Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A elevada contaminación das principais industrias...
04-11-2014
Veñen de facerse públicos (outubro de 2014) os datos do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR-España) sobre as emisións a atmosfera, auga e solo de substancias contaminantes das principais industrias e outras fontes puntuais e difusas, correspondentes ao ano 2012. A este rexistro teñen que ser notificadas obrigatoriamente polos titulares das industrias e complexos (varias instalacións co mesmo emprazamento e co mesmo titular) da orde de 100 substancias contaminantes incluídas no Regulamento da Comunidade Europea (CE 166/2006) e Reais Decretos (RD 508/2007), das cales 60 substancias considéranse contaminantes atmosféricos relevantes. A notificación tense que realizar si se superan determinados umbrais de emisión fixados con anterioridade e o titular debe indicar si os datos que comunica están baseados en medicións, cálculos ou estimacións. A información pública que ofrece en rede o Rexistro PRTR-España, aínda con certo atraso – case dous anos- e incompleta, é porén moi valiosa xa que permítenos coñecer, analizar e valorar as emisións e mesmo comparar as de Galiza con respecto ao Estado.
As grandes industrias instaladas na Galiza, a maioría multinacionais do sector da electricidade (centrais térmicas), sector do automóbil (Citroën PSA), petróleo (Repsol), aluminio (Alumina-Aluminio de Alcoa), madeira (Ence, Finsa), ferroaleacións (Ferroatlántica) etc. son as principais responsábeis de que ocupemos hoxe igual que en 1990 o cuarto lugar no Estado por emisión de dióxido de carbono, case o 12% de todo o dióxido de carbono que se emite na industria do Estado rexistrada no PRTR procede de Galiza, pero tamén estamos no primeiro posto por contaminación de perfluorocarburos co 76% do total e no terceiro en emisión de flúor co 21% , situación similar coa emisión de partículas (PM10) co 15,7% .
Outras porcentaxes notables que fan que Galiza ocupe o terceiro ou cuarto posto no Estado ten relación cos seguintes contaminantes: dióxido de xofre (14,3%), mercurio (14%), cloro (13,5%), dióxido de carbono (11,98% xa mencionado), compostos orgánicos volátiles non metano (9,4%), monóxido de carbono (8,8%), etc. Todas as porcentaxes son extremadamente elevadas tendo en conta o número e tamaño da nosa industria, a poboación, a extensión xeográfica, o noso nivel de vida... e temos que ter en conta que estes gases e partículas están implicados directa ou indirectamente en problemas de saúde e aumento de mortalidade, e no medio ambiente en problemas globais e locais sumamente importantes como efecto invernadoiro, destrución da capa de ozono, choiva ácida, etc.
Galiza con menos 3% dos complexos industriais do Estado, representa para as emisións contaminantes (dióxido de carbono, dióxido de xofre, partículas....) valores extremadamente elevados comprendidos entre o 10-20% do total do Estado, e en casos excepcionais valores maiores. Porcentaxes inxustificables tendo en conta o número e tamaño da nosa industria e os rexistros no PRTR (3%), a poboación (5,9%), a extensión xeográfica (5,8%) o PIB (5,4%), o noso nivel de vida..., temos que ter en conta que estes gases e partículas están implicados directa ou indirectamente en problemas de saúde e aumento de mortalidade e no medio ambiente en problemas globais e locais sumamente importantes como efecto invernadoiro, destrución da capa de ozono, choiva ácida...
Si observamos as emisións por grupos de contaminantes, comprobamos que temos un alto porcentaxe de emisión de gases de efecto invernadoiro da orde do 12% do total que se emite no Estado. Tamén apresentan porcentaxes elevadas comprendidas entre o 7 e o 10%, substancias acidificantes/eutrofizantes/precursoras de ozono, outros contaminantes distintos de dióxido de carbono e compostos orgánicos persistentes.
Aínda sendo alta a contaminación os focos contaminantes son moi poucos. As principais industrias implicadas na contaminación atmosférica son: Térmicas (particularmente As Pontes), Alcoa, Refinería de petróleo de Repsol, ENCE, Ferroatlántica, FINSA… emiten a atmosfera un volume de contaminantes moi elevado en dióxido e monóxido de carbono, dióxido de xofre, compostos de nitróxeno, metano...
A saúde dos ecosistemas e a nosa propia saúde podería mellorar moito si diminúen as emisións gases e partículas implicados en problemas de saúde (asma, bronquite, alerxias, problemas cardiovasculares, ictus cerebral, cancro ...) e mortalidade. Lembremos a OMS no referente as partículas: "Non se puido identificar ningún umbral por debaixo do cal no se observaran danos para a saúde". Temos tamén a obriga de diminuír as emisións para contribuír a mitigar aínda que sexa unha moi pequena parte os grandes problemas ambientais da actualidade como quentamento global, a choiva ácida, a destrución da capa de ozono...
Galiza segue a emitir unha contaminación que non merece. O beneficio duns poucos non pode ser o dano de moitos. Sempre nos lembramos de Castelao cos seus debuxos e o pé dun deles: “As sardiñas volverían se os Gobernos quixesen”, que sen dúbida serve para aplicar perfectamente ao tema que nos ocupa. Cando se ocupará o goberno galego?
Ramón Varela Díaz, doutor en Bioloxía, experto en contaminación atmosférica e ex-presidente de ADEGA
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal