23-01-2015
Analíticas encarregadas pola delegación de ADEGA-Monterrei dos regos que drenan o Támega á altura de Laza, amosan importantes valores de As (arsénico) e Pb (chumbo), entre outros metais pesados.
Os contaminantes proveñen dos sedimentos arrastrados dende os desmontes e obras do AVE, e depositados nas canles da parte N da bacía do Támega. As análises dos fondos destes regos amosan cantidades de As e Pb que multiplican por 750 e 1986 veces os valores establecidos como NCA (normas de calidade ambiental) polo Decreto 60/2011 de calidade das augas.
Esta contaminación podería supoñer un risco sanitario e ambiental non só para a poboación de Laza, senón para toda a bacía do Támega e a comarca de Verín, famosa pola produción de augas minerais. O treito galego do río Támega forma parte tamén da Rede Natura 2000, precisamente polo bo estado ecolóxico das súas augas e as comunidades de bosque de ribeira nos vales septentrionais da bacía, precisamente os máis afectados polas verteduras contaminantes das obras do AVE.
ADEGA vén de achegar un informe coas analíticas de augas aos concellos da comarca, así como á Confederación do Douro e á Consellaría de Medio Ambiente. É responsabilidade destas administracións garantir o bo estado ecolóxico destes espazos protexidos, das súas augas e da saúde dos seus habitantes.
Portanto, esiximos dos organismos responsábeis actuacións inmediatas para impedir novas verteduras por parte de ADIF, e a posta en marcha de medidas de restauración para minimizar o impacto destes contaminantes na saúde das persoas e do ecosistema naquelas áreas máis afectadas.
O AVE e os supostos réditos políticos desta obra faraónica non poden ser a excusa para danar un patrimonio natural de altísimo valor, pasando por riba das leis ambientais e poñendo en risco a saúde dos habitantes da comarca.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal