11 de xaneiro de 2013. ADEGA vén de apresentar alegacións ao proxecto de GN-Fenosa de unir mediante unha central de bombeo soterrada os encoros de Salas e As Cunchas, na baixa Limia. 74 meses de obras, máis de un millón de metros cúbicos de entullos repartidos pola reserva da Biosfera Gerês-Xurés a razón de 327 viaxes de camión diarias; baixadas de caudal ao mínimo durante meses nos dous encoros; riscos de eutrofización; eliminación física de 153 hectáreas de hábitats protexidos de e impactos sobre endemismos e especies en perigo de extinción. Todo para que GN-Fenosa siga espremendo dúas concesións franquistas (1949 e 1942) até esgotar os 99 anos de vixencia e, de paso, rendibilizar convertendo en "verde" a electricidade (mesmo nuclear) que non pode colocar no mercado ao prezo que lle convén cando a demanda é baixa. Un "lavado" en toda regra de megawatios suxos co timo do bombeo. Que por que ex-presidentes e ex-ministros acaban en eléctricas?
|
Ler máis...
|
8 de xaneiro de 2013. A delegación de Ourense de ADEGA vén de apresentar alegacións ao proxecto de investigación do dereito mineiro 5258 Wolfran Aurense reclamado pola empresa "Minas y Geología S.L." nos concellos de Castrelo do Miño, Cartelle, Arnoia e Ramirás. Trátase do enésimo intento dunha empresa mineira (cun capital social de 12.000€) para especular cos nosos recursos natrurais e lucrarse co alto prezo destes minerais (litio, estaño, wolframio, terras raras -tántalo e nioibio-). Ao seu paso, deixará unha terra ferida derramando os valores naturais que manteñen aos sectores produtivos tradicionais da comarca do Ribeiro. En tempos de crise, tamén hai que escoller: Tolerar a desfeita e ficar coas migallas do saqueo mentres dure (3-4 anos) ou respectar a terra para seguir a vivir dela. Apostar polo lucro pasaxeiro das terras raras e ficar sen terra, ou apostar polo viño e a conservación do patrimonio e mantela.
|
Ler máis...
|
28 de decembro de 2012. SOGAMA (Sociedade Galega do Medio Ambiente), a entidade semipública que xestiona o 82% dos refugallos urbanos do país mediante a incineración e o vertido é unha das empresas máis contaminantes de Galiza, e tamén unha das máis perigosas para a saúde. Un recente estudo de investigadores/as do Instituto de Saúde Carlos III de Madrid, publicado na revista Environmental International, conclúe que a poboación que reside preto das incineradoras ten un maior risco de padecer cancro. Porén, e malia a que este sistema é máis nocivo, caro, contaminante e insolidario que a compostaxe, o PP persiste en defendelo contra toda lóxica. A pregunta é: Quen se lucra cos refugallos a costa da nosa saúde?
NOTA: Por desgraza, esta nova non é unha brincadeira!
|
Ler máis...
|
Compostela, Nadal de 2012. Dende hai algúns anos, ADEGA desenvolve nestas datas campañas relacionadas co Nadal: “Neste Nadal... os meus agasallos sen pilas”,“Carta das raíñas magas”ou "Por un Nadal máis ecolóxico" foron algunhas das iniciativas que invitaban a reflexionar sobre a importancia da contención do consumo nestas datas. Animamos á cidadanía neste 2012 a afrontar as festas e o vindeiro ano con espírito ecoloxista. Malia á crise, as previsións de consumo nestas datas non son moi diferentes ás de outros anos,mais o realmente certo é que o ecosistema Terra si está en crise dende hai tempo. Non podemos sacrificar o ambiente en prol dun progreso consumista e espoliador. Outra maneira de vivir é precisa se queremos conservar a riqueza común que é a diversidade natural.
|
Ler máis...
|
|
A Mariña, 9 de xaneiro de 2013. O Servizo de Patrimonio da Consellaría de Cultura vén de informar a ADEGA e a MariñaPatrimonio das accións levadas a cabo en relación coa denuncia presentada por ambas asociacións no mes de outubro sobre danos no castro das Engrobias, no concello de Foz. Estas denuncias foron efectuadas ao comprobar que se tiña talado o monte de eucalipto e que a posterior repoboación destruiría o xacemento protexido pola lei. O Servizo de Patrimonio confírmanos que os cortes eran ilegais, por non contaren coa preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e comunícanos que esta resolve non autorizar novas plantacións de eucalipto nas parcelas que ocupan o xacemento. Dende ADEGA preguntámonos que sería deste patrimonio sen a intervención das persoas e colectivos comprometidos coa súa conservación. Para que está entón a Xunta, para tramitar expedientes?
|
Ler máis...
|
Lugo 7 xaneiro de 2013. ADEGA e o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, entregaron hoxe os premios do II Concurso Fotográfico “Fotografías polo territorio”, do II Certame de Relatos ‘O lugar onde vivo’ e do I Certame de Curtametraxes ‘E ti que é o que ves”, que organiza ADEGA en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Os tres certames en enmárcanse dentro da campaña “PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO”, nacida co gallo de que a sociedade retrate o estado actual do territorio galego a través da imaxe e da palabra, e están patrocinados pola Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo. Nesta edición achegáronse 50 fotografías, uns 40 relatos e 8 curtametraxes procedentes de toda a xeografía galega: Mugardos, Agolada, Lalín, Lugo, Cerceda, As Nogais, Vilar de Santos, Cedeira, Ourense, Ribeira, Brión, Arbo, Pontecesures, etc.
|
Ler máis...
|
27 de decembro de 2012. Outra das mentiras do proxecto mineiro de Corcoesto que a Xunta aprobou hai uns días, como agasallo de Nadal envelenado para toda a poboación galega, é a caracterización dos refugallos mineiros. Para Edgewater e os seus cómplices na Xunta, estes refugallos (do oco, entulleiras e balsas) son "non inertes, non perigosos". Isto significa que ao non seren considerados perigosos as instalacións nas que se depositan non teñen a categoría "A" e, portanto, non precisan dun Plano de Emerxencia Exterior (PEE) que estableza os protocolos de actuación diante dunha emerxencia que supere a capacidade de resposta dos servizos habituais. Como é posíbel que a Xunta tolere esta fraudulenta catalogación dos refugallos mineiros malia a conter enormes cantidades de arsénico facilmente lixiviábel alén de compostos cianurados? E como é posíbel que a Xunta non lle esixa a Edgewater contar cun PEE, arriscando deste xeito a saúde ambiental e cidadá?
|
Ler máis...
|
Lugo, 21 decembro de 2012. ADEGA vén de coñecer que, mediante resolución ditada o 3 de novembro de 2012, a S. X. de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas denegou a ERIMSA a autorización urbanística para a extracción de seixo metalúrxico en terreos do municipio da Pastoriza, dentro do ámbito da concesión “Alicia nº 5917”. Este é o primeiro proxecto de explotación de cuarzo de Erimsa fallido na Terra Chá e que, seguramente, veña seguido da denegación da autorización urbanística dos restantes proxectos mineiros solicitados pola empresa para Castro de Rei e Cospeito. ADEGA, xunto con outros colectivos da zona e co propio concello da Pastoriza, alédase de ter gañado nos xulgados esta batalla contra a especulación de recursos e na defensa do rural, e agora ratificada por esta resolución administrativa.
|
Ler máis...
|
|