ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A empresa da ex-conselleira Beatriz Mato tivo...

08-05-2020

A empresa da ex-conselleira Beatriz Mato tivo información privilexiada na tramitación dos seus proxectos eólicos

Greenalia, a enerxética na que dende febreiro é directiva a ex-conselleira de medio ambiente Beatriz Mato, tramita nestes intres coa Xunta 13 parques eólicos, con outros 14 en proxecto, por máis de 700 MW. Os trámites están a gozar de inestimábeis axudas oficiais e oficiosas...

Por se non fora bastante o agasallo que a Xunta vén de dar ás enerxéticas coa Orde de Medio Ambiente do 27 de abril, que desbloquea a tramitación das avaliacións ambientais dos parques eólicos, paralisadas polo estado de alarma, agora vimos de comprobar que algunhas destas empresas, nomeadamenrte Greenalia Wind Power SLU, contaron ademais para os seus proxectos con "axudas informais" da Xunta e mesmo información privilexiada que só obra en poder da administración.

ADEGA está a revisar as ducias de proxectos eólicos aos que a Xunta vén de favorecer coa reactivación dos procedementos de avaliación ambiental. Entre eles, os 13 que Greenalia Wind Power SLU ten en diferentes fases de tramitación. Nesta morea de información atopamos que o parque eólico "O Cerqueiral", nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba, xunto cos veciños parques "Campelo", "Bustelo" e "Monte Toural", tamén de Greenalia, son en realidade o "despece" dunha única instalación que a Xunta tramita por separado, afectando a unha área (a contorna da Lagoa de Alcaián) de enorme valor ecolóxico e coa presenza de endemismos únicos no mundo.
Este feito, a tramitación por separado do que debería ser un único parque para eludir determinados procedementos, supón xa unha fraude de lei (sentenza STSCyL 2967/2014 e sentenza STS 1390/2017), que Greenalia nen sequera oculta ao informar de que o PE O Cerqueiral comparte infraestruturas (central de transformación e liña de evacuación) cos outros tres parques veciños de seu (p. 23 doc. de inicio).

Favoritismo sen límite ou xogar coas cartas marcadas

A maiores, na memoria (documento de inicio), do parque eólico "O Cerqueiral", Greenalia Wind Power SLU menciona como referenzas senllos planos de xestión de dúas especies ameazadas: Tratase do Plano integral de resuperación da Centaurea ultreiae, planta endémica en perigo de extinción (pp. 42, 137, 174 do doc. de inicio); e do Plano integral de conservación da tartaraña cincenta (Circus pygargus) e da gatafornela (Circus cyaneus), dúas especies de aves vulnerábeis (pp. 139 e 175).

Acontece que estes dous documentos de xestión, cuxa redacción e aprobación é obrigatoria por parte da Xunta ao tratarse de especies vulnerábeis, non foron aínda aprobados nin publicados no DOG, polo que non están en vigor. Como é posíbel que unha empresa privada teña acceso para defender os seus intereses á información contida nuns documentos que non son públicos e que recollen valiosos datos científicos sobre especies tan sensíbeis? Como se entende que universidades, concellos, e cidadanía en xeral non poidamos dispoñer da información necesaria para poder contribuir á conservación destas especies e evitar o seu deterioro, mentres que a Consellaría fai un uso espúreo dela? E como é posíbel que os cartos públicos investidos na redacción deses planos beneficien unicamente a unha empresa privada en lugar de incidir positivamente na conservación das especies obxectivo?

Os colectivos ecoloxistas levamos anos reclamando a aprobación deses instrumentos de xestión dos hábitats e especies máis sensíbeis, obriga legal e paso imprescindíbel para garantir a súa conservación e recuperación. A Xunta conta dende hai anos con ducias de planos de xestión e recuperación, moitos deles redactados durante a etapa do bipartito, mais até o de agora só 3 foron aprobados e publicados das máis de 200 especies ameazadas. O resto fican nunha gaveta da administración, polo que se ve a disposición unicamente de determinadas empresas e non dos grupos de investigación, universidades, outras administracións e público en xeral.

Este desleixado proceder ten graves consecuencias no noso patrimonio natural máis valioso: especies como o mazarico real ou o sisón esmorecen por falta de xestión e poden extinguirse en poucos anos como xa fixo o arao dos cons e a pita de monte. Outras como a aguia real e o oso pardo, teñen os seus planos sen aprobar e en revisión permanente... Á lista únense agora endemismos únicos, como a Centaurea ultreiaie e máis aves ameazadas.
En reiteradas ocasións e por canles oficiais (Consello Galego de Medio Ambiente e Observatorio da Biodiversidade) as entidades ecoloxistas temos reclamado a actualización e aprobación destes planos, que a Xunta agocha teimudamente. Medio Ambiente argumentou que estes non son os únicos instrumentos para xestionar a nosa biodiversidade ameazada, certo. Mais os planos de conservación e recuperación son normas legais obrigatorias e públicas, regras de xogo claras expostas para todos e todas no DOGA con medidas concretas e orzamentos axeitados. Se están sen aprobar, só fica a improvisación, a discrecionalidade e, como acabamos de comprobar, o "amiguismo" para xestionar o noso patrimonio natural máis valioso.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal