ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Día da Auga 2017: por qué desbotar as augas...

22-03-2017

Día da Auga 2017: por qué desbotar as augas residuais?

As augas residuais son calquera tipo de auga cuxa calidade se viu afectada negativamente por influencia antropoxénica. Inclúen as augas usadas domésticas e os residuos líquidos industriais, mineiros ou agrícolas. Así como as augas que se mesturaron coas anteriores (augas pluviais ou naturais). As chamadas augas negras son as augas contaminadas con bacterias fecais ou ouriña. As augas grises son as que veñen do uso doméstico como o lavado de roupa, louza, ducha...e por non ter bacterias fecais como as anteriores, son máis facilmente reutilizables e reciclables. Mais cando se mesturan coas negras aumentan o seu volume e a súa necesidade de tratamento.

Os datos mostran que máis do 80% das augas residuais xeradas no mundo volve a verterse ao ecosistema sen ningún tipo de tratamento nin reutilización, 1800 millóns de persoas empregan unha fonte de auga para o consumo contaminada por feces e cada día máis de 1000 nenos morren por causa de enfermidades derivadas de isto, como a cólera, a disenteria, a febre tifoidea ou a poliomelite.

Un dos Obxectivos do Desenvolvemento Sustentable é o Saneamento da auga.
No ano 2030 deberiamos ser quen de mellorar a calidade da auga, reducir a súa contaminación, reducir as verteduras e os produtos químicos empregados.

Outro obxectivo é reducir á metade a porcentaxe
de augas residuais que non reciben tratamento e aumentar a súa reutilización.

Como conseguir os obxectivos do saneamento?

Desde ADEGA consideramos que o uso responsable da auga é unha responsabilidade compartida, é dicir, a Administración debe tomar parte neste asunto e adoptar medidas para unha xestión responsable a longo prazo.
Así, o mellor tratamento das nosas augas residuais é o que non hai que facer, por iso  primeira medida é o aforro de auga.

En segundo lugar é importante adaptar os sistemas galegos a unha xestión adecuada: apoiemos unha xestión localizada, chegando así a zonas rurais nas que hoxe en día aínda non é efectiva a depuración. Os sistemas de depuración ecolóxicos inclúen os que ademais de levar a cabo unha descontaminación das augas, fano con nulo ou moi baixo gasto enerxético, e permitindo realizala preto do lugar de xeneración da auga residual sen necesidade de longas canalizacións como ocorre nos tratamentos de depuradoras convencionais.
Un exemplo son os humidais construídos, constituídos por lagoas ou canais pouco profundos plantados con vexetais propios das zonas húmidas e nos que os procesos de depuración teñen lugar mediante a circulación da auga e as súas interaccións co substrato sólido, cos microorganismos, coa vexetación e incluso coa fauna, descontaminando a auga de xeito natural.

Medidas para aforrar e contaminar menos a auga

Desde ADEGA, volvemos publicar neste día unha serie de medidas básicas para racionalizarmos o uso de auga:

MEDIDAS DE AFORRO DE AUGA
No baño:

  • Dúchate en lugar de bañarte. Nun baño por inmersión gástanse entre 150 e 200 litros de auga, nunha ducha, pechando a billa ao enxaboarse, entre 20 e 40.
  • Enche un vaso de auga para limpar os dentes. Aforra entre 10 e 20 litros (fai o mesmo no caso de afeitarte).
  • Tira da cisterna só cando sexa preciso (cada vez que o fas gastas entre 10 e 15 litros de auga).
  • Reduce a cantidade de auga da cisterna introducindo unha botella chea de area e, se é posíbel, múdaa por unha cisterna de dupla descarga.
  • Reutiliza a auga do deshumificador, dos primeiros litros fríos da ducha... para tirar a cisterna.
Na cociña:
  • Non fregues coa auga correndo, introduce a louza nunha cuba para que se molle e abrande, e logo frega empregando só o deterxente preciso. 
  • Non desconxeles os alimentos con auga: sácaos co tempo preciso e déixaos desconxelar na neveira. 
  • Reutiliza a auga de ferver ovos, verduras, etc., para regar plantas, aforras auga e achégalles nutrientes.
Na rega:
  • Rega as plantas á mañanciña ou á noitiña, xa que do contrario a auga evaporarase máis rapidamente.
  • Se tes un xardín (ou balcón) emprega plantas autóctonas ou que consuman pouca auga.
  • Reutiliza a auga da chuvia, do deshumificador, dos primeiros litros fríos da ducha... para regar.
MEDIDAS PARA EVITAR A CONTAMINACIÓN DA AUGA
No baño:

  • Non empregues o retrete coma se fose unha papeleira. De facelo contribúes a malgastar auga, contaminala, e dificultas a súa depuración. As toalliñas húmidas están a ser un grave problema nas cañarías e depuradoras, nunca se deben tirar ao retrete!
  • Esquécete de desodorizantes para o baño que se disolven na auga. Cunha ventilación de dez minutos abonda.
Na cociña:
  • Non vertas aceites ou residuos no vertedoiro. O aceite é un residuo perigoso que contamina milleiros de litros de augas e debe ser xestionado aparte. Infórmate dos puntos de recollida de aceite na túa vila, hai moitos supermercados e entidades que o fan.
  • Rexeita os produtos de limpeza sofisticados, que adoitan ter formaldehidos, fenois... Emprega os de gama ecolóxica ou solucións caseiras (p.e. vinagre e limón). 
  • Pon a lavadora ou o lavalouzas cando estean cheos (carga completa).
  • Emprega deterxentes sen fosfatos, e lava en auga fría, aforras deterxente...  

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal