Este xoves, membros de ADEGA, A. M. Augas Limpas, SGHN e Verdegaia, en representación dos 16 colectivos contrarios á instalación dunha mina a ceo aberto nas Fragas do Eume, trasladámoslle á Fiscalía as irregularidades observadas na tramitación deste proxecto. O Fiscal, Álvaro García Ortiz, acordou abrir dilixencias preprocesais para investigar as actuacións da administración neste caso e pedirlle máis información. A tramitación da mina de andalucita é outro exemplo do proceder chafalleiro e do desleixo da admnistración pola conservación do noso patrimonio natural: non se respectaron os prazos establecidos pola lexislación e o EIA presentaba escandalosas omisións, como non detallar os impactos da mina sobre o Parque Natural das Fragas do Eume, entre outras.
|
Ler máis...
|
|
4 de maio de 2010. O xuíz de primeira instancia do xulgado nº 2 de Compostela vén de esixir a ADEGA o depósito dunha fianza de 10.000€ para persoarse como acusación no proceso por prevaricación contra José Manuel Álvarez-Campana Gallo, aberto a instancias da Fiscalía Medioambiental. ADEGA entende innecesaria e excesiva esta fianza, máxime cando a acusación parteu da Fiscalía e baséase en dúas sentenzas firmes do TSXG contra a aprobación da DIA e o proxecto da piscifatoría de Rinlo (Ribadeo). Noutros casos penais abertos contra o criterio a Fiscalía e sen sentenzas firmes detrás, impuxéronse ás acusacións populares fianzas máis baixas: na denuncia contra Garzón polas foxas do franquismo, "Manos Limpias" única acusación no proceso, tivo que facer fronte a unha fianza de 6.000€.
|
Ler máis...
|
23 de abril de 2010. O Fiscal de Medio Ambiente vén de confirmar a ADEGA a admisión a trámite no xulgado de Primeira Instancia nº 2 de Compostela da súa denuncia contra José Manuel Alvarez-Campana Gallo, actual presidente de Portos de Galiza, por un posíbel delicto de prevaricación medioambiental e outro de prevaricación urbanística no caso da piscifatoría de Rinlo (Ribadeo) cando era Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Ditar resolucións presuntamente inxustas saltándose a lexislación ambiental e urbanística non pode sair de balde. ADEGA pide aos Sres. Feijóo e Hernández que cesen fulminantemente ao imputado.
|
Ler máis...
|
Para comemorar o Día da Terra (22 de abril), este vindeiro sábado 24 de abril, a partires das 17h, diversas organizacións ecoloxistas galegas convocamos unha ANDAINA POLO CLIMA baixo o lema "O CLIMA NON ESTÁ Á VENDA". Será en Cerceda, e o percorrido irá dende a central térmica de Meirama (Gas Natural-Unión Fenosa) até as portas da incineradora de SOGAMA (Xunta de Galiza-G.N.-U. Fenosa). Comemora o Día da Terra participando nesta andaina en defensa do noso ambiente! Vídeo do acto (grazas Bocixa)
|
Ler máis...
|
14 de abril de 2010. Diante da sinatura do convenio urbanístico de Barreiros e a anunciada retirada dos contenciosos-administrativos por parte da Xunta, ADEGA advirte ás administracións que a violación da legalidade que suporían estas actuacións, non pode quedar impune. Se a retirada dos recursos da Xunta para a reposición da legalidade urbanística constitúe, por elemental sentido da xustiza social, unha inaceptábel e aberrante práctica administrativa dun goberno que está obrigado a tratar a todos os cidadáns por igual, resulta aínda máis indignante e escandaloso que se pretenda reparar tal ilegalidade a conta dos cartos públicos. En ADEGA temos moi claro que se todas as falcatruadas urbanísticas do Concello de Barreiros poden ser legalizadas impunemente, pouco van valer en adiante as disposicións de protección do solo recollidas na lexislación urbanística e en calquera outra lexislación. En consecuencia, ADEGA non escatimará esforzos para tentar restaurar a legalidade fronte á deixación de funcións e a escandalosa connivencia da Xunta cos infractores.
|
Ler máis...
|
Compostela, 10 de abril de 2010. Este xoves 8, membros da Directiva de ADEGA mantivemos unha entrevista co Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para trasladarlle a postura da asociación sobre os asuntos de actualidade relacionados coas súas competencias. A Lei do Solo e a súa modificación foi o motivo principal dunha xuntanza (solicitada antes da aprobación parlamentaria) na que ADEGA manifestoulle o seu total desacordo cos contidos e tramitación da norma e por non ter completado a previa aprobación das DOT (Directrices de Ordenamento do Territorio), iniciada na lexislatura anterior. Falamos tamén do caso Barreiros, e deixámoslle moi claro que para ADEGA, xudicializar a protección do ambiente e do territotio é un erro, mais hai liñas vermellas que non poden ser cruzadas. Se as administracións insisten en burlar a lexislación ambiental e urbanística, terán que render contas perante e xustiza.
|
Ler máis...
|
|
|
|
<< Inicio < Anterior 41 42 43 44 45 46 47 Seguinte > Final >>
|
Páxina 46 de 47 |