ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O lobby da caza aférrase ao chumbo e manobra...

07-10-2015

O lobby da caza aférrase ao chumbo e manobra contra a prohibición deste metal tóxico na munición

A proposición de lei para prohibir o emprego de munición de chumbo en toda Galiza, que arestora tramita o Parlamento Galego, bateu coa radical oposición dos cazadores máis cavernícolas: a Federación Galega de Caza

Unha proposta boa para o ambiente e para a xente

A proposición de lei presentada polo BNG en xuño pasado e admitida a trámite por unanimidade de todos os grupos, pretende estender a prohibición do uso da munición con chumbo a todo o territorio galego. Arestora, a lei de caza de Galiza (13/2013) traspón a prohibición, recollida na lei 42/2007 do patrimonio natural e da biodiversidade, de usar munición con chumbo en todos os humidais e espazos protexidos.

Trátase de que o cada vez máis cuestionado exercicio da caza cando menos non deite perigosos efectos colaterais derivados do uso do chumbo, un metal pesado moi tóxico e bioacumulativo. Tal como aconteceu cos carburantes e as pinturas, a prohibición do chumbo e a súa substitución por outros compoñentes menos tóxicos redundará munha millora da calidade ambiental dos ecosistemas e, portanto, da nosa saúde.

Esta iniciativa vai tamén na liña do acordado en 2014 pola Convención para as especies migratorias (CMS), dependente da ONU, e da que fai parte España, no senso de eliminar o uso do chumbo na munición nun prazo de 3 anos para todos os ambientes, e non só en humidais. Chama a atención que países como Dinamarca xa incorporaran esta medida a mediados dos anos 80 do século pasado!

A irracional oposición da Federación Galega de Caza

Porén o lobby da caza galego, nomeadamente a Federación Galega de Caza (FGC), resístese a deixar de envelenar o noso ambiente e iniciou unha curiosa cruzada a favor do chumbo e... contra os propios cazadores! Entidades como a Mesa galega da Caza ou a propia Federación Española defenden a substitución total da munición de chumbo por outra menos contaminante. Descoñecemos os espúreos intereses que moven á Federación Galega de Caza a oporse a esta medida, mais os argumentos expostos publicamente para defender o chumbo son cando menos curiosos:

Aos falsos argumentos técnicos (modificacións das armas e das características balísticas) e mesmo legais ("desaxuste lexislativo, contradicindo as medidas e estándares a nivel europeo e mesmo mundial" SIC) a FGC achega tamén un informe "científico" -asinado por 1 científico- da USC con curiosos postulados acientíficos:
-"La munición de plomo se ha empleado siempre para la caza con armas de fuego..." Dereito consuetudinario?
-"[...] Las emisiones de plomo al ambiente se producen mayoritariamente por otras vías como la minería, industrias, locomoción, etc."  Envelena, pero pouco...
-"La prohibición de empleo de munición de plomo para la caza de forma general es un paso más en la presión que algunos grupos conservacionistas pretenden ejercer sobre la actividad cinegética..." A ONU e a Federación española de caza agora son grupos conservacionistas...
-"La sustitución de la munición de plomo por otra alternativa ocasionará el abandono de la práctica cinegética por muchos cazadores..." Non o entenden así nin a Mesa Galega da Caza, nin a Federación Española nin as empresas do sector (ver nota de prensa).
-"La prohibición de la utilización de munición de plomo en Galicia causaría una grave discriminación del cazador gallego..." Para unha vez que poden ser pioneiros en algo bo...

Finalmente, e máis aló dos espúreos intereses e delirantes argumentos cos que a FGC oponse á substitución do chumbo na munición, ADEGA quere animar aos grupos políticos do Parlamento galego a aprobar a prohibición deste veleno en todo o noso territorio, para deste xeito colocar por unha vez a Galiza na avangarda da protección ambiental e da saúde no estado. Os que pretenden que sigamos nas cavernas só poden cualificarse como cavernícolas.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal