ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / De lobos exterminados, mentiras no Parlamento e...

23-07-2013

De lobos exterminados, mentiras no Parlamento e tráfico de cabezas

Ponse de manifesto a incompetencia e a chulería dunha administración ambiental máis ocupada en exterminar ao lobo e arranxar licenzas ilegais que en conservar o noso patrimonio natural. Escurantismo, ocultación de información sobre os híbridos, mentiras sobre o número de batidas, sobre os exemplares asasinados, tráfico de cabezas... En definitiva, unha administración que planificou e executou, ao máis puro estilo dos alimañeros franquistas, o exterminio do lobo no Barbanza coa inestimábel axuda de escopeteiros e gandeiros sen escrúpulos. Cando menos, e de quedarlle algo de vergoña, o Sr. García-Borregón debería dimitir por mentir ao Parlamento.

AS FALSIDADES DE GARCÍA-BORREGÓN:

1. "As batidas fixéronse para matar supostos híbridos de lobos e protexer así a pureza do lobo ibérico". FALSO: O obxectivo deste "plano" sempre foi eliminar os lobos ibéricos (Canis lupus signatus) no Barbanza debido á presión de gandeiros e cazadores. De feito, a propia Xunta recoñeceu nunha resposta escrita con data 29-05-2012 (ver documento) que “o obxectivo inicial das batidas e agardos na Serra do Barbanza eran, en cumprimento do punto 10 do Plan de xestión do lobo, facer controis da población de lobos da Serra do Barbanza, dado os danos reiterados que viñan producindo no gando doméstico.  A excusa da suposta hibridación que xustificou o lobicidio perpetrado entre marzo e agosto de 2012 foi provocada porque os gandeiros seguían pedindo máis batidas e os ecoloxistas (houbo queixas de ADEGA, Ascel, Matar por Matar, NON…) recordaban que o que tiñan que facer os gandeiros era protexer a reses, sobre todo cando son novas e non deixalas no monte á súa sorte, como tamén aconteceu durante a vaga de lumes de 2006.

2. "No mes de xullo de 2011 fixéronse dúas batidas no Barbanza os días 2 e 23 de xullo".
FALSO: Aínda que García-Borregón di que en xullo de 2011 fixéronse dúas batidas e, neste mesmo senso, a Xunta de Galiza nunha resposta escrita do 29-05-2012 (ver documento) informou destas dúas batidas o 2 e o 23 de xullo, sábese que tamén se aprobou unha batida o 9 de xullo de 2011, segundo puido saber ADEGA. Ademais, un membro da asociación Vox Anima presenciou a batida nas proximidades da Enxa o 2 de xullo (Porto do Son) e persoal da Xunta recoñeceulle que o 9 de xullo farían outra. Por outra banda, no escrito filtrado da empresa ARENA (ver documento), asesora da Xunta en temas lobunos, o seu xerente, Sr. Luis Llaneza, sinala que o 9 de xullo mataron un animal nunha batida no Barbanza engadindo “la cabeza no ha sido entregada. Saavedra [o garda encargado de supervisar a batida e que tamén está implicado na rede de licenzas de caza ilegais] me dice que la quiere el cazador”.
Portanto, semella claro que houbo como mínimo 3 batidas nese mes de xullo de 2011 ( en época de cría, por certo): O 2 de xullo, o 9 de xullo (mataron un animal e decapitáronno) e o 23 de xullo no que mataron un cachorro de 3 meses con dentes de leite (ver a mesma nota filtrada de ARENA).

3. "En 2012 non se chegou a facer ningunha batida".
FALSO: Nunha resposta do Sr. Carlos Muñoz, xefe do Servizo de Conservación da Natureza, con data 11-04-2012, a unha solicitude da asociación “Matar por Matar, NON” para participar como observadores nas batidas, sinala: “As batidas efectuadas na serra do Barbanza ao lobo efectuáronse os días 10, 17 e 31 de marzo [de 2012] sen que se houbese capturado [sic] ningún animal, (ver documento). Este mesmo xefe do Servizo de Conservación da Natureza, tamén noutra resposta con data 19-04-2012, a unha solicitude de PACMA para ir como observadores nas batidas dixo “Se realizaron tres [batidas] durante el mes de marzo [de 2012] y no se capturó ningún ejemplar, (ver documento). Redundando no tema e en contestación á pregunta parlamentar do BNG de cantas batidas se fixeron en 2012, a resposta a Xunta con data 29-05-2012, foi "…Tamén se concederon tres batidas no mes de marzo de 2012. En todos os casos, os destinatarios das autorizacións foron cazadores pertencentes á Sociedade Deportiva de Caza e Pesca de Porto do Son e a Sociedade de Cazadores Castelo de Vitres de Boiro”, (ver documento). No mesmo senso, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas respostaba, despois de ser requerida polo Valedor perante a súa negativa inicial, a unha pregunta feita ADEGA que “Polo que respecta ás batidas autorizadas para a captura de lobos no que vai de ano (2012), foron tres na provincia da Coruña, as tres foron no Barbanza e non se capturou ningún exemplar, (ver informe do Valedor do Pobo a ADEGA). Portanto, semella claro que o Sr. García-Borregón mentíu, e en marzo de 2012, como mínimo, fixéronse 3 batidas. Sen contar cos agardos, trampeos… dos que constaba este plano de exterminio e que, previsibelmente, estendéronse até o mes de agosto de 2012.

4. "As batidas e agardos estaban perfectamente supervisadas polo persoal de garda da Xunta".
FALSO: O garda da Xunta encarregado de controlar as batidas contra os lobos permitiu que os cazadores decapitaran un animal tiroteado na batida feita o 9-07-2012 (que segundo García-Borregón non existíu) e que a levaran para a casa do cazador (ver novamente escrito filtrado de ARENA Asesores). Este mesmo garda está implicado na presunta concesión de 91 licenzas de caza ilegais no Barbanza (só en Porto do Son, onde fixeron as primeiras batidas no 2011, hai concedidas 28 licenzas de caza ilegais). Todo isto dentro da trama de presuntas licenzas falsas que se detectou dentro do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña, o mesmo servizo que argallou e supervisou o plano de exterminio do lobo no Barbanza. Alén disto, tense constancia de que se deu “barra libre” aos cazadores do Barbanza para que fixeran os agardos que quixeran entre abril e agosto de 2012 coa condición de que entregaran á Xunta de Galicia os exemplares abatidos (ver nova de La Voz de Galicia do 14-04-2012). De feito, e como tamén informou o diario El Pais o 19-08-2012, sospéitase de que se montou un mercado negro de trofeos de lobo no que se pagaban até 2.000 euros por animal.

5. "No 2012 non se matou a ningún lobo no Barbanza".
FALSO: A proba mais evidente de que mataron, non a un, senón a todos os lobos é que antes da campaña de extermino (marzo-agosto de 2012) os gandeiros do Barbanza non paraban de queixarse dos supostos ataques de lobos ao gando do monte, sobre todo crías. Despois desta campaña, e a pesar de que nos montes do Barbanza hai centos de poldros e xatos novos abandonados á súa sorte, non hai nin unha soa denuncia por ataque de lobos ao gando. Sinal evidente de que o exterminio do lobo foi total. Por outra banda, en abril de 2012, é dicir, unhas semanas despois de que comezara o plano de batidas e agardos autorizado pola Xunta, asociacións ecoloxistas atoparon unha femia de lobo puro (Canis lupus signatus) morta nun lazo en Boiro e tamén un macho de lobo puro morto ao lado dun camiño de Boiro, que presumiblemente chegou ahí despois de ser tiroteado e escapar ferido. O resto dos lobos do Barbanza, seguramente, haberá que buscalos en casas de postín adornando o salón nobre: Nos nosos montes, xa non están.

6. "A Xunta de Galicia non ten nada que ocultar sobre este tema dos lobos do Barbanza e sempre ofreceu toda a información".
FALSO: A lista de mentiras e ocultamentos neste lobicidio é interminable. Tiñan moito que ocultar, por iso nunca quixeron testemuñas, de feito, á petición da asociación Matar por matar Non (13-03-2012) de ir como observadores as batidas, por suposto, perfectamente identificados, o Servizo de Conservación da Natureza, limitouse a contestar (11-04-2012),a procedecia da súa solicitude aínda está pendente de resolver. Até hoxe seguimos esperando. ADEGA solicitou información (10-4-2012) á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sobre as cacerías no Barbanza e ante a falta de contestación da Xunta, tivemos que pedir a intermediación do Valedor do Pobo para conseguir resposta. No noso escrito, pediamos que se avisara con antelación das batidas, e a Xunta argumentou (através do Valedor) “Esta subdirección entende que non se pode acceder a esa petición". En realidade deberon ter dito “non queremos acceder a esa petición” xa que non hai ningún impedimento legal que prohíba informar ás asociacións ambientalistas da realización de batidas, e particularmente a ADEGA, representante ecoloxista no Comité Galego de Caza, a non ser claro está, que se teña moito que ocultar.
Tamén a solicitude presentada por Vox Anima o 26 de abril de 2012 e asinada por 33 asociacións animalistas e ecoloxistas pedindo que se querían capturar algún exemplar, empregan métodos incruentos e sempre a cargo de persoal especializado, non se quixo respostar, violando as máis elementais normas de procedemento administrativo. Por suposto, o “persoal cualificado” foron os cazadores do Barbanza que estiveron facendo cacerías de lobos até o mes de agosto de 2012 e os “métodos incruentos” foron postas de chumbo. E nas contestacións ás preguntas escritas feitas por parlamentares (caso do BNG), as tomaduras de pelo e as faltas de respecto por parte dos "responsábeis" de Conservación foron constantes. Á pregunta escrita de “Cantos lobos ibéricos había no Barbanza antes do verán de 2011 e cantos quedan vivos? a Xunta de Galicia contestou o 29-05-2012 que “O lobo ibérico non é un animal que permaneza indefinidamente no mesmo espazo…"

O secretismo e a opacidade cos que a Xunta de Galicia levou a cabo o exterminio do lobo no Barbanza lembrou á censura e aos métodos da época franquista. De feito, a día de hoxe, seguen negando que tras toda a campaña de batidas, agardos, trampeos, etc. levados a cabo durante todo o 2012, mataran a ningún lobo, cando todo o mundo sabe que a Xunta e o seu brazo executor de escopeteiros e gandeiros sen escrúpulos exterminou á poboación de lobos ibéricos máis occidental de toda a Península.
Descanse en paz o lobo ibérico do Barbanza

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal