ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Xunta inicia unha campaña para silenciar a...

07-10-2024

A Xunta inicia unha campaña para silenciar a milleiros de persoas e colectivos opostos a Altri

Rolda de prensa Plataforma Ulloa Viva e Plataforma de Arousa o 7 de outubro de 2024

ADEGA é un dos colectivos que apoian a campaña da Plataforma Ulloa Viva e da  Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) contra o intento da Xunta "de calarnos e deixarnos fóra da tramitación do proxecto, cando coma galegos e galegas,  afectados polo seu impacto, temos dereito a ter información da administración: esiximos que nos conten o que están a facer, os informes que encargaron, o que están a valorar os  técnicos e os resultados”. As entidades e colectivos denunciantes espetaron hoxe, en rolda de prensa, que “non contentos con filtrar á prensa supostos  informes encargados a distintos organismos, dos que non temos notificación nin  coñecemento”, agora a Xunta de Galicia leva semanas mandando escritos de requerimento aos asinantes das máis de 23.000 alegacións contra o proxecto “emendando a nosa  lexítima solicitude de que nos recoñezan a condición de persoas interesadas” nun  procedemento administrativo. 

Ulloa Viva e a PDRA explicaron que, dende fai unha semana, moitos dos asinantes das 23.000 alegacións presentadas ao proxecto están a recibir requerimentos da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, asinados pola xefa de servizo de  Coordenación Administrativa, nos que a Xunta “emenda” a solicitude das persoas alegantes de ser consideradas “persoas interesadas” na causa. En base ao artigo 4 da Lei  39/2015 de Procedemento Administrativo Común. A Xunta pídelle a particulares e colectivos que  alegaron contra Altri e queren ter información da súa administración sobre a tramitación do  proxecto, que “acrediten o seu interese” no prazo de 10 días hábiles para que ese mesmo  departamento valore dita acreditación. En caso contrario, advirte o requerimento,  “entenderáse por desistido”.

A actitude “inédita” da Xunta de Galicia chegou ao extremo de que o mesmo modelo de requerimento que aos particulares chegou tamén á propia Plataforma Ulloa Viva, á CIG, á ADEGA, á Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra, ao Sindicato Labrego Galego, á Agrocuir, á Confraría de de Pescadores da Illa de Arousa, ás distintas Anpas das comarcas afectadas que pediron persoarse, ou colectivos de empresarios locais coma Cerne. Estas organizacións temos nas nosas páxinas web e redes sociais á disposición da cidadanía sendos modelos de escritos de resposta que xustifican o interese das pesoas alegantes a  obter información e a participar no procedemento administrativo de autorización.

Diante desta “ofensiva” lanzada por parte da Xunta contra as máis de 23.000  alegacións ao proxecto de Altri, a Plataforma Ulloa Viva e a PDRA, xunto con outras  asociacións e colectivos de todo o país, anunciaron unha campaña de acción conxunta  “contra o intento da Xunta de amordazar ás persoas que alegaron en contra de Altri”. Diante da preocupación e o enfado co que os milleiros de persoas que presentaron alegacións están a recibir estes escritos da Xunta, Ulloa Viva e a PDRA advírtenlle á Xunta que “o país, non se vai deixar asoballar polo feito de que o PP pretenda usar a maquinaria da  administración contra os seus propios administrados”. Esta actuación antidemocrática do  Goberno galego súmase á negativa a ampliar os prazos de exposición pública para formular alegacións tanto no propio proxecto como no da captación de augas e vertedura.

Modelos de resposta a dispor da cidadanía

Deste xeito, os escritos de requerimento da Xunta están a ser contestados por parte  dos cidadáns “alegando en moitos casos a condición de teren propiedades, predios  arrendados, seren titulares de explotacións ou de proxectos empresariais” no territorio, para  reclamar algo tan sinxelo coma que “o seu propio goberno os recoñeza coma persoas interesadas na tramitación do proxecto que pode mudar as súas vidas, poñer en perigo a  súa saúde, botar a perder os seus negocios, estragar as súas explotacións agro-gandeiras/  marisqueiras e mesmo obrigalas a marchar”. Ulloa Viva e a PDRA denunciaron a  “insensibilidade e desprezo” dun goberno do PP que “cando se sinte acorralado polo clamor social contra un proxecto que tomou coma seu, decide atacar ao seu propio pobo”. 

De feito, son moitos os propietarios de fincas afectados por este proxecto, que xa acreditaron esta condición no periodo de alegacións, que teñen agora que “reiterarlle á  Xunta” que son propietarios e están afectados, cando foi a propia Xunta de Galicia a que  publicou a referencia catastral dos seus predios no Diario Oficial de Galicia colocándoos  coma afectados pola instalación da macrocelulosa. 

Os asinantes das alegacións, segundo lembran dende Ulloa Viva e a PDRA, demandan o cumprimento do artigo 53 da Lei 39/2015 de ser recoñecidas coma interesados nun procedemento administrativo. Segundo esta lei, eso supón simplemente “o dereito a  coñecer en calquera momento o estado de tramitación do procedemento e acceder ou ter  copia dos documentos” de dito procedemento. Ulloa Viva e a PDRA consideran que “se a  Xunta está a levar como di o procedemento con total transparencia non debería ter  problema algún para que os cidadáns exerzamos os nosos dereitos recoñecidos por lei”. 

No caso das persoas que pediron ser declaradas interesadas no procedemento, sen  ter predios ou dereitos directamente afectados, Ulloa Viva e a PDRA explicaron que tamén respostarán a esta “falta de respeto” da Xunta de Galicia, apelando aos dereitos que temos  recoñecidos na Constitución Española (nos artigos 15, 43,1 e 45.1): dereito á vida e á  integridade física, á protección da nosa saúde, a desfrutar dun medio ambiente axeitado  para a saúde das persoas e a preservar o uso de diñeiro público ante o intento de Altri e da Xunta de Galicia de obter financiamento das Administracións Públicas. ADEGA e Ulloa Viva poñen a disposición da cidadanía diferentes modelos de resposta ao requirimento.

O tecido económico e social, a poboación das comarcas polas que discorre o río  Ulla e os sectores do mar que viven da ría de Arousa están totalmente afectadas por este  proxecto que ameaza o seu futuro.“Quérennos sacar o noso dereito a protestar, a termos información e mesmo os  nosos dereitos constitucionais”, denunciaron Ulloa Viva e a PDRA. Advertíronlle á Xunta que “a lexitimidade é do pobo e ningunha das 23.000 alegacións pode ir ao lixo, porque o  proxecto de Altri significa mudar o modelo de país e por tanto aféctanos a toda a cidadanía”.

Manifestación o 15 de decembro

A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, apoiadas por  outros moitos colectivos entre os que está ADEGA, anuncian a convocatoria dunha  grande mobilización nacional para o vindeiro 15 de decembro en Compostela, unha nova demostración da contestación social en contra do proxecto da macrocelulosa de Altri Greenalia en Palas de Rei, baixo o lema “A Xunta non poderá calar todo un país. Altri non!”

Diante da tramitación do Proxecto Gama na Xunta de Galicia, o desprezo do  goberno galego a informes científicos dun órgano asesor estatutario coma o presentado o  mes pasado polo Consello da Cultura Galega, e o feito de que o goberno de Rueda “segue  sen atender ao clamor social contra Altri e continúa a defender os intereses particulares dunha empresa no canto de defender ás galegas e galegos, ao noso territorio e aos nosos  sistemas produtivos”. Ulloa Viva e PDRA anunciaron hoxe que “voltaremos ás rúas, todas e todos, para dicirlle ao PP e a Rueda que nin queremos nin precisamos unha macrocelulosa  no corazón da Galiza que suporía a destrución do noso país até a Ría de Arousa”. 

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal