Inicio / Novas / ADEGA Nacional / SOGAMA encarecerá un 34% o lixo para 2,3 millóns...
22-10-2013
SOGAMA, que xestiona 82% dos refugallos urbanos do país mediante a incineración e o vertido, veu reducidos os ingresos que obtén pola venda da electricidade nuns 13 millóns de € cada ano logo de que Rajoy subira o gravame e eliminara as primas ás renovábeis.
Porén, a outra "parte contratante" de SOGAMA, GN-Fenosa (49% da sociedade) non quere aceitar unha baixada nos réditos da incineración. A solución da Xunta é ben doada: Aumentar a factura do lixo un 34% para 2,3 millóns de galegos/as. Outra volta, é a cidadanía a que ademais de ter que aturar a contaminación de SOGAMA, vai tapar os seus buracos financeiros pagando do seu peto as "perdas" da eléctrica.
A estratexia da Xunta-SOGAMA nestes anos foi a de fixar un prezo político para o tratamento do lixo e poder así competir artificialmente cos sistemas alternativos baseados na compostaxe. Estes sistemas, como o da Mancomunidade do Barbanza baseados na redución e na compostaxe, aliás de ser máis ecolóxicos, supoñen un maior aforro para os cidadáns e os concellos.
Por moito que a propaganda intoxicadora da Xunta apresente a SOGAMA como a opción máis "barata", a realidade é que nunca o foi... e agora moito menos. Porén, como se pode valorar as consecuencias sobre o ambiente e a saúde da poboación galega da contaminación xerada por SOGAMA durante décadas?
Como vai explicar o Sr. Hernández a uns asfixiados concellos que sube o recibo do lixo un 34% para cadrar as contas de SOGAMA, en troques de promover outros sistemas máis baratos e ecolóxicos?
ADEGA insta aos concellos e deputacións galegas a rebelarse contra a ditadura de SOGAMA e "desengancharse" da incineración: Pódese sair deste sistema perverso apostando por modelos descentralizados ou mancomunados que xestionen os refugallos con tecnoloxías sinxelas, baratas e ecolóxicas.
Dende ADEGA poñemos ao dispor dos concellos toda a información e documentación que SOGAMA tentou agochar durante décadas para que comproben a viabilidade económica (e ecolóxica) dos modelos baseados na redución, a recuperación, a reciclaxe e a compostaxe da materia orgánica a nível municipal.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal