procedan para reclamar que os seus recursos sexan resoltos con independencia, con medios suficientes e co escrupuloso respecto ás garantías legais.

