ADEGA

Inicio / Multimedia / CernaTV /

CERNA TV

ADEGA: 50 anos de ecoloxismo galego

ADEGA: 50 anos de ecoloxismo galego
1 de xuño de 2026
Santiago de Compostela

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, o Consello da Cultura Galega e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) organizan un acto conmemorativo para celebrar o medio século de historia da asociación ecoloxista. O evento terá lugar nas instalacións do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. A peza xeral será a proxección do documental A Terra por gañar, á que seguirá un debate en que participarán destacados membros fundadores e da actual dirección de ADEGA. No mesmo acto, farase entrega do libro titulado ADEGA: 50 anos coidando a terra.

ADEGA xorde a mediados da década de 1970 como resposta á problemática ambiental do momento, aínda no contexto da ditadura franquista no Estado español e de dependencia da nosa terra a respecto do Estado. E tamén nun contexto internacional de preocupación incipiente polas problemáticas ambientais: o esgotamento dos recursos, a explotación de especies xa en perigo, as intervencións nos ecosistemas e, nomeadamente, a contaminación química e os riscos da enerxía nuclear.

Sempre en colaboración con outros sectores sociais e con outras organizacións, ADEGA contribuíu a gañar moitas das loitas que a sociedade galega librou. Loitas que evitaron numerosos proxectos de novas celulosas, unha central nuclear, a continuación dos vertidos radioactivos na Fosa Atlántica, concentracións parcelarias altamente destrutivas, un feixe de grandes encoros, máis dun cento de minicentrais nos ríos, varias incineradoras de residuos, proxectos de megaminaría, megaproxectos acuícolas na Rede Natura, numerosos parques eólicos de alto impacto ambiental... Unha loita que tamén impulsou actuacións en positivo: de reciclaxe, compostaxe doméstica e comunitaria, limpezas simultáneas de praias e ríos, o Proxecto Ríos, propostas de lexislación popular para o Parlamento galego e unha contribución singular e pioneira á sensibilización ambiental da cidadanía.

Eventos Ver máis

Rolda de prensa | Manifestación nacional na Illa de Arousa en defensa do Ulla e da ría

A Plataforma Ulloa Viva, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, acompañadas de ADEGA e outros colectivos, anunciaron este 27 de maio de 2026 en Carril a convocatoria dunha manifestación nacional o vindeiro 14 de xuño na Illa de Arousa, desde a praia do Vao até o Porto de Xufre. Demandamos da Xunta que dea carpetazo final á celulosa de Altri e á mina de Touro-O Pino.

Mesa redonda | A Coruña, berce de ADEGA e do movemento ecoloxista galego

Esta mesa redonda tivo lugar no marco da 50º Asemblea Xeral de ADEGA celebrada na Coruña o pasado outubro de 2025. Nela interviron Adela Figueroa, expresidenta de ADEGA e vogal de muller e feminismo; María García, vogal da xunta directiva; e Manuel Soto, presidente de ADEGA.

Gravación e edición de vídeo co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Xornadas Custodia do territorio: participar para conservar | Pontevedra

Xornadas impartidas por ADEGA e impulsadas polo Concello de Pontevedra dentro do proxecto GreenGap (Interreg España–Portugal). Tiveron lugar o venres 3 e sábado 4 de outubro de 2025 en Pontevedra, co obxectivo de poñer en valor as experiencias de colaboración entre entidades, administracións e comunidades locais na conservación do patrimonio natural e cultural.

Gravación e edición de vídeo co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña. 

Conversas co Ecoloxismo Ver máis

#AlertaSalmónGalego | O salmón galego, ante a lexislación | Pedro Brufao

Pedro Brufao, profesor titular de Dereito Administrativo, aborda a necesidade de que o salmón atlántico sexa recoñecido como especie "en perigo de extinción" e sinala as medidas que debera incluír o plan de recuperación da especie. Asina a petición: https://adega.gal/alerta-salmon

#AlertaSalmónGalego | O salmón galego e a saúde dos nosos ríos | Ana F. Santamariña

Ana F. Santamariña, vicepresidenta de ADEGA, enxeñeira de montes e doutora en Hidroloxía e Xestión de Recursos Hídricos, explica a importancia do salmón atlántico nos ecosistemas fluviais e demanda un plan de recuperación urxente da especie.

#AlertaSalmónGalego | O colapso do salmón en Galiza | Fernando Cobo

Fernando Cobo, profesor da Facultade de Bioloxía da USC, debulla o estado actual das poboacións de salmón atlántico en Galiza. Asina a campaña href="https://www.youtube.com/hashtag/alertasalm%C3%B3ngalego" target="">#AlertaSalmónGalego impulsada por ADEGA, SGHN, FEG e AEMS-Ríos Con Vida para esixir á Xunta que o declare en perigo de extinción e active un plan de recuperación da especie: https//adega.gal/alerta-salmon.

Documental Ver máis

Documental Filtrando a luz - Federación Ecoloxista Galega

Filtrando a Luz é un documental sobre o movemento ecoloxista galego a través da voz das súas protagonistas. Forma parte dun proxecto máis amplo de recuperación da memoria do movemento ecoloxista, denominado Temos Raíces. Este documental de 90 minutos, dirixido por Xacobe Meléndrez Fassbender, componse de entrevistas a máis de 50 persoas que inciden, coa súa testemuña, no pasado, presente e futuro do movemento ecoloxista e das campañas de defensa ambiental artelladas na nosa terra.

Rizomas I - FEG | Minaría: éxitos conqueridos e conflitos abertos

Peza documental da Federación Ecoloxista Galega, da que ADEGA fai parte, en torno ás campañas contra a minaría, éxitos conseguidos e conflitos activos. Coa participación de Joám Evans, da Fundación Montescola (mina de San Finx), Lola Rontano (Corcoesto) e Isabel García (Mina Touro – O Pino Non).

Rizomas II - FEG | O papel das mulleres no movemento ecoloxista galego

Esta peza documental da Federación Ecoloxista Galega, da que ADEGA fai parte, analiza a presenza e importancia do papel das mulleres no movemento ecoloxista, coa participación de Adela Figueroa, María Bañón (Eme), Bea Noia, Idoia Cuesta, Lola Outeiral, Lucía Fernández, Sonsoles Izquierdo, Belén Rodríguez, Nela Abella, Isabel García, Lola Rontano, Mónica Arto, Marta Gontá, Nati Vázquez, Mada Meléndrez, María García e Begoña de Bernardo. 

Vídeo-Denuncia Ver máis

Xustiza para o Ulla! Altri NON e mina de Touro-O Pino NON

Gravación e edición co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian o abandono e deterioro da Roda en Barreiros (Lugo)

ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian o grave abandono e deterioro do xacemento arqueolóxico da Roda en Barreiros ( Lugo). O xacemento arqueolóxico está abandonado e as súas estruturas gravemente deterioradas debido ao crecemento da vexetación e ao desprendemento de pedras. As asociacións reclaman unha acción inmediata do Ministerio de Transportes e da Consellería de Cultura, administracións responsables da súa conservación. O xacemento, que foi escavado durante a construción da Autovía do Cantábrico en 2006, na actualidade atópase totalmente abandonado, malia as reiteradas promesas de conservación. ADEGA e Mariña Patrimonio instan ás autoridades a cumprir a lexislación de protección do patrimonio e emprender accións urxentes para preservar a Roda, dada a súa importancia arqueolóxica tanto a nivel galego coma estatal.

Titoriais Ver máis

Recollida e manexo de sementes forestais

Charla impartida por Carme Míguez Nóvoa, profesora de FP Agroforestal en Xinzo da Limia, no marco do ciclo formativo sobre restauración ambiental de zonas queimadas impulsado por ADEGA en outubro de 2025.

Boas prácticas despois dos lumes: o mulching

Charla impartida por Montserrat Díaz Raviña, investigadora científica do CSIC na Misión Biolóxica de Galicia, no marco do ciclo formativo sobre restauración ambiental de zonas queimadas impulsado por ADEGA en outubro de 2025.

Pautas e posibles accións para a recuperación de solos degradados polos lumes forestais

Charla impartida por Daniel Rivadulla, enxeñeiro forestal, CIUDEN, no marco do ciclo formativo sobre restauración ambiental de zonas queimadas impulsado por ADEGA en outubro de 2025.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal