Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Ribeira Sacra: ou Patrimonio da Humanidade, ou de...
07-05-2014
A Ribeira Sacra acubilla un patrimonio natural, cultural, histórico, etnográfico etc. de incuestionábel valor, merecedor de acadar a consideración de Valor Universal Excepcional, tal como require a UNESCO para declarar un ben ou espazo como Patrimonio da Humanidade.
Porén, a presenza de valores excepcionais a conservar non implica unha declaración automática por parte do organismo internacional. O Comité do Patrimonio Mundial debe acreditar que o ben a protexer reúne as condicións de integridade e autenticidade e conta cun axeitado sistema de protección que garanta a súa salvagarda (Directriz 78 para a aplicación da Convención do Patrimonio Mundial).
Son precisamente as cuestións relacionadas coa integridade e a autenticidade deste espazo, a súa relación cos factores de degradación así como eficacia das medidas de protección e salvagarda coas que conta o ben, os puntos máis problemáticos que poderían poñer en risco a candidatura.
Neste senso, a UNESCO é taxativa: "Os materiais físicos do ben e/ou as súas características significativas deben encontrarse en bo estado e o impacto dos procesos de deterioro debe estar controlado" (Directriz 89).
Polo que atinxe aos valores naturais, para a UNESCO "os procesos biofísicos e as características da terra deberán estar relativamente intactos", e as actividades que no espazo se desenvolvan deben "estaren en harmonía co Valor Universal Excepcional da área e seren sustentábels dende o punto de vista ecolóxico" (Directriz 90).
Á marxe da discusión sobre si até o de agora os valores naturais e culturais da Ribeira Sacra teñen sido axeitadamente catalogados e preservados, en ADEGA tememos que tanto pasadas actuacións como os proxectos agresivos que arestora ameazan a este espazo provoquen que a UNESCO non acredite na seriedade da candidatura.
Nestes intres están en distintas fases de tramitación e/ou execución 4 megaproxectos hidroeléctricos: O "repotenciamento" de Belesar III e Os Peares III, e as novas centrais en caverna de Sta. Cristina (Iberdrola) e Edrada (GN-Fenosa). De ningún xeito estes proxectos poden considerarse "repotenciamentos", como manteñen Iberdola e GN-Fenosa, e sí novos aproveitamentos xa que se ben non requiren da construción dun novo vaso, sí implican obras faraónicas, con centrais en caverna, a construción dun lago elevado, de novas tubarías de presión, de novas liñas de evacuación, e millóns de toneladas de entullos, aliás de detraer máis caudal ao río.
Por outra banda, a construción da autovía A-76 e a autorización de novas canteiras en pleno corazón do Parque Natural da Enciña da Lastra, vai engadir máis alteracións nunha paisaxe excepcional con comunidades biolóxicas únicas, precisamente dous dos puntos fortes da candidatura.
Dende ADEGA acreditamos na importancia de protexer este espazo único, a Ribeira Sacra, que para nós xa é Patrimono da Humanidade. Mais non é posíbel reclamar esta distinción e que ao tempo siga sendo o polígono industrial de Iberdrola e GN-Fenosa ou o cemiterio de millóns de € públicos en infraestruturas superfluas para engordar ás construtoras.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal