ADEGA, xunto coa colaboración de Bico de Grao, presentará este xoves, 17 de decembro en Lugo o primeiro documental sobre a industria téxtil de Galiza, elaborado por Illa Bufarda e promovido pola organización Amarante-Setem, dentro da campaña “Roupa Limpa”.
“Fiós fóra, historias de obreiras, entre costuras e patróns” é un compendio de conversas con mulleres galegas traballadoras do sector téxtil que narran a outra cara desta industria, que permanece sempre oculta ante a opinión pública. Unha historia sobre precariedade laboral, impacto social e ambiental, deslocalización do sector, que está a ter graves consecuencias para esta industria galega.
A proxección deste documental en Lugo terá lugar o xoves día 17 de decembro no Salón de Actos da Deputación de Lugo, ás 20.30 horas. Será o documental que poña o peche ao ciclo audiovisual de ADEGA “A nosa Terra, a nosa Cultura”, destinado a mostras obras documentais que fagan reflexionar sobre os problemas que afectan ao noso patrimonio cultural e ambiental. Este ciclo documental conta coa axuda da Área de Cultura da Deputación de Lugo.
Sinopse e coloquio

“Por moi finos que sexan, detrás de todo os fíos que nos rodean hai historias. As mulleres galegas que traballaron no sector téxtil dende os 60 foron a man de obra perfecta e cautiva para erguer unha industria xigante que agora se atopa deslocalizada. Este documental fai un novelo do sector téxtil aquí e fóra, antes e agora. A historia repítese nos fíos doutros lugares, nos nós deste sistema “.
Con esta sinopse, AMARANTE Setem e a Campaña “Roupa Limpa”presentan o seu documental “Fíos Fora, historias de obreiras, entre costuras e patróns”, que dende as conversas de moitas persoas protagonistas narra o que foi o sector do téxtil galego dende seus nacementos ata a súa deslocalización e o impacto deste modelo industrial.
Tras a proxección, haberá unha charla-coloquio na que participarán mulleres que traballaron ou traballan no sector textil de Galiza e representantes da asociación Amarante-Setem.

