ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Xunta a piques de executar un novo baleirado...

08-11-2013

A Xunta a piques de executar un novo baleirado ilegal da lagoa da Frouxeira

A actuación arbitraria da administración, causa directa da degradación dun dos 5 humidais galegos de importancia internacional

Unha multiprotección ambiental que só é papel mollado

Baleirado da Frouxeira en 2012

A Lagoa da Frouxeira é un espazo que forma parte da Rede Natura 2000 de Galiza (LIC Costa Ártabra e ZEPA Costa Ferrolterrra-Valdoviño). Está declarado tamén a nível autonómico ZEPVN (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais) e Humidal Protexido. É tamén un dos 5 Humidais de Importancia Internacional (Convenio Ramsar) que temos no país.

A destrución mecánica do peche natural da lagoa provocada polos traballos de urxencia realizados durante o Prestige, acompañouse nos últimos anos da reiterada apertura dunha canle artificial através da barreira areosa. Como consecuencia, estableceuse na lagoa un réxime hidro-ecolóxico anormal, de xeito que o humidal rexistra valores mínimos de inundación nos períodos de máxima precipitación anual. Este anómalo comportamento, provocado polas continuas aperturas forzadas, dista moito do balanzo hidro-ecolóxico que caracteriza ás lagoas costeiras da rexión biogeográfica atlántica.

Hoxe a lagoa da Frouxeira amosa un estado de conservación e un estado ecolóxico desfavorábel segundo os criterios da Directiva Hábitats e da Directiva Marco da Auga. Isto supón un reiterado incumprimento das normativas europeas, estatais e autonómicas, que poderían ser constitutivas dun delicto contra o medio ambiente perpetrado... pola propia administración, e que ADEGA xa ten denunciado na Fiscalía do TSXG, na Comisión Europea e na Convención Ramsar.

A Xunta insiste ignorar a lei e seguir degradando este espazo

O seguimento que estamos a realizar en ADEGA da situación na Frouxeira permitiunos constatar que a finais deste mes de outubro, un equipo de topógrafos da empresa pública TRAGSA estiveron trealizando medidas do perfil da praia. Fontes do Concello de Valdoviño confirmáronnos que estas medicións son previas a unha nova apertura da lagoa que realizará a Consellería de Medio Ambiente a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Agora a apertura trataríase de xustificar por supostas e falsas afeccións da lámina de auga sobre os hábitats dunares e sobre o paseo marítimo.

Ante esta nova ameaza, dende ADEGA queremos manifiestar:  

1. As aperturas e sangrados que a Consellería de Medio Ambiente realizou reiteradamente na lagoa da Frouxeira supoñen unha clara vulneración do acordo do Parlamento de Galiza que en 2010 instou a "non autorizar con carácter cautelar novas aperturas da lagoa sen aprobar antes un Plano de Conservación para o espazo". A día de hoxe este Plano é inexistente, e a Xunta mentíu reiteradamente ao poñelo como excusa para perpetrar continuas desfeitas no espazo.

2.  As aperturas levadas a cabo pola Consellería de Medio Ambiente na lagoa da Frouxeira realizáronse á marxe dos coñecementos científico-técnicos que deben rexer a xestión dun humidal protexido. Contraveñen portanto a normativa europea, estatal e autonómica, así como o Convenio de Ramsar.  

3.  Estas actuacións supuxeron tamén unha vulneración reiterada do artigo 6 da Directiva Hábitat (artigo 45 da Lei 42/2007), en canto a que estas medidas non son necesarias para a xestión do humidal, e só se realizan para evitar problemas no tráfico peonil e de vehículos polo paseo marítimo.  En ningún caso se realizou unha avaliación ambiental conforme aos criterios e procedementos fixados pola actual lexislación.

4.  Non se poden xustificar as actuacións realizadas ou futuras na lagoa da Frouxeira baseándose nun Plano de Conservación inexistente a tódolos efectos, que non foi aprobado formalmente e que nin tan siquera se comunicou o inicio da súa elaboracion en conformidade co establecido na Lei 9/2001 de Conservación da Natureza.  

5. Non existe ningunha xustificación científico-técnica para realizar unha nova apertura artificial do humidal da Frouxeira. E que calquera actuación que se pretenda efectuar neste humidal debe estar sólidamente apoiada en datos científicos e tecnicamente obxectivos, e realizarse conforme á normativa vixente.

6.  A Xunta  é responsábel do actual mal estado de conservación deste espazo protexido, sobre o que ademáis non tomou ningunha medida para corrixir ou mitigar os impactos causados polas reiteradas intervencións. A mentira, o escurantismo, a chafallada e a falla de respecto pola lei e o Parlamento guiaron as actuacións dunha administración que a día de hoxe constitúe a principal ameaza para a conservación do noso patrimonio natural.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal