O vindeiro 3 de xuño, co gallo do Día Mundial da Bicicleta, ADEGA, A Golpe de Pedal, Verdegaia, Greenpeace e Ecoloxistas en Acción, co apoio da Coordinadora estatal ConBici, organizan en Vigo unha cadea ciclista para amosar que a bicicleta é unha grande aliada do Medio Ambiente, así coma unha grande aliada contra a Covid-19. Esta actividade encádrase dentro dunha acción promovida por ConBici que vai ter lugar simultaneamente en moitas cidades do estado ás 20:30h da tarde.
A cadea ciclista constará de tres itinerarios diferentes, compostos por grupos de 10-15 persoas, que realizarán diversos percorridos pola cidade para dar visibilidade á bici como a mellor alternativa de mobilidade, ao ser un medio de transporte seguro, eficiente e sostible co planeta. Durante estes itinerarios realizaranse paradas ocupando treitos de calzada durante 15 minutos, como reivindicación para facilitar máis espazo á mobilidade activa e sostible na cidade.
A bicicleta, a grande aliada contra a Covid-19 e o Cambio Climatico
Con estas cadeas, as asociacións convocadoras queren amosar que a bicicleta é parte da solución da actual emerxencia sanitaria e climática, visibilizando a necesidade de promover o seu uso, así como a urxencia de habilitar infraestruturas específicas para unha mobilidade sostible en Vigo.
As vantaxes de usarmos a bicicleta na nosa mobilidade diaria son ben numerosas, xa que a bici é un medio de transporte ecolóxico, non contaminante, barato e rápido nos desprazamentos porta a porta, ademais de que é un medio beneficioso para a saúde e para reducir os niveis de estrés. O seu uso tamén axuda a na mellora da saúde ambiental, ao diminuír o tráfico e as emisións contaminantes, e permitindo gañar espazo público roubado polo coche.
Por todos estes motivos, é hora de actuar por parte das institucións públicas para dotar de infraestruturas e fomentar o uso da bici e, deste xeito, conseguirmos unha mobilidade activa e non contaminante nas nosas cidades.
Inscribete e participa da cadea ciclista do 3X

Se te presta participar, podes cubrir o seguinte formulario! Lembra que para esta acción é moi importante respectar as distancias de seguridade (2-3m) para mostrar a bicicleta como aliada e alternativa ante a emerxencia sanitaria que estamos a vivir.
Os itinerarios a realizar son os seguintes (ACTUALIZACIÓN: até o momento o itinerario 3 é o que menos persoas inscritas ten, polo que se te podes inscribir axudarías a equilibrar en número de participantes entre os diferentes itinerarios propostos):
Itinerario 1: Paseo Alfonso XII – Pi i Margal – Lopez Mora- Praza América, Avda Castelao, Rúa Tomás Paredes, Camilo Veiga, Tomás Alonso, Rúa Coruña, Rúa Camelias, Paseo de Granada, Cachamuiña, Falperra, Paseo de Alfonso XII
Itinerario 2: Praza América – Fragoso, Rúa dos Olímpicos, Avda Citroen, Avda Florida, Rúa Caramuxo, Rúa Teixugueiras, Rúa Ufas, Pedra Seixa, Rúa Limpiño, Vía Servizo VG-20, Rúa Cañiza, Rúa Padre Seixas, Avda Florida, Praza América.
Itinerario 3: Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Sanjurjo Badía, Bos Aires, Travesía de Vigo, Vía Norte, Rúa Urzaiz, Rúa Colón, Rúa Uruguai, Rúa República Argentina, Policarpo Sanz, Porta do Sol

