Adega
INICIO Últimas novas ADEGA recurrirá a DIA de Corcoesto pola fradulenta caracterización dos residuos: 68.798 Tm de As e 4.368 de cianuro "non perigosos"?
ADEGA recurrirá a DIA de Corcoesto pola fradulenta caracterización dos residuos: 68.798 Tm de As e 4.368 de cianuro "non perigosos"? PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA recurrirá a DIA de Corcoesto pola fradulenta caracterización dos residuos: 68.798 Tm de As e 4.368 de cianuro "non perigosos"? a FaceBookEnvia ADEGA recurrirá a DIA de Corcoesto pola fradulenta caracterización dos residuos: 68.798 Tm de As e 4.368 de cianuro "non perigosos"? a Twitter
refcorcoesto27 de decembro de 2012. Outra das mentiras do proxecto mineiro de Corcoesto que a Xunta aprobou hai uns días, como agasallo de Nadal envelenado para toda a poboación galega, é a caracterización dos refugallos mineiros. Para Edgewater e os seus cómplices na Xunta, estes refugallos (do oco, entulleiras e balsas) son "non inertes, non perigosos". Isto significa que ao non seren considerados perigosos as instalacións nas que se depositan non teñen a categoría "A" e, portanto, non precisan dun Plano de Emerxencia Exterior (PEE) que estableza os protocolos de actuación diante dunha emerxencia que supere a capacidade de resposta dos servizos habituais. Como é posíbel que a Xunta tolere esta fraudulenta catalogación dos refugallos mineiros malia a conter enormes cantidades de arsénico facilmente lixiviábel alén de compostos cianurados? E como é posíbel que a Xunta non lle esixa a Edgewater contar cun PEE, arriscando deste xeito a saúde ambiental e cidadá?

O proxecto de Edgewater para Corcoesto clasifica os residuos da actividade mineira como “non inertes non perigosos”. Para ADEGA, e a teor tanto da caracterización analítica previa, que sinala uns níveis de As superiores aos níveis de referenza, como do uso de substancias perigosas como o cianuro para a extracción do ouro por lixiviación dinámica, concluimos que, á marxe dos residuos da extracción de minerais metálicos (código LER 01 01 01) e non metálicos (LER 01 01 02), existen outros tres tipos de residuos non catalogados: Os residuos mineiros de parte dos estériles da actividade extractiva e os residuos da lixiviación deberían clasificarse como “non inertes perigosos”, correspondéndolles os códigos LER 01 03 04*[1] (estériles ácidos pola transformación dos sulfuros -mineralizacións con arsenopirita e outros compostos de xofre-); 01 03 05* (outros estériles con substancias perigosas -As-); e 01 03 07* (residuos que conteñen substancias perigosas -cianuro- procedentes da transformación física e química de minerais metálicos).

Tendo en conta esta nova caracterización dos residuos mineiros xerados pola explotación, as instalacións destinadas a albergar tais materiais de rexeite deberían ser clasificadas como de tipo A, a teor da Directiva 2006/21 CE, transposta ao ordeamento xurídico español polo RD 975/2009. Atendendo a esta normativa, unha instalación de residuos mineiros considérase de categoría “A” cando, alomenos, concorra unha destas circunstancias:
-Que exista risco de accidente grave por colapso ou fallo debido á perda de integridade estrutural ou por unha incorrecta operación.
-Que conteña residuos perigosos.
-Que conteña substancias perigosas.
Neste caso, as instalacións proxectadas cumpren as tres condicións para seren consideradas de categoría “A”. Portanto, e a teor no disposto no devandito RD 975/2009, establécese para estas a necesidade de contar cun Plano de Emerxencia Exterior que deberá elaborarse denantes da autorización do plano de restauración (art. 40.1), para o que a empresa deberá facilitar á administración a información necesaria. Os obxectivos do Plano de Emerxencia Exterior (PEE) serán (art. 40.3):
“a) Conter e controlar os accidentes graves e outros incidentes para reducir ao mínimo os seus efectos e, en particular, para limitar os danos á saúde das persoas e ao medio ambiente.
b) Aplicar as medidas necesarias para protexer a saúde das persoas e o medio ambiente dos efectos de accidentes graves e outros incidentes.
c) Comunicar a información necesaria ao público e aos a servizos ou ás autoridades correspondentes da zona.
d) Tomar medidas para a rehabilitación e limpeza do medio ambiente tras un accidente grave.”

Portanto, a incorrecta catalogación dos refugallos mineiros que realiza Edgewater, bendicida pola Xunta na súa DIA, fai que a empresa non teña que apresentar un Plano de Emerxencia Exterior, aforrando cartos e trámites a costa de poñer en perigo o medio ambiente e a saúde da poboación. Para ADEGA estes feitos son unha omisión dolosa, e poderían constiuir cando menos e presuntamente, delicto de prevaricación, contra a saúde pública e contra o medio ambiente. A Xunta debería anular a DIA recentemente aprobada e obrigar á empresa a dar cumprida resposta aos riscos derivados do seu proxecto mineiro (en particular a toxicidade dos refugallos) se non quere expoñerse ás accións xudiciais eventualmente derivadas da súa vergoñenta declaración de impacto.


[1] O asterisco * sinala os residuos mineiros perigosos.

Agradecemos á SGHN a idea gráfica para cuantificar os insumos e os produtos da actividade mineira.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA