Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / Todas / Novo Tecor en Montederramo ameaza a conservación da aguia...

10-09-2015

Novo Tecor en Montederramo ameaza a conservación da aguia real

ADEGA vén de solicitar a denegación dunha explotación cinexética en Montederramo de 212 ha por situarse dentro da área de máxima protección da ZEC Macizo Central e afectar a unha área de cría e presenza de aguia real (Aquila chrysaëtos), considerada en perigo de extinción.

A área para a que se solictia a explotación cinexética de caza menor figura incluida co nivel máximo de protección, o "nivel 1" na zonificación da Rede Natura 2000 do Macizo Central, por ter un elevado valor ecolóxico. Alén da aguia real están presentes outras especies protexidas coma o bufo real (Bubo bubo), a tartaraña cincenta (Circus pygargus), a gatafornela (Circus cyaneus), a perdiz charrela (Perdix perdix subs. hispaniensis), todas consideradas vulnerábeis no catálogo Galego de Especies Ameazadas, ou o lobo (Canis lupus signatus), que inclúen dentro da súa dieta presas coma o coello, a lebre ou a perdiz rubia, obxectivos da caza.

Coellos e lebres manteñen poboacións en estado salvaxe expostas a varias enfermidades epidémicas, con índices demográficos flutuantes, moi sensibles e vulnerables a entrada de enfermidades víricas que polo xeral proceden de especímenes introducidos en repoboacións e/ou soltas, necesarias para manter a viabilidade económica das explotacións comerciais.
Estas prácticas acaban derivando en focos epidémicos e de hibridación que condicionan a viabilidade das poboacións naturais nos territorios nos que teñen lugar este tipo de manexos.

A aguia real é unha das especies máis ameazadas de Galiza, e os seus datos de censo reflicten unha situación moi preocupante. O número e a área de distribución de parellas reprodutoras reduciuse significativamente nas últimas décadas. Na Galiza habitan 3 ou 4 parellas no Macizo Central, xunto a 6 ou 7 parellas nas Serras Orientais de Ourense, 3 ou 4 no Parque Natural do Xurés, así coma 1 ou 2 en O Courel.

Hai máis de 7 anos que está elaborado o documento técnico preliminar do Plano de recuperación da aguia real. Máis aló das actuacións puntuais de reintroducción efectuadas nos últimos anos, as numerosas recomendacións para a recuperación desta especie incuidas no documento técnico seguen sen ser postas en práctica pola falla dun marco legal -o Plano de Recuperación- que a Xunta se resiste a aprobar.
Mentres, cambios de uso nos territorios da aguia real, actividades incompatíbeis, liñas de alta tensión e coutos de caza van minguando as posibilidades de recuperar esta especie emblemática.

Ligazóns

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal