Compartir

WhatsApp
Telegram
Correo
Bluesky
Facebook

Outra oportunidade perdida para poñer couto aos monocultivos de eucalipto. Insiste en apostar pola extinción, despreza a prevención e esquece a restauración.

O pasado mes de setembro, o Consello da Xunta deu luz verde ao anteproxecto de Lei de Loita Integral Contra os Incendios Forestais, chamado a substituír a vixente Lei 3/2007. Non foi sen tempo: desde o inicio da súa tramitación en 2021 tiveron lugar os maiores incendios dos que hai rexistros en Galiza e no Estado.


Enormes perdas ambientais, patrimoniais, de infraestruturas, danos ás economías locais, vidas en risco… Estes retos demandaban profundas mudanzas estruturais, vontade política e valentía á altura do desafío que representa o cambio climático para o país. Porén, o anteproxecto aprobado supón unha decepción e non está á altura do problema ao que nos enfrontamos.


Un enfoque limitado e forestalista, que ignora a problemática dos monocultivos forestais


Malia a alarma social creada polos catastróficos lumes de 2025, o anteproxecto evita o debate público e limítao ao Consello Forestal, onde está sobrerrepresentado un lobby da madeira entregado aos grandes monocultivos de especies pirófitas coma o piñeiro e o eucalipto. Para ADEGA, as políticas de prevención precisan dun enfoque multidisciplinar na xestión do territorio, de planificación a curto, medio e longo prazo e de consensos amplos que avalen e dean continuidade a medidas valentes e ambiciosas.


O texto non fai mención á moratoria do eucalipto, directamente relacionada coa problemática dos incendios. Prégase aos intereses da industria pasteira e madeireira e renuncia a aplicar un plan de redución neta do eucalipto, mesmo a cumprir coa misérrima porcentaxe de redución da especie recollida no vixente Plano Forestal.


Fuxir do debate público e continuar sendo reféns do sector pasteiro-enerxético conducen a un resultado inevitábel: máis incendios.


Máis extinción, prevención testemuñal e esquecemento da restauración


A norma adoece de miopía, falta de valentía, e concreción. Os lumes de última xeración fan que moitas das estratexias de loita contra o lume centradas na extinción xa non funcionen. E sobre a prevención, a lei fala de recuperar a paisaxe en mosaico, deseñar paisaxes contralumes, diversificar as masas forestais, impulsar a silvicultura preventiva… Porén, estes obxectivos fican en meras recomendacións de aplicación voluntaria (incentivar, promover, fomentar, promocionar, priorizar, apoiar…), sen obriga legal nin instrumentos para o seu cumprimento efectivo.


No tocante á restauración, este anteproxecto tampouco incorpora o aprendido nos últimos anos: despois dun lume, a prioridade debería ser a protección do solo fronte á erosión. O que aconteceu en Valdeorras, Viana do Bolo ou O Courel, coas avenidas e desprendementos que illaron poboacións, contaminaron ríos e afectaron as traídas, demanda medidas que están ausentes no texto.


Porén, non faltan cartos para recuperar os danos en terreos cinexéticos e para infraestruturas de ecoturismo, o que retrata as verdadeiras prioridades da Xunta para afrontar as consecuencias dos incendios.


Ocultismo e desleixo da Xunta fronte á expansión do eucalipto


Finalmente, ADEGA quere chamar a atención sobre a intolerábel renuencia da Xunta a achegar datos sobre a proliferación incontrolada do eucalipto e o desleixo fronte ás denuncias das plantacións ilegais. ADEGA acudiu en amparo á Valedora, que reclamou á Xunta un informe sobre o control das plantacións de eucalipto.

Nin por esas: a Xunta desouvíu este requerimento e a Valedora vén de lembrarlle “que os poderes públicos de Galicia están obrigados a prestarnos o auxilio e a colaboración que lles demandemos nas nosas actuacións”.