Inicio / Novas / Delegacións / Entroido reivindicativo en Laza
19-02-2015
A delegación ADEGA Monterrei Salvemos o Támega realizou o pasado martes un acto reivindicativo no entroido máis antigo de Galiza.
Decenas de persoas sumáronse a esta manifestación polas rúas de Laza cunha faixa que dicía unha vez máis "Salvemos o Támega". A delegación ADEGA-Monterrei alegou deste xeito, a necesidade de conservar este río pertencente a rede Natura 2000 e que nos últimos meses está a sufrir numerosos vertidos por mor das obras do AVE. Moitas das persoas que participaron nesta acción vestían fundas brancas e mascarillas lembrando a toxicidade destes vertidos, e os metales pesados atopados no leito do Támega nas últimas análises.
Ademáis, o tradicional Testamento do Burro do Entroido Lazano, lembrou este ano a catástrofe ambiental do río Támega coas seguintes verbas:
Cando vou pasar alá arriba
xa non paseo contento
o meu río viña limpo
agora baixa merdento.
Como contarlle ós fillos
que da Veiga ó Ferradal
que a auga fluia limpa
tan limpa como o cristal.
Hoxe choran as silveiras
vendo o Támega pasar
nós calados porque
acaso olvidousenos chorar?
Xa o decia Rosalía e
nunca fixemos caso
deixounos nesa cantiga
a crónica dun fracaso:
adeus ríos
adeus fontes
adeus regatos pequenos
adeus Támega querido
non sei cando nos veremos.
A auga en calma da Carballa,
que nunca facían mal
a luz do Regueiro seco
e a maxia do Ferradal.
A auga fría da Fontiña
que che adormecía a orella
o sol da Ponte da Veiga
e as Meigas da Pontevella.
O AVE pasará sen vernos
de camiño pra Madrid
pero non vos esquezades
de que nós quedamos aquí.
os catro ferros con rodas
de que che poden valen
se che envenenan a auga
morto que vas a ver.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal