Inicio / Novas / Educación ambiental / Ecoauditoría de residuos no CEIP de Pedrouzos
04-02-2015
Comezamos as actividades do proxecto “O lixo desde o teu concello” na Mancomunidade de concellos da Serra do Barbanza. Os obradoiros sobre residuos impartiranse en centros de ensino, asociacións e concellos que xestionan o seu lixo dun xeito alternativo: recollendo a fracción orgánica e facendo compostaxe. A primeira actividade será unha Ecoauditoría de residuos no CEIP de Pedrouzos.
Ames, Brión, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Pontecesures, Porto do Son e Rois forman parte desta Mancomunidade que xestiona o lixo dos concellos centralizando o transporte, a separación, a reciclaxe e a reutilización. Na planta situada en Lousame a materia orgánica xerada nestes concellos transformase en compost. Un abono natural que serve para utilizalo na agricultura.
Pero a separación do lixo por parte das cidadás e cidadáns destes concellos ten unha base esencial, o programa de educación ambiental: “o lixo desde o teu concello”. Unha iniciativa baseada en charlas e obradoiros que dende fai máis de 10 anos lémbralles a estas persoas como xestionar o lixo para ter unha boa separación en orixe. O programa amosa a importancia dos tres R: Reducir (a cantidade de residuos), Reutilizar (sempre que sexa posible) e Reciclar (sempre).
O primeiro dos obradoiros a realizar será a Ecoauditoría de residuos. Unha estratexia de xestión, neste caso nun centro de ensino, para a avaliación dos residuos xunto cunha posterior proposta de mellora. Para iso as alumnas e alumnos do CEIP de Pedrouzos en Brión, realizarán mañá (5 de febreiro) a primeira fase da auditoría, unha reunión previa para falar do problema dos residuos e de cómo cada quen é responsable da súa xestión.
Nas seguintes actividades deste proceso será o propio alumnado quen realice inspeccións nas aulas e no patio do centro, observando e anotando cómo xestionan o lixo (especialmente o papel e a fracción resto), nos diferentes contedores do centro. Ademáis terán que realizar enquisas aos seus compañeiros, ao persoal docente, e ao equipo directivo, sobre o tema dos residuos en xeral e da reciclaxe de papel.
Por último os propios alumnos e alumnas propoñerán melloras para xestionar dunha maneira máis sostible o seus residuos. Entendendo que todas formamos parte deste problema ambiental pero que tamén todas podemos formar parte da súa solución
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal