Numerosas persoas que alegaron ao proxecto de planta de biometano de Xunqueira de Ambía están a recibir requirimentos da Xunta para seren recoñecidas como parte interesada, ao abeiro do art. 4 da Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo. As administracións interpretan este artigo de xeito restritivo, polo que só recoñecen a condición de interesada ás persoas físicas con predios, servidumes ou intereses lexítimos directamente afectados.
ADEGA pon á disposición dous modelos de escrito para dar resposta a estes requerimentos de recoñecemento de parte interesada:
- As persoas con intereses na zona, figuren ou non nesta relación, que se consideren afectadas directas, deben cubrir e presentar o documento abaixo adxuntado “Modelo 1”.
- As persoas non directamente atinxidas nos seus predios polo proxecto, que presentaron alegacións e solicitaron seren recoñecidas como interesadas, deben achegar o escrito “Modelo 2” en apelación aos seus dereitos constitucionais. Aínda que esta petición será probábelmente rexeitada por unha interpretación restritiva da norma, a Xunta ten a obriga de cursar e respostar cada escrito.
Polo tanto, escolle o que corresponda, descárgao, cumpriméntao e preséntao en sede electrónica ou física, en calquera rexistro público, á atención da D. X. de Calidade Ambiental e Sotibilidade da Consellaría de Medio Ambiente.
como presentalo en sede electrónica
- DESCARGA o modelo no teu ordenador e cumpriméntao cos teus datos.
- Entra na sede electrónica da Xunta, dálle a “A miña sede” e identifícate.
- Accede a trámites > solicitude xenérica (PR004a) > tramitar en liña.
- Acepta os avisos que aparecerán en xanelas emerxentes.
- Comproba os datos xa cubertos, escribe os que faltan e escolle o medio de notificación (electrónico).
- Selecciona o destinatario. Neste caso: D. X. de Calidade Ambiental e Sotibilidade da Consellaría de Medio Ambiente.
- Dálle a continuar e anexa o documento de solicitude (ollo! o nome do arquivo non debe conter acentos).
- Dálle a continuar e comproba que o teu documento está anexado correctamente.
- Asina e envía!

